Enrique de la Fuente
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 11 de agosto de 1975 (49 anos) Vigo, España |
Altura | 194 cm |
Actividade | |
Ocupación | voleibolista, xogador de voleibol praia |
Deporte | Voleibol |
Posición de xogo | Ponta (pt) |
Participou en | |
2000 | Xogos Olímpicos de 2000 |
Familia | |
Cónxuxe | Kinga Maculewicz |
Enrique de la Fuente Santos, tamén coñecido como Quique de la Fuente, nado en Vigo o 11 de agosto de 1975, é un ex xogador galego de voleibol. Foi internacional coa selección española de voleibol, coa que gañou o Campionato Europeo e a Liga Europea en 2007. Tamén participou nos Xogos Olímpicos de 2000.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Comezou a súa carreira no Club Vigo da súa cidade natal, onde militou dende as categorías inferiores ata o primeiro equipo. Polo medio, estivo concentrado tres anos en Palencia coa selección española júnior. En 1992 foi recuperado polo Vigo e ese mesmo ano debutou co equipo na liga ACEVOL, máxima categoría do voleibol español. Militou no equipo vigués ata 1995, xogando xunto a xogadores como Fernando Bustamante, Xián Parga ou os seus propios irmáns Jorge e Rafael de la Fuente, e participando nos maiores éxitos da historia do club, disputando finais de Copa do Rei, acadando o cuarto posto na liga e clasificándose por primeira vez para unha competición europea, a Challenge Cup.[1]
En 1995 deixou o equipo vigués para xogar exclusivamente na selección española. En 1997 fichou polo Cannes, da liga francesa, onde militou durante dous anos ata que en 1999 se trasladou a Italia para fichar polo Mezzolombardo, na provincia de Trento. Na súa primeira tempada acabou quinto da Serie A2 e ao ano seguinte o club adquiriu os dereitos do Porto Ravenna na Serie A1, cambiando a súa sede á capital de provincia, Trento. Tras conseguir a salvación, no 2001 fichou polo Pallavolo Piacenza, da Serie A2, co que logrou o ascenso á máxima categoría na súa primeira tempada. Xogou un ano no club piacentino e en 2003 pasou ao Perugia, no que militou tres tempadas na máxima categoría. Rematou a súa andanza italiana no Gabeca Pallavolo na tempada 2006/07.
En 2007 marchou a Palma, onde se integrou nas filas do Club Voleibol Pòrtol, co que gañou ese ano a Superliga. Ao ano seguinte fichou polo Galatasaray turco, onde xogou un ano,[3] e a continuación pasou polo tamén turco Arkas, antes de recalar na tempada 2010/11 no Trefl Gdańsk polaco.
En 2011 regresou a Vigo, para xogar unha última tempada e pechar a súa carreira no mesmo club no que a empezara dúas décadas antes.[4]
Selección española
[editar | editar a fonte]Foi internacional coa selección española xuvenil nun cento de ocasións, e proclamouse con esta subcampión de Europa xuvenil en 1992, perdendo contra Italia a final disputada en Polonia.[5]
En 1993, con só 17 anos, foi convocado por primeira vez pola selección española absoluta. Foi case 400 veces internacional coa absoluta,[4] coa que gañou o Campionato Europeo e a Liga Europea en 2007. Antes participara nos Xogos Olímpicos de 2000 en Sydney, onde o equipo español non puido pasar da fase de grupos.[6]
Vida persoal
[editar | editar a fonte]A súa muller é a xogadora de voleibol franco-polaca Kinga Maculewicz, á que coñeceu mentres xogaba no Cannes. Durante as súas carreiras no voleibol buscaron xogar en clubs da mesma cidade.[3]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ ""Soñamos a lo grande"". Faro de Vigo (en castelán). 4 de xaneiro de 2020. Consultado o 20 de setembro de 2021.
- ↑ "Vigo rende homenaxe aos seus olímpicos e paralímpicos cun monumento". VigoÉ. 13/10/2016.
- ↑ 3,0 3,1 López, Víctor (4 de agosto de 2008). "Unidos por el voleibol en matrimonio y en sus contratos". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 20 de setembro de 2021.
- ↑ 4,0 4,1 López, Víctor (14 de xullo de 2011). "Vuelve el hijo pródigo del voley vigués". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 20 de setembro de 2021.
- ↑ "Quique de la Fuente". La Voz de Galicia (en castelán) (Pontevedra ed.). 2 de febreiro de 1993. p. 47.
- ↑ "Voleibol nos Xogos Olímpicos de 2000". sports-reference.com (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 17 de abril de 2020. Consultado o 20 de setembro de 2021.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Datos do deportista no sitio web oficial do Comité Olímpico Internacional (en inglés).
- Datos do deportista en olympedia.org (en inglés).