Saltar ao contido

Eidos (revista)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Eidos
PaísEspaña
LugarSantiago de Compostela
Lingualingua galega
Fundaciónmarzo de 1976
Primeira edición1976
Última ediciónxuño de 1987
Na rede
http://colexio.lasallesantiago.gal/index.php/eidos/eidos-2014-15
BNE: XX3764812
editar datos en Wikidata ]

Eidos, subtitulada ata o número 4 Revista xoven pra cantos degoran falar galego[1] e desde o número 5 Revista galega pros que arelan unha Galicia millor, foi unha revista escolar galega cuxa primeira época se publicou entre 1976 e 1987 en Santiago de Compostela, a primeira en lingua galega desde a posguerra[1].

Características

[editar | editar a fonte]

Eidos editouse integramente en galego, sendo publicada polo Colexio La Salle de Santiago[1], que xa viña publicando desde 1953 unha memoria escolar anual en castelán[2]. O primeiro número apareceu en marzo de 1976 e deixou de publicarse co número 14 en xuño de 1987[3], cunha periodicidade irregular. A partir do número 9, a súa publicación fíxose coincidir, aproximadamente, co Día das Letras Galegas.

Se ben o seu formato foi o propio dun fanzine, tirado na multicopista do propio centro educativo e con artigos creados polos propios alumnos, a súa importancia vén de ser a primeira publicación totalmente en galego realizada en Galicia tras a guerra civil, adiantándose nuns meses ao nacemento da revista Teima.

Dos catorce números, foron editados totalmente na multicopista do centro só os números 1, 9, 10, 11 e 12. Os números restantes tiveron as súas capas feitas en imprenta.

Foi dirixida na súa primeira etapa ata o ano 1982 polo verinés Fernando Diéguez Sotillo[1]. No seu primeiro número, publicouse unha entrevista a Antón Fraguas[1].

Segunda época

[editar | editar a fonte]

A partir de 1995, volveu editarse cunha periodicidade trimestral[4], saíndo nos meses de marzo, xuño e decembro (os meses de verán non son lectivos e non contan).

Nesta segunda época, os números que van do 1 ao 55 foron feitos en imprenta e a partir do número 56 (o primeiro do ano 2014) só apareceron dixitalizados na páxina web do centro. En 1995 saíu só un número e nos anos sucesivos, ata 2013, tres anuais. Desde o devandito 2014 só aparece un anual, e xa cunha finalidade de memoria escolar.

Colaboradores

[editar | editar a fonte]

Entre os alumnos e profesores que colaboraron na redacción dos seus artigos figuraron Euloxio Regueira, Xosé E. Cora López, Xoxé Manuel López Agra, Ramiro Cañoto Fieiza, Xoán Fernández, Xesús Pereira López, Isidoro A. Fernández, Suárez Quintanilla, Xan Xosé de Ozamiz [1] e Julio Estrada Nérida.

Secuencia de publicación da primeira época

[editar | editar a fonte]
  • 1976: 3 números (1, 2 e 3)
  • 1977: 3 números (4, 5 e 6)
  • 1978: 2 números (7 e 8)
  • 1979: 1 número (9)
  • 1980: 1 número (10)
  • 1981: 1 número (11)
  • 1982: 1 número (12)
  • ano descoñecido: 1 número (13)
  • 1987: 1 número (14)
  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 "'Eidos', a revista escolar que debutou en 1976 cunha entrevista a Antonio Fraguas". Real Academia Galega. 8-7-2019. Consultado o 9-7-2019. .
  2. O número 13 desta serie correspóndese co ano escolar 1965-66, baixo o título La Salle. Memoria escolar. Polo menos ata o curso 1970-71 seguía publicándose esta memoria con nomes semellantes.
  3. "Eidos (Santiago)". datos.bne.es (en castelán). Consultado o 10-7-2019. 
  4. "Revista de alumnos y profesores de La Salle". La Voz de Galicia (en castelán) (Santiago de Compostela). 18-6-2002. Consultado o 9-7-2019. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]