Educación infantil
Este artigo contén varias ligazóns externas e/ou bibliografía ao fin da páxina, mais poucas ou ningunha referencia no corpo do texto. Por favor, mellora o artigo introducindo notas ao pé, citando as fontes. Podes ver exemplos de como se fai nestes artigos. |
Este artigo ou sección precisa dunha revisión do formato que siga o libro de estilo da Galipedia. Pode axudar a mellorar este artigo e outros en condicións semellantes. |
| Sistema educativo español |
|---|
| Réxime xeral |
| Réxime especial |
A Educación Infantil é o primeiro nivel educativo no sistema español. Precede á educación primaria (tamén coñecida coma educación básica) e non ten carácter obrigatorio. Actualmente o Real Decreto 95/2022 de 1 de febreiro de 2022 que desenvolve a Lei Orgánica 3/2020, do 29 de decembro, pola que se modifica a Lei Orgánica 2/2006, do 3 de maio, de Educación regula a etapa en todo o estado español[1].
Ampliouse en 1990, cando as novas reformas da LOXSE estabeleceron a necesidade de desenvolver a educación formal para a poboación de ata seis anos de idade. Para isto sustentouse nas teorías psicopegágoxicas do construtivismo e de autores coma Jean Piaget e Lev Vygotski, a liña de Desenvolvemento Curricular e a pedagoxía progresista coñecida como a Escola Nova.
Como recolle o Real Decreto 95/2022, "A finalidade da educación infantil é contribuír ó desenvolvemento integral e harmónico do alumnado en tódalas súas dimensións: física, emocional, sexual, afectiva, social, cognitiva e artística, potenciando a autonomía persoal e a creación progresiva dunha imaxe positiva e equilibrada de si mesmos, así como á educación en valores cívicos para a convivencia." (Artigo 4)
Regulación en España
[editar | editar a fonte]A educación infantil está regulada polo citado Real Decreto 95/2022 a través de 14 artigos, 3 disposicións adicionais e transitorias, unha disposición derrogatoria e 3 anexos. Os artigos definen estes aspectos:
- Artigo 1: Obxecto.
- Artigo 2: Definicións.
- Artigo 3: A etapa de educación infantil no sistema educativo.
- Artigo 4: Fins.
- Artigo 5: Principios xerais.
- Artigo 6: Principios pedagóxicos.
- Artigo 7: Obxectivos.
- Artigo 8: Áreas.
- Artigo 9: Competencias, criterios de avaliación e saberes básicos.
- Artigo 10: Currículo.
- Artigo 11: Horario.
- Artigo 12: Avaliación.
- Artigo 13: Atención ás diferenzas individuais.
- Artigo 14: Autonomía dos centros.
As disposicións adicionais e transitorias mentan as ensinanzas de relixión, as ensinanzas impartidas en linguas estranxeiras e a transición desde o anterior Real decreto 1630/2006[2]. A disposición derrogatoria revoga esta norma e todas as contrarias anteriormente aprobadas.
Finalmente contén 3 anexos de especial interese polos contidos indicativos e prescritivos para o deseño das programacións e actividades:
- Anexo I: Competencias clave da educación infantil.
- Anexo II: Áreas da educación infantil (con competencias específicas, criterios de avaliación e saberes básicos para primeiro e segundo ciclo).
- Anexo III: Orientacións para o deseño de situacións de aprendizaxe.
Fundamentación
[editar | editar a fonte]
A Educación Infantil considera o neno coma un ser con características especiais, propias, nun estadio particular de desenvolvemento (ou seguindo a Piaget dous estadios: o sensoriomotor primeiro e o preoperacional despois), e que han de coñecerse. Así póñeno en valor coma un ser unitario biolóxica, psíquica e socialmente diferente e irrepetíbel, que está en veloz e continuo desenvolvemento, que dentro deste desenvolvemento constrúe de maneira activa e que é sexuado. Todo isto contrasta coas consideracións tradicionais que se facían do neno pequeno.
Para explicar este desenvolvemento infantil apóiase en dúas teorías construtivistas: as teorías xenético-cognitivas de Piaget e as xenético-dialécticas de Vygotski. É dicir, o neno constrúe e desenvólvese grazas a:
- A actividade ou as actividades autoestruturantes (segundo Piaget), mediante as que incide nas súas propias estruturas internas ou esquemas de acción.
