Esfera armilar
En astronomía, unha esfera armilar, coñecida tamén co nome de astrolabio esférico, é un modelo da esfera celeste utilizado para mostrar o movemento aparente das estrelas ao redor da Terra ou o Sol.
A esfera armilar inventouna presumibelmente Eratóstenes contra o ano 255 a.C.
O cualificativo procede do latín armilla (círculo, brazal), dado que o instrumento está construído sobre un esqueleto de círculos graduados mostrando o ecuador, a eclíptica e os meridianos e paralelos astronómicos.
Na maioría das esferas armilares pódese apreciar a Terra ou tamén, en modelos posteriores, o Sol, representado no centro da esfera.
Historia
[editar | editar a fonte]As esferas armilares utilizáronse como instrumentos de ensinanza xa no século III a.C.
Modelos máis sofisticados realizáronse na época helenística, en tempos do astrónomo Claudio Tolomeo, moito máis precisos e capaces de seren utilizados incluso para predicir observacións.
As esferas armilares convertéronse en instrumentos populares ao final da Idade Media e no Renacemento, e o astrónomo danés Tycho Brahe (1546-1601) construíu numerosos enxeños deste tipo.
No Renacemento moitos científicos e personaxes públicos posaban para os seus retratos co fondo dunha esfera armilar como símbolo de sabedoría e coñecemento.
Ao seren as esferas armilares uns dos primeiros equipos mecánicos complexos, o seu desenvolvemento posibilitou numerosos avances técnicos da mecánica.
Na bandeira e no escudo de Portugal aparece representada unha esfera armilar utilizada como símbolo nacional desde o reinado de Manuel I de Portugal.
Equivalente na China
[editar | editar a fonte]Na China os astrónomos desenvolveron o equivalente chinés da esfera armilar, os chamados globos celestes, para axudarse con eles a planificar as súas observacións das estrelas.
O globo celeste máis antigo data do ano 52 a.C., na época da dinastía Han Occidental e foi construído polos astrónomos Geng Shou-chang (耿壽昌) e Luo-xia Hong (落下閎).
Algúns destes instrumentos podían moverse, impulsados por correntes de auga, simulando o movemento dos astros.
Moito tempo despois, Li Chun-feng (李淳風), da dinastía Tang, creou, no ano 633, un modelo máis avanzado con tres capas esféricas que lle permitían calibrar diferentes aspectos das observacións astronómicas.
No ano 723, durante a mesma dinastía, o monxe budista Yi-xing (一行) e o oficial do goberno Liang Ling-zan (梁令瓚) combinaron o globo celeste de Zhang Heng movido por auga cun dispositivo capaz de permitir a saída do líquido. O resultado foi posibelmente o primeiro reloxo mecánico enteiramente movido por auga (clepsidra) da historia.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Commons ten máis contidos multimedia sobre: Esfera armilar |
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Esfera armilar (en castelán).
- Esfera armilar (en portugués).