Euritión (centauro de Fóloe)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Na mitoloxía grega, Euritón foi un centauro que atacou a Heracles e tivo que fuxir ante as frechas deste.

Heracles, para expiar o asasinato dos fillos, acto cometido nun acceso de loucura enviado por Hera, tivo que realizar os doce traballos que lle encomendara Euristeo. O terceiro foi capturar vivo ó Xabaril de Erimanto.

No camiño cara ao lugar onde se agochaba este animal, Heracles parou na casa do centauro Folo, amigo seu e, xunto a Quirón, os dous únicos centauros sabios e rectos, mentres que o resto deles eran personaxes salvaxes, luxuriosos, violentos cando estaban borrachos, como resultaba habitual neles. Folo deu de comer a Heracles e abriu unha cántara de viño. Ó recendo do viño chegaron axiña numerosos centauros, e Heracles enfrontouse a eles con tizóns acesos e coas súas frechas velenosas. Matou a varios e os outros fuxiron en todas direccións. Un deles, Euritión, foise refuxiar en Fóloe, na Arcadia.

"Os demais centauros fuxiron cada un a un lugar: uns dirixíronse ó monte Malea, Euritión a Fóloe e Neso ó río Eveno. Ós restantes a colleunos Posidón en Eleusis e ocultounos no monte".
(Pseudo-Apolodoro: Biblioteca mitológica II, 5, 4)

Neste enfrontamento, unha das frechas feriu -accidentalmente- ó centauro Quirón nun xeonllo, provocándolle a morte. Ademais, mentres Heracles perseguía ós centauros, Folo sacoulle unha frecha a un dos cadáveres, asombrado de que puidera matar a seres tan grandes sendo unha cousa tan pequena. Ó manipulala caeulle das mans e foi caerlle nun pé, e morreu de socate.

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • ELVIRA BARBA: Miguel Ángel: Arte y mito. Manual de iconografía clásica. Sílex, 3ª ed. 2017, 517.
  • PSEUDO-APOLODORO: Biblioteca mitológica. Tradución e notas de Julia García Moreno. Alianza Editorial 3ª ed. 2016 [a numeración segue a utilizada neste texto].