Eugenio Urtaza Norat

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaEugenio Urtaza Norat
Biografía
Nacemento12 de novembro de 1892 Editar o valor em Wikidata
Pontevedra, España Editar o valor em Wikidata
Morte12 de decembro de 1947 Editar o valor em Wikidata (55 anos)
Pontevedra, España Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeEspaña Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónpolítico Editar o valor em Wikidata

Eugenio Urtaza Norat, nado en Pontevedra o 12 de novembro de 1892 e finado na mesma cidade o 12 de decembro de 1947, foi un dos fundadores do Partido Comunista de España en Galicia.[1]

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Fillo de Sabina Urtaza Norat, mestra de Portonovo. Comezou uníndose á Xuventudes Socialistas, e en 1921 apuntouse ó grupo dos terceiristas, formando parte, así, dos fundadores do primeiro grupo comunista galego que lideraba Manuel García Filgueira. Foi delegado no I Congreso do PCE. Despois disto pasou moito tempo en Vigo onde rexentou unha barbería e organizou o partido en Teis.[1] En 1925 foi encarcerado no cárcere Modelo de Madrid.[1]

En 1928 cando pasaba a procesión do Cristo da Vitoria, el ía no tranvía, que tivo que deterse, e mentres a procesión pasaba el púxose a ler o periódico mentres o resto de pasaxeiros poñíanse de xeonllos. Un sacerdote denunciono por escándalo, e a Garda Civil prendeuno. Mandárono outra vez para o cárcere Modelo, e botou alí oito meses.[1]

Volveu vivir a Pontevedra na Segunda República.[1] Na cidade rexentou unha taberna na rúa Alhóndiga, detrás da casa consistorial. Secretario de correspondencia do Comité local do Socorro Vermello Internacional de Pontevedra en 1931,[2] foi o encargado de organizar o Socorro Vermello co obxectivo de axudar os presos da cidade e os que estaban nos buques do polígono Janer na base naval de Marín en 1934. A causa destas accións o gobernador ordenou o peche da súa taberna.[1] Foi secretario da sociedade La Viña, que agrupaba aos taberneiros de Pontevedra.[3]

Participou activamente na campaña a favor do Estatuto de autonomía de Galicia de 1936.[1] Tamén organizou a participación de Galicia na Olimpíada Popular de Barcelona que se ía celebrar en xullo de 1936, acudindo cunha expedición que saíu de Pontevedra o 16 de xullo. Cando chegaron a Barcelona atopáronse co golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 e marchou para Madrid coas súas fillas. Desde Madrid dirixíronse a Murcia, e alí residiron durante a guerra civil española ata a chegada do exército franquista o 1 de abril de 1939. Ante esta situación marchou de novo para Pontevedra con varios familiares e alí foi apresado ao baixar do trén en abril de 1939.[1][4]

Grazas á declaración no xúízo da familia coa que estivera en Murcia conseguiu salvar a vida. Abríronlle expediente de responsabilidades políticas en 1940.[5] Debido a que seguía coas súas actividades comunistas foi encarcerado varias veces máis. Finalmente foi condenado a seis anos de prisión en 1947, e morreu o 12 de decembro no cárcere a causa de brutais malleiras e de falta de atención médica.[6][1][7]

Colaborou nos periódicos La Antorcha, Galicia, La Libertad, El País e El Campesino, publicación da que foi director.[1]

Vida persoal[editar | editar a fonte]

Casou en Pontevedra con Carmen Lamas Fernández, filla de Víctor Lamas e irmá de Viriato Lamas Fernández, en xullo de 1917.[8]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,00 1,01 1,02 1,03 1,04 1,05 1,06 1,07 1,08 1,09 Entrada “Urtaza Norat, Eugenio” na GEG.
  2. El Pueblo Gallego, 20-10-1931, p. 2.
  3. El Pueblo Gallego, 28-4-1936, p. 13.
  4. El Pueblo Gallego, 19-4-1939, p. 5.
  5. BOE, 12-3-1940, p. 1325.
  6. Ciudad,8-12-1947, p. 2.
  7. “Urtaza y Vilaboy, asesinados por Franco”, Mundo Obrero. Comité de Galicia del PCE, 10-1-1948.
  8. El Progreso, 31-7-1917, p. 2.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]