Estadio Municipal de Viveiro

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Coordenadas: 43°40′05.3″N 7°35′50.4″O / 43.668139, -7.597333

Estadio Municipal de Viveiro
Viveiro.JPG
Vista do estadio na beira da ría (á dereita) desde o monte de San Roque
Datos
LocalizaciónRúa Alcalde Medeiras s/n, 27850 Covas,Viveiro Flag of Galicia.svg
Construción
Inauguración2 de xullo de 1996
Estadio
SuperficieHerba natural
Dimensións105x65 m
Capacidade1.100
PropietarioConcello de Viveiro
LocalíaSDR Sacido

O Estadio Municipal de Viveiro, é unha instalación polideportiva situada na parroquia de Covas, Viveiro. O seu propietario é o Concello de Viveiro e nel exerce como local o equipo de fútbol SDR Sacido. Conta cun terreo de xogo de herba natural cunhas dimensións de 105 x 65 metros e unha bancada cuberta con asentos individuais con capacidade para 1.100 espectadores.

Historia[editar | editar a fonte]

Construído entre 1995 e 1996 grazas a un investimento de 200 millóns de pesetas, foi inaugurado o 2 de xullo de 1996 por Manuel Fraga e estreado a finais dese mesmo mes cun enfrontamento entre o Viveiro CF e o RC Deportivo da Coruña. No seu momento, o ex alcalde viveirense César Aja propuxo darlle o nome de Augusto César Lendoiro mais o seu desexo non prosperou.

Segundo os xestores políticos de entón, serviría de escenario preferente para o principal club local -o Viveiro CF- que competía daquela na terceira división. Anos despois, o Campo Municipal de Cantarrana continúa a ser o principal e o novo estadio é empregado para adestramentos e como escenario de partidos de categorías inferiores e de Segunda Autonómica, onde compite a SDR Sacido, ademais de algún torneo estival.[1]

En declaracións a La Voz de Galicia de Domingo González López, presidente do Viveiro CF entre 2006 e 2010[2], aprobadas polos máis dos seareiros e algúns afectados, explicaba por que ao novo estadio municipal viveirense se lle está a dar unha utilidade ben distinta á prevista para a que fora concibida: «O Viveiro sempre xogou en Cantarrana, séntese cómodo alí; non creo que os socios aprobaran un cambio de escenario. Ademais, o campo novo é moi pouco acolledor, o terreo de xogo non está en boas condicións e cando sopra vento do nordés resulta moi complicado xogar ou presenciar un partido. O ideal sería que estivese localizado de xeito transversal á ría e non en paralelo».[1]

Un total de 16 conxuntos exercitábanse en 2009 no recinto localizado na denominada zona do Cembedo: 10 equipos da Escola de Fútbol Viveiro (desde prebenxamíns até alevíns), 4 do Viveiro CF (primeiro equipo, xuvenís, cadetes e infantís), 1 da AD Praia de Covas (infantís) e o equipo da SDR Sacido. O primeiro equipo do club celeste era o único que non o usaba tamén para disputar o seus compromisos ligueiros.[1]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 I. Meitín Buján | La Voz de Galicia (11 de febreiro de 2009). "El Viveiro C.F. pasa de la modernidad". Consultado o 30-03-2016. 
  2. I. Meitín Buján. La Voz de Galicia (20 de febreiro de 2010). "«El Viveiro C.F. tiene intención de pagar al equipo y va a hacerlo»". Consultado o 30-03-2016.