Ezequiel Rey Turnes
| Biografía | |
|---|---|
| Nacemento | 1889 Santiago de Compostela |
| Morte | 1977 Santiago de Compostela |
| Actividade | |
| Ocupación | sindicalista, xornalista, político |
| Período de actividade | 1913 |
Ezequiel Rey Turnes, nado en Santiago de Compostela en 1889 e finado na mesma cidade en 1977, foi un xornalista, sindicalista, e político galego.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Curtidor do barrio de Casasnovas e despois carpinteiro, foi directivo da Sociedade de Carpinteiros a partir de 1913. Foi delegado no congreso da CNT do Teatro de la Comedia de 1919 representando a seis sociedades obreiras santiaguesas, e nomeado secretario da Federación local de Compostela despois da súa fundación en 1921. Participou o ano seguinte en Vigo no congreso de fundación da CNT galega. Dirixente da Federación Agraria Comarcal de Santiago, promoveu o semanario Lucha Social (1919-1921) e colaborou con ¡¡¡Tierra!!!. En 1922 acadou, xunto a Manuel Fandiño Ricart, a integración de todas as sociedades de Santiago de Compostela na Confederación Regional Galaica. Foi nomeado director de Solidaridad Obrera no plenario rexional do 18 de xaneiro de 1925, cando o periódico foi trasladada da Coruña a Santiago e en decembro dese ano participou da creación da Federación Marítima do litoral galego. Na Segunda República dirixiu Galicia Federal (1931). Foi detido pola Folga xeral revolucionaria de 1934 e procesado. Coa vitoria do Frente Popular nas eleccións de febreiro de 1936, foi nomeado concelleiro de Santiago de Compostela. Foi membro do Comité Central de Autonomía de Galicia, representando á Organización Comarcal Agraria. Co golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 foi detido gubernativo na Coruña en 1938, quedou en liberdade en setembro. Abríronlle expediente de responsabilidades políticas que foi sobresido en 1947.[1]
Nos primeiros anos do franquismo foi membro da Alianza Nacional de Fuerzas Democráticas (ANFD). Dende mediados dos anos corenta ata os anos setenta colaborou en La Voz de Galicia co pseudónimo Aristarco,[2] e tamén publicou algún artigo co seu nome.[3] Tamén colaborou en El Correo Gallego e La Noche.[4][5] Nos anos sesenta colaborou na revista Vieiros. Finou en Santiago de Compostela en 1977.[6]
Vida persoal
[editar | editar a fonte]Casou con Antonia Seoane Fuentes, que finou en 1968, e foi pai de Auria, Emilio, Indalecio, Ascensión, Manuela, José, Manuel, Pablo, Luis e Gabriel Rey Seoane.[7]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ BOE, 30-10-1949, p. 2389.
- ↑ "Galicia Federal", El Pueblo Gallego, 18-9-1976, p. 3.
- ↑ "Un gallego en el Costa Verde. Pravia", La Voz de Galicia, 3-11-162, p. 9.
- ↑ "Peculiaridades del campesino gallego", La Noche, 9-6-1962, p. 10.
- ↑ "Visión social de nuestro problema agrario", La Noche, 9-2-1963, p. 3.
- ↑ Hoja Oficial del Lunes, 19-9-1977, p. 19.
- ↑ La Voz de Galicia, 20-8-1968, p. 4.