Saltar ao contido

Estorniño negro

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Estorniño negro

En plumaxe invernal
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Aves
Orde: Passeriformes
Xénero: Sturnus
Especie: Sturnus unicolor
Temminck, 1820

O estorniño negro[2][3] (Sturnus unicolor) é unha ave paseriforme da familia Sturnidae. Está estreitamente relacionado co estorniño pinto, S. vulgaris, pero ten unha distribución moito máis restrinxida, confinado na Península Ibérica, noroeste de África, parte máis meridional de Francia, e as illas de Sicilia, Sardeña e Córsega. En Galicia é unha ave sedentaria e moi común e un dos dous estorniños que se poden ver no país, xunto do estorniño pinto.[3] É unha ave esencialmente non migratoria.[4][5][6]

Taxonomía e sistemática

[editar | editar a fonte]
Estorniño negro

Debido á recente división do xénero Sturnus, esta especie e mais o estorniño común, son as únicas especies que quedan no xénero.[7][8] Ocasionalmente atópanse híbridos entre esta especie e o estorniño común onde as áreas reprodutoras de ambos se solapan no noroeste da Península Ibérica.[4][5]

Descrición

[editar | editar a fonte]
Ovos de Sturnus unicolor no MHNT

O adulto é moi similar ao estorniño común, pero un pouco máis grande (21–23 cm de lonxitude; 70–100 g de peso), e ten unha plumaxe negra de aspecto aceitoso e máis escura, con brillos lixeiramente púrpuras ou verdes, que carece totalmente de pintas en primavera e verán, e só con moi poucas manchas claras pequenas en plumaxe de inverno, formadas polas puntas claras das plumas. Tamén difire por ter plumas na gorxa claramente máis grandes (dúa veces a lonxitude das que ten o estorniño común[4]), formando unha "barba" descoidada, que é especialmente visible cando a ave está cantando. As súas patas son rosas brillantes. En verán, o bico é amarelo cunha base azulada nos machos e unha base rosada nas femias; en inverno, é máis apagado, a miúdo anegrado. Os xoves son dunha cor marrón apagada, máis escura que a dos xoves de estorniño común, e teñen un bico negro e patas marróns.[6][9] A confusión co estorniño común é especialmente fácil durante o inverno, cando os estorniños comúns son abundantes na área de distribución do estorniño negro, pero tamén en verán onde se solapan as súas áreas de reprodución no nordeste de España e a parte máis ao sur de Francia.[6] Pode tamén confundirse co merlo común, Turdus merula, que se diferencia claramente pola súa cola máis longa e carecer de brillo na plumaxe.[9]

Igual que os estorniños comúns, máis que choutar camiña, e ten un voo directo potente, mostrando unhas ás de aspecto triangular e cola curta. É unha ave ruidosa e un bo imitador; as súas chamadas son similares ás do estorniño común, pero máis altas.[6]

Distribución e hábitat

[editar | editar a fonte]

O estorniño negro utiliza unha ampla variedade de hábitats e pode encontrarse en calquera ambiente aberto axeitado, desde terras agrícolas ou olivares a zonas habitadas por humanos. As maiores densidades de poboación danse en bosques de enciñas pastados, e hábitats urbanos como Xibraltar, onde é común.[5][10] A poboación creceu nas última décadas cunha expansión da súa área de distribución cara ao norte, espallándose por toda España (antes estaba ausente a partir do nordeste) entre 1950 e 1980, e colonizando localmente ao longo da costa sur de Francia desde 1983.[5][6] Igual que o seu parente máis común, é omnívoro, comendo unha gran variedade de invertebrados, bagas, e sobras proporcionadas por humanos. É gregario, formando bandadas de considerable tamaño, a miúdo mesturados cos estorniños comúns, de ata 100 000 en inverno.[4]

Aniña en cavidades en árbores, edificios e cantís. Normalmente pon de tres a cinco ovos.[4]

  1. BirdLife International (2016). "Sturnus unicolor". The IUCN Red List of Threatened Species. p. e.T22710893A87851643. Consultado o 4 May 2019. 
  2. Conde Teira, M. A. (1999). "Nomes galegos para as aves ibéricas: lista completa e comentada" (PDF). Chioglossa (A Coruña) 1: 121–138. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 15 de marzo de 2016. Consultado o 28 de setembro de 2016. 
  3. 3,0 3,1 Penas Patiño, Xosé M.; Pedreira López, Carlos (setembro de 2004). Guía das aves de Galicia. Ilustrado por Calros Silvar (2ª ed.). A Coruña: Baía Edicións. ISBN 84-96128-69-5.
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 Hoyo, J. del; et al., eds. (2009). Handbook of the Birds of the World, vol. 14. Barcelona: Lynx Edicions. p. 725. ISBN 978-84-96553-50-7. 
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 Hagemeijer, W. J. M., & Blair, M. J., eds. (1997). The EBCC Atlas of European Breeding Birds pp. 690. Poyser, London ISBN 0-85661-091-7.
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 6,4 Snow, D. W.; Perrins, C. M. (1998). The Birds of the Western Palearctic (Concise ed.). Oxford: Oxford University Press. pp. 1496–1498. ISBN 0-19-854099-X. 
  7. Zuccon, D., Pasquet, E., & Ericson, P. G. P. (2008). Phylogenetic relationships among Palearctic–Oriental starlings and mynas (genera Sturnus and Acridotheres: Sturnidae). Zoologica Scripta 37: 469–481. Full text Arquivado 12 de abril de 2016 en Wayback Machine.
  8. IOC World Bird List: Sturnidae Arquivado 24 de marzo de 2010 en Wayback Machine.
  9. 9,0 9,1 Blasco-Zumeta, J., & Heinze, G.-M. (undated). Laboratorio Virtual Ibercaja 417 Spotless Starling Arquivado 02 de decembro de 2014 en Wayback Machine.
  10. The Gibraltar Bird List

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]