Escudo da provincia de Lugo
O escudo da provincia de Lugo ten a súa orixe nas armas do escudo da capital que, durante algúns anos, foi tamén o da provincia. O primeiro escudo provincial data de 1877, a maior parte dos elementos deste foron adoptados das armas da cidade pero introducíronse nel algunhas diferenzas, entre as que destacou que o brasón provincial é, dende entón, un escudo cortado.
En 1932, e a raíz da proclamación da II República, introducíronse algúns cambios no escudo, como a substitución da coroa real por outra mural ou, en 1942 a modificación novamente para engadirlle o xugo e as frechas, símbolo da Falanxe e do réxime franquista. En 1958 retiráronse estes símbolos, pero adoptouse unha segunda versión do escudo provincial no que figuraban tamén os que correspondían cos partidos xudiciais; e nos anos setenta introducíronse algunhas modificacións exteriores. En 1984 decidiuse unificar o modelo oficial das armas provinciais e, finalmente, o 3 de abril de 1986, aprobouse o modelo que se entende agora como oficial mediante un Decreto da Xunta de Galicia no que aparece descrito o escudo como:
"Un escudo cortado: 1º de azur, un cáliz de ouro, sumado da Sacra Forma de prata, radiante de ouro, e deitado de dous anxos en adoración afrontados, de prata, sobre senllas nubes do mesmo metal, 2°, de goles, unha torre donxonada dunha peza, de prata, aclarada de azur, e abeirada por dous leóns enfrontados e rampantes contra a torre, de ouro. Ao timbre, coroa real, forrada de goles ou vermello, pechada, que é un círculo de ouro, engastado de pedras preciosas, composto de oito floróns de follas de acanto, visibles cinco, interpoladas de perlas e de cada unha das súas follas saen cinco diademas sumadas de perlas que converxen nun mundo azur, co semimeridiano e o ecuador de ouro, sumado de cruz de ouro."
Outras versións
[editar | editar a fonte]-
Armas da Provincia de Lugo sen coroa
-
Outra versión heráldica
-
Outra versión do mesmo brasón
-
O escudo formou parte da bandeira da provincia, pero foi modificada en 2009 por unha versión máis sinxela[1]