- A interacción co medio sociocultural de maneira activa. É o que Vygotski denomina paso do nivel intersicolóxico ó intrasicolóxico.
Estas teorías psicopedagóxicas que sustentan os postulados da Educación Infantil tamén resaltan a importancia de:
- O desenvolvemento socioafectivo, especialmente apego, desenvolvemento socio-moral, autonomía e individualización.
- O desenvolvemento psicomotor do neno.
- O desenvolvemento da linguaxe verbal e non verbal.
Definicións
[editar | editar a fonte]O Real Decreto 95/2022 define algún conceptos que se abordan e describen no seu contido:
- Obxectivos: logros que se espera que o alumnado alcance ao finalizar a etapa.
- Competencias clave: desempeños que se consideran imprescindíbeis. Trátase dunha adaptación ao sistema educativo español das competencias clave estabelecidas na Recomendación do Consello da Unión Europea do 22 de maio de 2018 relativa ás competencias clave para a aprendizaxe permanente[3].
- Competencias específicas: desempeños que o alumnado debe poder realizar en actividades ou en situacións de aprendizaxe cos saberes básicos de cada área.
- Criterios de avaliación: referentes que indican os niveis de desempeño esperados nas situacións de aprendizaxe ou actividades.
- Saberes básicos: coñecementos, destrezas e actitudes que constitúen os contidos propios dunha área.
- Situacións de aprendizaxe: situacións e actividades baseadas nas competencias clave e competencias específicas.
Descrición da etapa
[editar | editar a fonte]Principios xerais
[editar | editar a fonte]No seu artigo 5, o Real Decreto 95/2022 define os principios xerais no que se basea a etapa:
- Ten carácter voluntario.
- O segundo ciclo desta etapa educativa (de 3 a 6 anos) debe ser gratuíto.
- Debe compensar os efectos das desigualdades de orixe cultural, social e económico na aprendizaxe e na evolución infantil.
- Debe prestar atención á detección precoz e atención temperá de necesidades específicas de apoio educativo.
- A organización, metodoloxía e deseño curricular rexeranse polos principios do deseño universal para a aprendizaxe.
Estrutura
[editar | editar a fonte]Está formada por dous ciclos educativos de tres cursos académicos cada un, que se denominan:
- Primeiro ciclo (0-3 anos), voluntario, con compromiso de estender unha oferta pública suficiente e a súa gratuidade para todos os nenos e nenas. O deseño curricular do real decreto só ten carácter orientativo.
- Segundo ciclo (3-6 anos), voluntario, con compromiso de dotalo gratuitamente para todos os nenos e nenas. O deseño curricular do real decreto si estabelece de forma prescritiva as ensinanzas mínimas para este ciclo.
Áreas
[editar | editar a fonte]As áreas da educación infantil son tres e cada unha conta con competencias específicas propias, criterios de avaliación e saberes básicos:
- Crecemento en harmonía.
- Descubrimento e exploración do contorno.
- Comunicación e representación da realidade.
Principios pedagóxicos
[editar | editar a fonte]
No artigo 6, defínense os principios pedagóxicos nos que debe basearse a etapa:
- Procurar o máximo desenvolvemento de cada neno e nena.
- Proporcionar experiencias de aprendizaxe significativas e emocionalmente positivas baseadas na experimentación e o xogo.
- Potenciar a autoestima e integración social fortalecendo o apego seguro.
- Garantir un primeiro contacto positivo desde o contorno familiar e a continuidade entre ciclos e etapas.
- Velar polo desenvolvemento afectivo, a xestión emocional, o movemento e os hábitos de control corporal, as manifestacións da comunicación e da linguaxe, e as pautas elementais de convivencia e relación social.
- Ofrecer oportunidades para o descubrimento do contorno, dos seres vivos que nel conviven e das características físicas e sociais do medio no que viven.
- Prestar atención á educación en valores.
- Desenvolver a educación para o consumo responsábel e sustentábel e a promoción e educación para a saúde.
- Favorecer a autonomía persoal e unha imaxe de si mesmos positiva, equilibrada e igualitaria e libre de estereotipos discriminatorios.
- Fomentar o desenvolvemento de todas as linguaxes e modos de percepción específicas destas idades.
- Prover unha primeira aproximación á lectura e á escrita, así como experiencias de iniciación temperá en habilidades numéricas básicas, nas tecnoloxías da información e a comunicación, e na expresión visual e musical.
