Exiles FC
Exiles FC | |||
---|---|---|---|
Nome | Exiles Foot-Ball Club | ||
Fundación | 1876 | ||
Propietario | Eastern Telegraph Company | ||
| |||
O Exiles Foot-Ball Club foi un club de fútbol fundado en Vigo en 1876 por traballadores ingleses da Eastern Telegraph Company. É o primeiro club de fútbol do que se ten constancia na Península Ibérica.[1]
Non se sabe con certeza cal foi o destino deste equipo, aínda que se sabe que desapareceu a mediados do século XX.
Historia
[editar | editar a fonte]Etimoloxía e orixe
[editar | editar a fonte]O nome do equipo vén da palabra inglesa exiles, que en galego se traduce por exiliados. Así se chamou aos traballadores da Eastern Telegraph Company, coñecida en Galicia como o Cable Inglés, xa que, a pesar de conectarse por telégrafo con moitos países e manter importantes relacións internacionais, tiñan a súa sede en Porthcurno, ao sur de Cornualla. Debido a que estaban lonxe da súa terra foron alcumados exiliados.[2]
A compañía instalou oficinas de telegrafía submarina en Vigo en maio de 1873.[3] Pouco tempo despois creouse un club social chamado Exiles Club, a través do cal os traballadores podían encontrarse cos seus familiares e que tamén organizaba algúns equipos para practicar deporte.
Equipo de fútbol
[editar | editar a fonte]En 1876, os oficiais dos barcos ingleses crearon expresamente unha sección de fútbol chamada Exiles Football Club,[4] o primeiro equipo de fútbol do que se ten constancia na Península Ibérica. Como en Madrid ou Río Tinto, lugares de concepción doutras das primeiras sociedades con práctica futbolística, introduciuse grazas a eses británicos asentados. Como roupa tomaron as cores da bandeira de Cornualla, de onde eran orixinarios, vestindo así unha camisa branca con medias e pantalóns negros, substituíndo estes por outros brancos segundo as ocasións.
Como non tiñan rivais na cidade, os xogadores do Exiles disputaban partidos contra mariñeiros e oficiais ingleses cuxos barcos atracaba en Vigo, así como no resto das cidades portuarias do territorio. Segundo as fontes, incluso xogaron unha "Copa Primavera" entre eles, ata que a principios da década de 1900 sucedéronse máis partidos debido á popularidade que o fútbol adquiría e á conseguinte creación de novos equipos. O terreo de xogo dos Exiles estaba nos cadros do Recheo, tamén chamado Malecón ou Recheo, unha parte de terra gañada ao mar e onde hoxe se sitúa o Parque da Alameda.[5][6]
Eses primeiros encontros remataron por impulsar o que logo sería o fútbol na cidade e no país. Así, puideron verse partidos especialmente contra a tripulación da Royal Navy británica.[7][8] comezando a forxar unha habilidade difícil de superar na cidade.
Ao non rexistrarse como club no país, perdéronse novas sobre este club nos seus próximos anos, quizais pola súa maior influencia en Xibraltar que na propia Galicia. Non obstante, sábese que en 1907, o Exiles FC gañou a Copa Pontevedra, unha competición local organizada polo Pontevedra Sporting Club,[9] fundado o ano anterior, e que algúns dos seus xogadores arbitraron partidos no Campionato de Galicia de 1909.[10] Na Copa Pontevedra gañaron primeiro ao Español FC de Vigo antes de derrotar aos organizadores na final. Daquela xa había varios equipos na cidade olívica, entre eles o Vigo Foot-Ball Club (fundado en 1903) e o Real Club Fortuna (1905), de cuxa fusión naceu o Real Club Celta de Vigo en 1923. Aínda que os dous equipos mantiveron unha rivalidade, o Exiles FC estableceu boas relacións con ambos clubs, xogando os tres equipos no mesmo campo nos seus primeiros días.
Fútbol en Xibraltar
[editar | editar a fonte]Debido a que en España só había unha competición oficial naquel momento, o Campionato de España, e que por normativa non permitía a participación do Exiles FC, este xogaba habitualmente contra outros conxuntos ingleses de mariñeiros ou mercantes da península. Entre eles estaban os equipos de Xibraltar, tanto militares como civís, que formaran as súas propias competicións similares ás do fútbol inglés. Estes eran a Garrison Football League e a Russo Cup para os militares e a Merchants Cup para os civís, que finalmente conformou a Gibraltar Foot-Ball League en 1907. Foi nesa competición promovida pola Asociación de Fútbol de Xibraltar (GFA) e os comerciantes do territorio onde participou o Exiles Foot-Ball Club, conquistando dous títulos nas edicións de 1900 e 1902.[11]
As crónicas fan referencia á vida do club ata a segunda década do século XX, data na que se intúe a súa desaparición por falta de novas.[11]
Palmarés
[editar | editar a fonte]- Merchants Cup (2): 1900, 1902.
- Copa Pontevedra (1): 1907.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Rodríguez, Salvador (6 de xullo de 2012). "Vigo, cuna del fútbol español". Faro de Vigo (en castelán). Consultado o 12 de abril de 2021.
- ↑ Oliveira, Juan A. (29 de agosto de 2020). "Cuando Vigo era el centro de la red de comunicación mundial submarina". Consultado o 12 de abril de 2021.
- ↑ "O telégrafo que trouxo o fútbol". Nós Diario. 10 de setembro de 2019. Consultado o 12 de abril de 2021.
- ↑ "Vigo, cuna del fútbol español". Faro de Vigo. Consultado o 23 de marzo de 2018.
- ↑ Nespereira, Mario (16 de decembro de 2018). "El fútbol llegó primero a Vigo". ABC (en castelán). Consultado o 12 de abril de 2021.
- ↑ "El Relleno, la cuna del "foot ball"". Faro de Vigo (en castelán). 17 de febreiro de 2019. Consultado o 12 de abril de 2021.
- ↑ R. Pontevedra, Silvia (7 de abril de 2015). "El fútbol llegó a Riotinto... o a Vigo". El País (en castelán). Consultado o 12 de abril de 2021.
- ↑ "De Vigo". El Cardo (en castelán). 15 de marzo de 1903. p. 13. Consultado o 12 de abril de 2021.
- ↑ "De Galicia". El Noroeste (en castelán). 11 de setembro de 1907. p. 1. Consultado o 12 de abril de 2021.
- ↑ "De Sport". La Correspondencia Gallega (en castelán). 21 de agosto de 1906. p. 2. Consultado o 12 de abril de 2021.
- ↑ 11,0 11,1 InfoGibraltar (ed.). "¿Cómo entra el fútbol en España? - Gibraltar puerta del sur, un balón en el petate". infogibraltar.com (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 12 de abril de 2018. Consultado o 12 de abril de 2021.