Eguas de Diomedes

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Diomedes devorado polas súas eguas (Gustave Moreau, 1865)

As Eguas de Diomedes eran catro bestas [1], chamadas Podargo, Lampón, Xanto e Deino, que se alimentaban de carne humana, propiedade deste Diomedes, rei de Tracia e fillo de Ares e Cirene [2]. Diomedes adoitaba darlles de comer ós estranxeiros que chegaban ó seu país.

Heracles, para ser purificado tralo asasinato dos seus fillos, acto cometido ó volverse louco por culpa de Hera, inimiga de Heracles por celos [3], tivo que acometer doce traballos que lle encomendara o seu primo Euristeo. O oitavo traballo consistiu en traer ante Euristeo estas catro eguas.

Heracles embarcouse cun grupo de voluntarios e puido capturar as catro eguas sen grandes dificultades, tralo cal levounas onda o barco [4]. Os bístones, os súbditos de Diomedes, acudiron a recuperalas e enfrontáronde a Heracles na praia. Este, para poder loitar con eles, deixou as eguas ó coidado do seu amigo Abdero, fillo de Hermes. Venceu ós bístones e matou a Diomedes, facendo fuxir ós seus soldados, pero mentres tanto, as eguas arrastraron e mataron a Abdero, polo que Heracles fundou alí unha cidade á que chamou Abdera.

Outras fontes din que Heracles se enfrontou a Diomedes cando foi roubar as eguas, e que o matou botándoo a estas, que o devoraron. Unha vez saciadas, as eguas tornáronse mansas e Heracles puido xunguilas ó carro do propio Diomedes, co que volveu a Micenas. Euristeo dedicounas a Hera e logo soltounas, e os animais foron percorrendo Grecia ata chegar ó monte Olimpo, onde terminando morrendo atacadas polas feras que alí había. A lenda di que entre os seus descendentes está o cabalo Bucéfalo, de Alexandre Magno.

(Metropolitan Museum of Art, Nova York)

Iconografía[editar | editar a fonte]

Trátase dun episodio que se representa tarde e con pouca frecuencia, pola complexidade do relato. Na Idade Media e Moderna só se representa rara vez, por exemplo nun relevo en marfil Bizantino do século X ou nun cadro de Johann Heinrich Füssli (c. 1800).

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Para Hixino, catro cabalos.
  2. En Grimal, Pirene. Segundo Graves, podía ser fillo de Asteria e o seu pai Atlas.
  3. Heracles era fillo de Zeus, e Hera, a esposa do mesmo deus, perseguía ás súas amantes e ós fillos bastardos que tivera.
  4. Outras fontes din que fixo o traballo el só, o que contradí a presenza de Abdero.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • ELVIRA BARBA: Miguel Ángel: Arte y mito. Manual de iconografía clásica. Sílex, 3ª ed. 2017.
  • GRAVES, Robert: Los mitos griegos, Ed. Gredos, 1ª ed. 2019, 526-528.
  • GRIMAL, Pierre: Diccionario de mitología griega y romana. Ed. Paidós, 1981.
  • HIXINO: Fábulas mitológicas. Tradución, introdución e notas de Francisco Miguel del Rincón Sánchez. Alianza Editorial 2009, 30.
  • PSEUDO-APOLODORO: Biblioteca mitológica. Tradución e notas de Julia García Moreno. Alianza Editorial 3ª ed. 2016, II, 5, 8 [a numeración segue a utilizada neste texto].