Estevo de Ripon

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Páxina dun manuscrito do século XI da Vita Sancti Wilfrithi describindo a fundación de Hexham Abbey

Estevo de Ripon foi o autor do texto haxiográfico Vita Sancti Wilfrithi ("a Vida de San Wilfrid"). Outros nomes que tradicionalmente se lle atribuíron son Eddius Estéphanus ou Æddi Stephanus, pero os historiadores actuais tenden a favorecer o de "Estevo".

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Sábese moi pouco sobre a vida de Estevo de Ripon. O autor da Vita Sancti Wilfrithi identifícase a si mesmo como "Estevo, un sacerdote". Beda menciona que Wilfrid trouxo un mestre de canto de Kent, Ædde Stephanus,[1] a Ripon en 669 para ensinar canto, e tradicionalmente pensouse que este era a mesma persoa que o "Estevo" mencionado. Con todo, non hai evidencia sólida de que os dous nomes describan a mesma persoa[2]. Se os dous fosen, de feito, o mesmo, Estevo tería polo menos vinte anos de idade cando chegou ao norte, colocándoo en sesenta anos de idade ou máis á morte de Wilfrid no ano 709.

Independentemente de se Estevo, o sacerdote, fose ou non o mestre de canto, parece ser seguidor de Wilfrid e foi capaz de consultar con persoas que coñeceran estreitamente a Wilfrid para a Vida de San Wilfrid. Escribiu para os monxes en Ripon, moitos dos cales coñeceran a Wilfrid[3].

Obras[editar | editar a fonte]

A vida de San Wilfrid[editar | editar a fonte]

Vida de San Wilfrid é a única fonte documental sobre San Wilfrid, á parte da Historia Ecclesiastica de Beda. Foi escrito pouco despois da morte de Wilfrid no ano 709. O encargo veu de Acca de Hexham, un dos seguidores de Wilfrid, quen máis tarde se convertería en bispo e sucedería a Wilfrid na sede de Hexham. Aínda que Estevo posibelmente coñecía a Wilfrid persoalmente e tivo acceso a outras persoas que o coñeceron, relata varios acontecementos extraordinarios e fai uso doutras fontes escritas. Mesmo copia dúas liñas directamente desde O Anónimo a Vida de Cuthbert, entre outros préstamos[4]. Con todo, a diferenza de moitos das primeiras haxiografias medievais, que consistían en cadeas de milagres atribuídos aos santos, a Vida toma a forma dunha descrición cronolóxica e inclúe nomes específicos e eventos.

Non se sabe exactamente o obxectivo de Estevo ao escribir a Vida de San Wilfrid, pero os eruditos teñen varias teorías. Argumentouse que un dos propósitos era desmontar o culto baseado en Cuthbert e substituílo polo de Wilfrid. Con todo, os préstamos tomados por Estevo só constitúen unha pequena porcentaxe do total, e áchanse completamente localizados na primeira parte da obra, facendo esta teoría improbábel[5].

O traballo está moi sesgado en favor de Wilfrid e inclúe explícitas comparacións de Wilfrid con personaxes do Antigo Testamento e o Apóstolo Paulo[6]. Ao principio, Estevo explica que a comunidade o instou a escribir a Vida. O obxectivo de Estevo podería ser simplemente describir os sentimentos da comunidade acerca da santidade e a bondade da vida de Wilfrid, a quen coñeceran persoalmente[7].

Significado[editar | editar a fonte]

A obra de Estevo, Vida de San Wilfrid, foi unha das primeiras historias anglosaxoas, e a máis antiga que sobreviviu. Beda evidentemente utilizouna como fonte para as seccións da súa Historia Ecclesiastica, aínda que el non recoñece[8].

A Vida de San Wilfrid tamén é importante, xa que proporciona unha perspectiva contemporánea sobre os eventos que ocorreron durante a vida de Wilfrid. Por exemplo, proporciona un relato do Sínodo de Whitby, que difire do de Beda. Mentres os escritos de Estevo foron obxecto de máis críticas que os de Beda, o relato que aparece na Vida de San Wilfrid revela factores políticos que poderían afectar ao Sínodo xunto ás controversias descritas por Beda[9].

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Beda, el Venerable (2013). Moralejo, José Luis, ed. Historia eclesiástica del pueblo de los anglos. Clásicos latinos medievales y renacentistas. Madrid: Akal. p. 196. ISBN 978-84-460-3223-6. 
  2. Kirby, p. 102.
  3. Abels, p. 13.
  4. Heffernan, p. 138.
  5. Laynesmith, p. 164.
  6. Laynesmith, p. 175.
  7. Foley, p. 99.
  8. Kirby, p. 3.
  9. Abels, p. 2.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Texto
  • Colgrave, Bertram, ed. & trans. (1927) The Life of Bishop Wilfrid by Eddius Stephanus. Cambridge: Cambridge University Press, 1927, 1985.
Manuscritos [1]
1. Londres, British Library, Cotton Vespasian D. VI. Orixe: probabelmente traído de Yorkshire antes de permanecer en Canterbury e logo adquirido pola British Library.
folios. 2-77: século IX, con engadidos do s. XI; folios. 78-125: século XI, con engadidos do século XII na páxina final.
2. Oxford, Bodleian Library, Fell vol. III 34a-56b, orixinariamente vol. I. Escrito a finais do século XI ou a principios do XII.

Obras relacionadas[editar | editar a fonte]

  • Abels, Richard (1983) “The Council of Whitby: a study in early Anglo-Saxon politics”, in: The Journal of British Studies; 23.1, pp. 1–25.
  • Foley, William Trent (1992) Images of Sanctity in Eddius Stephanus’ “Life of Bishop Wilfred”, an early English saint’s life. Lewiston, Nova York: Edward Mellen Press.
  • Heffernan, Thomas J. (1992) Sacred Biography: saints and their biographers in the Middle Ages. New York: Oxford University Press.
  • Kirby, D. P. (1983) “Bede, Eddius Stephanus and the ‘Life of Wilfrid’”, in: The English Historical Review; 98.386, pp. 101-14.
  • Kirby, D. P. (1965) “Problems of Early West Saxon History”, in: The English Historical Review 80.314, pp. 10–29.
  • Laynesmith, Mark D. (2000) “Stephen of Ripon and the Bible: allegorical and typological interpretations of the Life of St Wilfrid”, in: Early Medieval Europe 9.2, pp. 163–82.
  1. Colgrave, Life of St Wilfrid. pp. XIII-XIV.