Espetada moura
A espetada moura (coñecida en español coma pincho moruno ou pinchito e internacionalmente coma shish kebab) é unha preparación orixinaria de Marrocos, elaborada con carne adubada, cravada nun espeto e cociñada nunha grella ou prancha[1]. En España a carne pode ser de polo ou de porco adubado en pemento e allo, xeralmente picante segundo o tipo de pemento empregado no adubo. O simple termo espetada refírese ao conxunto de anacos de alimentos cravados nun espeto e asados nunha prancha ou grella, neste caso poden ser peixes (peixe sapo...), mariscos (lagostinos...), carnes ou verduras[1].
A espetada moura orixinal elabórase con carne de año, vitela ou mesmo pito (nunca de porco), xeralmente condimentada cunha mestura de numerosas especias (Ras o hanut), que inclúen na súa composición básica:comiño, ourego, coandro, cúrcuma, carvea, pemento, noz moscada, caiena e canela, entre outras. Toda esta mestura de ingredientes é esmagada e engadida en distintas proporcións, dependendo do oficiante e o gusto do cliente.
Características
[editar | editar a fonte]Estes petiscos mouros adoitan estar elaborados cun espeto de metal (neste caso adoita ter unha argola ao final) duns 20 a 25 cm de longo no cal se crava unha sucesión determinada de anacos de carne que se deben pór na grella, á prancha ou nun anafe (especie de fornelo de barro). Adoita venderse o conxunto completo (espeto e carne ensartada) ou só a carne adubada e en cachos.
O nome deste petisco procede da súa orixe na tradición culinaria andalusí e magrebí.