Escudo de Lugo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Escudo de Lugo
Detalles
ArmigerLugo
ElmoCoroa de marqués
EscudoEn campo azur:
Torre de ouro con terraza de goles
• Dous leóns rampantes de ouro
• Cáliz de ouro e hostia de prata
• Dous anxos en adoración
DivisaHoc hic mysterium fidei firmiter profitemur
OutrosPode levar lambrequíns
Uso• Concello de Lugo

O escudo de Lugo é a representación das armas da cidade, no que figuran varios elementos relacionados co pasado e a historia do concello.

Descrición[editar | editar a fonte]

Segundo Jaime Bugallal y Vela, a Moi Nobre e Leal Cidade de Lugo ten coma escudo,[1] en campo de azur, unha torre de ouro, con dous corpos, aclarada e con terraza de goles, entre dous leóns enfrontados, de ouro, rampantes contra a torre, e sumada dun cáliz de ouro, sumado á súa vez de hostia de prata, radiante de ouro, entre dous anxos en adoración enfrontados, de prata, sobre senllas nubes do mesmo metal. Leva un bordo de prata coa divisa Hoc hic mysterium fidei firmiter profitemur, en letras de sable e, ó timbre, unha coroa de marqués.

Historia[editar | editar a fonte]

O escudo da cidade non foi sempre tal como se coñece agora.[2][3][4] A primeira versión coñecida, da que e descoñece a data, apareceu na Rúa do Miño, na coñecida como Casa do Sangro. Este escudo atópase actualmente no Museo Provincial. En dito escudo non figuran os actuais anxos, saíndo só os leóns e a torre, o que demostra a súa primitiva vinculación co selo do Cabido Catedralicio. O primeiro escudo do que se ten constancia cos anxos custodios é o que se atopa enriba da Porta de San Pedro na Muralla. Esta representación data de 1781. Despois de diversas modificacións, o escudo actual, que data de 1942, xa non contén os leóns exteriores. Con todo, o Concello está a estudar a súa recuperación.

Elementos[editar | editar a fonte]

O cáliz e os anxos[editar | editar a fonte]

O cáliz e a hostia figuran no escudo por mor do privilexio papal da catedral de Santa María:[5] a exposición permanente e pública do Santísimo Sacramento. Este privilexio é só ostentado por esta basílica no mundo, e estímase que a tradición data polo menos dende o século XV. Así, o que o Sacramento atópase en exposición día e noite, sen interrupción, dende polo menos fai seis séculos. Por este motivo coñécese ás veces á cidade como A cidade do Sacramento.

Con todo a orixe dista tradición é imprecisa. Algúns investigadores remóntanse mesmo até os primeiros anos do cristianismo, aínda que non hai probas de que fose anterior aos comezos do século XV. Segundo o historiador Xaime Delgado, é probable que o inicio da exposición date aproximadamente de 1400. Os anxos adoradores aparecen xa no escudo lucense a finais do século XVII, como consta na descrición de Mateo de Cisneros. A súa introdución no escudo foi, probablemente, só para encher os ocos que quedaban baleiros ao redor do cáliz.

A torre e os leóns[editar | editar a fonte]

A torre donxonada foi engadida ao escudo posteriormente aos símbolos eucarísticos da hostia e os anxos, quizais antes do século XVII. Para algúns autores a torre representa o antigo castelo de Lugo, para outros, a Torre Augusta e hai quen a ve como unha representación heráldica da muralla.

En canto ao uso dos leóns tamén existen varias teorías. Por un lado o cóengo Pallares (século XVII) viu neles unha representación do valor dos católicos que se opuxeron aos herexes, con todo hoxe prefírese pensar que teñen a súa orixe como símbolo do valor amosado polos lucenses durante os distintos asedios que sufriu a cidade no transcurso da súa historia. Outra teoría sobre o uso do castelo e os leóns é que figuren como lembranza dun persoeiro medieval cuxos restos xacerían na igrexa do convento de San Francisco. Trataríase do neto do rei de Galicia Afonso IX, Pedro Enríquez, conde de Trastámara, de Lemos e Sarria.

A coroa[editar | editar a fonte]

O escudo está timbrado por unha coroa de marqués polos servizos prestados á cidade pola antiga familia lucense de Prado, marqueses de San Martiño de Ombreiro.

A divisa[editar | editar a fonte]

A divisa latina "Hoc hic mysterium fidei firmiter profitemur" ten,[6] ao igual có cáliz, a súa orixe na Catedral de Lugo e no privilexio papal de exposición permanente do Santísimo Sacramento. Polo tanto, a lenda fai referencia ao misterio da consagración do corpo de Xesús Cristo. Este mesmo lema foi adoptado orixinalmente no escudo do reino de Galicia, onde o atopamos en representacións gráficas a partir do século XVII, e posteriormente trasladado ao lucense. A súa tradución literal é: "Aquí confesamos firmemente este misterio da fe".

Galería[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Lugo (concello). Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada. Edición en DVD. 2010.
  2. Historia heráldica da Provincia de Lugo[Ligazón morta]
  3. "Que escudo de Lugo lle gusta máis, o actual ou o antigo?". Arquivado dende o orixinal o 03 de agosto de 2008. Consultado o 01 de decembro de 2010. 
  4. De feito, en documento sen data Arquivado 25 de decembro de 2009 en Wayback Machine., o Concello de Lugo xa "aprobou inicialmente a modificación do escudo e da bandeira municipais nos termos do estudo-memoria redactado por don Eduardo Pardo de Guevara y Valdés, presidente do Consello Superior de Investigacións Científicas, e aprobar o proxecto de escudo e bandeira que se xunta a aquela". O novo escudo aínda non foi feito público.
  5. "La única catedral con exposición permanente del santísimo". emigracion.xunta.gal. Consultado o 2020-03-19. 
  6. "A Festa do Corpus". Arquivado dende o orixinal o 29 de novembro de 2010. Consultado o 01 de decembro de 2010. 
  7. Non encaixa coa definición heráldica, con todo foi utilizado ás veces polo Concello.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]