Emilio Campuzano
Biografía | |
---|---|
Nacemento | (es) Emilio Campuzano y Abad de Caula 16 de agosto de 1850 Santiago de Compostela, España |
Morte | 1938 (87/88 anos) Bilbao, España |
Actividade | |
Ocupación | enxeñeiro, militar, mestre |
Carreira militar | |
Rama militar | Exército de Terra de España |
Rango militar | capitán |
Conflito | Terceira Guerra Carlista |
Emilio de Campuzano y Abad de Caula, nado en Santiago de Compostela o 16 de agosto de 1850 e finado en Bilbao en 1938, foi un enxeñeiro e profesor galego. Foi director da Escola de Artes e Ofícios de Bilbao, amais de profesor de xeometría, estereometría e debuxo. Tamén deu clase na Escola de Capataces de Minas da cidade vasca, e dirixiu a primeira instalación telefónica en Bilbao. Dá nome a unha praza na cidade, así como a un instituto no barrio de Atxuri.[1][2][3][4][5][6]
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Fillo de Manuel Campuzano e Joaquina Abad de Caula. O 9 de outubro de 1972 entrou como soldado-alumno na Academia do Corpo de Artillaría, no 6º rexemento montado, en Segovia. Solicitou a licenza absoluta o 1 de xuño de 1873, e regresou ao centro do 1 de outubro dese ano ao 30 de xuño de 1874.
Traballou para o exército, e durante a terceira guerra carlista foi ascendido a tenente, o 26 de maio de 1875. Cinco días despois foille asignado o 4º rexemento a pé. Logo de ser ascendido a capitán, licenciouse o 17 de abril de 1879.
Comezou a traballar como profesor na Escola de Artes e Oficios da capital biscaíña, onde estivo oito anos. Xunto cos irmáns Federico e José Echevarría Rotaeche, instalou as primeiras liñas telefónicas de Biscaia, tras concurso público convocado polo Concello de Bilbao en 1884. Logo da concesión gobernamental para a instalación da rede telefónica, o 25 de abril de 1887 constituíuse a sociedade colectiva mercantil regular Orduña y Compañía, que recibiu o seu nome de Carlos de Orduña Muñoz, enxeñeiro de estradas, canais e portos en Madrid. Campuzano foi administrador da rede, até a creación o 3 de xullo de 1889 da sociedade anónima Red Telefónica de Bilbao.
Tras o falecemento de Laureano Gómez Santamaría, sucedeuno como director da Escola de Artes e Oficios de Bilbao. O cargo foi ratificado o 6 de marzo de 1901 por unha comisión de membros do Concello e a Deputación de Biscaia. Mantívose no cargo até 1931. Nese período adaptou o ensino no centro aos novos currículos escolares, e en 1907 introduciu a docencia da lingua inglesa. En 1910 a escola mudouse para o barrio de Atxuri[7][8]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Instituto Politécnico Emilio Campuzano | Arquitectura Bilbao". Bilbao Arquitectura (en castelán). Consultado o 14 de abril de 2018.
- ↑ "Plaza Emilio Campuzano". Bilbaopedia (en castelán). Consultado o 14 de abril de 2018.
- ↑ "Escuela de Artes y Oficios". Bilbaopedia (en castelán). Consultado o 14 de abril de 2018.
- ↑ "CIFP Emilio Campuzano - Open House Bilbao". Open House Bilbao (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 30 de marzo de 2018. Consultado o 14 de abril de 2018.
- ↑ Begoña Villanueva García (9 de xaneiro de 2013). "Emilio Campuzano y Abad de Caula (1850-1938), un docente en el Bilbao del comienzo del siglo XX". EuskoNews.Com (en castelán).
- ↑ Alfonso Carlos Saiz Valdivielso. "La Escuela de Artes y Oficios de Bilbao" (PDF). Concello de Bilbao (en castelán). Consultado o 30 de marzo de 2018.
- ↑ "Escuela de Artes y Oficios". Bilbaopedia (en castelán). Consultado o 30 de marzo de 2018.
- ↑ "CIFP Emilio Campuzano". Open House Bilbao (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 06 de xullo de 2018. Consultado o 18 de novembro de 2018.