Expedición Shackleton-Rowett
A expedición Shackleton-Rowett (1921–1922) foi o derradeiro proxecto antártico de Sir Ernest Shackleton, e o episodio final da Idade heroica da exploración da Antártida. A aventura, financiada por John Quiller Rowett, un home de negocios, tamén é coñecida como a expedición Quest que era o nome que Shackleton lle puxo a un antigo barco noruegués empregado na caza de focas e que foi reconvertido para a expedición. O proxecto orixinal era explorar o sector do mar de Beaufort, no océano Ártico, pero tivo que abandonar despois de que o goberno canadense lle retirase o apoio financeiro e acabou dirixíndose cara a Antártida. O Quest, máis cativo que calquera outro barco de exploración antártica usado até ese momento, amosou a miúdo as súas eivas e a viaxe cara ao sur padeceu atrasos por mor da pobre capacidade de navegación e por continuos problemas cos motores. Porén, antes de chegar ó punto no que debían comezar a expedición, Shackleton morreu a bordo do barco, xusto despois da súa chegada á illa sub-antártica de Xeorxia do Sur.
Despois da morte de Shackleton, a expedición limitouse a un cruceiro de tres meses polo Antártico oriental, baixo a dirección do segundo comandante Frank Wild. Nestas augas os defectos do Quest fixéronse manifestos: pouca velocidade, alto consumo de combustible, tendencia de alagar coas marusías e vías de auga constantes. O barco non puido continuar alén da lonxitude 20°E, moi por debaixo do seu obxectivo, e a pouca potencia do seu motor non era de abondo para penetrar no xeo antártico. Despois duns cantos intentos infrutuosos de crebar cara ao sur a través da banquisa, Wild dirixiu o barco a Xeorxia do Sur, despois dunha visita nostálxica á Illa Elefante onde, seis anos antes, el e outros 21 tripulantes do Endurance estiveran abandonados logo do afundimento do barco, na chamada expedición Endurance.
Wild pensou en pasar unha segunda volta polo xeo e levou o barco a Cidade do Cabo para preparalo. Aló recibiu unha mensaxe do patrocinador Rowett na que ordenaba o retorno do barco a casa, a Inglaterra e a viaxe rematou discretamente. Aínda que esta expedición dentro da historia da exploración polar non está moi ben considerada, a relevancia da viaxe do Quest é que marcou o final da Idade heroica da exploración da Antártida e o comezo da Idade mecánica. Porén, no fondo o acontecemento que a mantén na memoria colectiva, eclipsando todas as súas actividades, é a inoportuna morte de Shackleton.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Expedición Shackleton-Rowett |