Esfínter
Un esfínter (do latín tardío sphincter, e este do grego σφιγκτήρ, sphinktēr, "banda, músculo contráctil"), é unha estrutura anatómica constituída por un músculo circular ou con forma de anel que normalmente mantén a constrición dun orificio ou pasaxe natural do corpo, que se relaxa cando é necesario para o funcionamento fisiolóxico normal. Os esfínteres atópanse en moitos animais vertebrados e invertebrados, e no corpo humano existen moitos, aínda que algúns son pequenos e microscópicos, especialmente os millóns de esfínteres precapilares existentes nos capilares sanguíneos.[1] Os esfínteres reláxanse ao morrer. O mal funcionamento dos esfínteres orixina diversos problemas como a incontinencia urinaria ou fecal ou o refluxo gastroesofáxico.
Funcións
[editar | editar a fonte]Os esfínteres son efectivos para controlar a entrada e liberación de líquidos e sólidos, facilitando o seu paso nos momentos adecuados ou impedindo o refluxo. Moitos esfínteres úsanse diariamente como parte normal da dixestión ou da visión. Por exemplo, o esfínter esofáxico situado na parte superior do estómago mantén os ácidos estomacais e outros contidos estomacais dentro do estómago evitando que pasen ao esófago.
Clasificacións
[editar | editar a fonte]Os esfínteres poden clasificarse en funcionais e anatómicos:
- Os esfínteres anatómicos teñen un engrosamento de músculo localizado e xeralmente circular que facilita a súa acción como esfínter.
- Os esfínteres funcionais non teñen ese engrosamento muscular localizado e realizan a súa acción de esfínter por medio da contracción muscular arredor (extrínsecos) ou dentro (intrínsecos) dunha estrutura anatómica.
Os esfínteres poden tamén ser controlados voluntariamente ou involuntariamente:
- Os esfínteres voluntarios están controlados polo sistema nervioso somático.
- Os esfínteres involuntarios son estimulados polo sistema nervioso autónomo.
Exemplos
[editar | editar a fonte]- O esfínter pupilar, situado no iris no ollo, que controla a abertura pupilar e, por tanto, a cantidade de luz que entra no ollo.
- O esfínter esofáxico superior.
- O cardia (esfínter esofáxico inferior), na parte superior do estómago. Este esfínter impide que os contidos ácidos do estómago pasen ao esófago.
- O esfínter pilóricio, na parte inferior do estómago. Libera o quimo no duodeno.
- O esfínter ileocecal na unión do intestino delgado co groso, que impide o refluxo dos contidos do cego cara ao íleo.
- O esfínter de Oddi, que controla as secrecións do fígado, páncreas e vesícula biliar ao duodeno.
- O esfínter uretral, que controla a saída da urina do corpo.
- O ano posúe dous esfínteres (esfínter anal externo e esfínter anal interno), que controlan a saída das feces do corpo. O interno é involuntario e o externo é voluntario.
- Os esfínteres precapilares microscópicos funcionan controlando o fluxo de sangue nos capilares en resposta á actividade metabólica local.[1]
- Os músculos orbiculares, como o dos labios e o das pálpebras, considéranse tamén esfínteres.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 Vander, Arthur; Sherman, James; & Luciano, Dorothy (1994). Human Physiology: The Mechanism of Body Function (Sixth Edition, International Edition). McGraw Hill, Inc. pp. 437–440. ISBN 0-07-113761-0.