O escudo de Costa do Marfil, na súa versión actual, foi adoptado no ano 1964. Na parte central do escudo figura a cabeza dun elefante africano. Este animal é un símbolo destacado do país, é animal de maior tamaño que hai nas súas terras, ademais de ser fonte de marfil, recurso que deu nome a este lugar. Na parte superior do escudo está representado o sol nacente, o símbolo tradicional dun novo comezo. Como sustentadores do escudo figuran dúas palmeiras. Na parte inferior figura a denominación oficial do país en francés, "Republique de Cote d' Ivoire", escrita nunha fita.
A cabeza de elefante é un sinal xa usado a partir da independencia, en 1960. Naqueles tempos o escudo era de azur, cunha cabeza de elefante de prata, timbrado co sol nacente e rodeado por unha serie de bandeiras nacionais, con dúas árbores estilizadas de ouro como soportes. En 1964 estas árbores esquemáticas foron substituídas por unhas palmas, tamén de ouro, e o campo pasou a ser de sinople. En 1997 volvéronse cambiar as cores, pero a composición básica continuou sendo a mesma.