Escudo de Xordania

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O escudo de armas do Reino Haxemita de Xordania é tamén o brasón do monarca xordano e procede das armas da dinastía Haxemí.

Na parte superior figura unha coroa real cerrada de ouro que representa a monarquía, colocada sobre un manto de cor rubia e branca que representa o trono haxemita. A cor rubia do exterior simboliza o sacrificio e o branco do interior, a pureza.

Dentro do manto figuran dúas bandeiras da Revolta Árabe contra o poder otomán, na que se inspirou o deseño das bandeiras de Xordania e da que foi usada polo antigo Reino Haxemita de Irak. Diante das bandeiras está colocada unha aguia de cor negra cun peteiro rubio e ás estendidas que representa o poder e a coraxe. A aguia repousa sobre un orbe azul, símbolo da difusión do islam polo mundo.

Baixo as figuras da aguia e do orbe aparecen algunhas armas que simbolizan o desexo de procura do que é correcto para defendelo fronte ao que é erróneo ou inxusto. Entre estas armas destaca un escudo de ouro. Na parte inferior do escudo do país está situada a máxima condecoración do Reino, unida a dous ramallos, un de trigo e outro de palma.

Entre a condecoración e o escudo de ouro, engadiuse unha fita escrita en árabe coas palabras: "Rei do Reino Haxemira de Xordania que agarda a axuda e éxito grazas a Deus, Abdullah ibn Al Hussein ibn Aoun" (Abdullah II de Xordania) que substituíu, na versión actual do escudo, o nome do seu pai e antecesor.