- Fornecer unha primeira aproximación á lingua estranxeira nas aprendizaxes do segundo ciclo da educación infantil, especialmente no último ano.
Situacións de aprendizaxe
[editar | editar a fonte]Un dos conceptos innovadores do real decreto son as situacións de aprendizaxe que entroncan coa tradición pedagóxica nesta etapa integrando os centros de interese (Decroly), a aprendizaxe por proxectos (Kilpatrick) e a aprendizaxe significativa (Ausubel) e que "deben formular un reto ou problema de certa complexidade en función da idade e o desenvolvemento do neno ou nena, cuxa resolución creativa implique a mobilización de maneira integrada do aprendido nas tres áreas en que se organiza a etapa, a partir da realización de distintas tarefas e actividades" (Anexo III).
Integra os centros de interese porque debe implicar contido das tres áreas. Propónse de forma análoga á aprendizaxe por proxectos porque se apoia nun reto ou problema que debe abordarse. Aplica a aprendizaxe significativa ao propor resolver retos ou problemas que, nesta idade, deben partir da realidade cotiá infantil e dos seus intereses.
Outras denominacións da etapa
[editar | editar a fonte]Xardín da Infancia é un nome moi tradicional debido ao impacto que tivo o seu creador Friedrich Fröbel (1782-1852). Tanto é así que o seu nome orixinario en alemán kindergarten (Fröbel era falante de alemán) conservouse en inglés. Tamén foron denominadas con nomes diversos experiencias de educación infantil vinculadas moitas veces á función asistencial e compensatoria para os fillos e fillas da clase obreira durante a revolución industrial como a escola de amiga, a escola de asilo, a escola de dama, a escola de párvulos e a infant school.
Os procesos máis institucionalizados ao longo sobre todo da segunda parte do século XX deron lugar a denominacións variadas segundo os momentos e os países como a educación preescolar, a educación parvularia, a educación inicial, a educación prebásica ou a educación maternal. Tanto en Galiza como en España, asentáronse con forza os nomes de escolas de párvulos (ou parvularios), gardarías (guarderías en castelán) e de educación preescolar. A Lei xeral de educación e financiamento da reforma educativa (LXE, castelán LGE) de 1970 estabeleceu esta última nomenclatura até que a Lei orgánica xeral do sistema educativo (LOXSE, castelán LOGSE) de 1990 optou por chamarlle educación infantil para reforzar o carácter educativo máis que asistencial desta etapa, especialmente no referente ao primeiro ciclo (desde o nacemento a 3 anos).
En francés, denomínanse crèche, garderie, école maternelle, école préscolaire, école enfantine ou école gardienne. En inglés, chámanlle Early childhood education, nursery education, kindergarten ou preschool. En portugués, tamén se ten usado creche, jardim de infância, pré-escolar e infantário. Esta nomenclatura variada reflite o dinamismo do sector e a diversidade conceptual e contextual na que se desenvolve. É importante ter en conta que non todos son sinónimos.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Ministerio de Educación y Formación Profesional (2022-02-02). "Real Decreto 95/2022, de 1 de febrero, por el que se establece la ordenación y las enseñanzas mínimas de la Educación Infantil". boe.es (en castelán). pp. 14561–14595. Consultado o 2025-08-25.
- ↑ Ministerio de Educación y Ciencia (2007-01-04). "Real Decreto 1630/2006, de 29 de diciembre, por el que se establecen las enseñanzas mínimas del segundo ciclo de Educación infantil". boe.es (en castelán). pp. 474–482. Consultado o 2025-08-25.
- ↑ "RECOMENDACIÓN DEL CONSEJO de 22 de mayo de 2018 relativa a las competencias clave para el aprendizaje permanente (Texto pertinente a efectos del EEE) (2018/C 189/01)". Resoluciones, recomendaciones y dictámenes (en castelán). Consultado o 25/08/2025.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Cacheiro González, María Luz; González Fernández, Raúl; e López Gómez, Ernesto (2022). Procesos de enseñanza-aprendizaje en educación infantil. Narcea. ISBN 9788427729490.
- Jiménez Hernández, David; Feliz Murias, Tiberio; Monge López, Carlos (2022). Organización y gestión del aula en educación infantil. Morata. ISBN 9788419287304.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]| Commons ten máis contidos multimedia sobre: Educación infantil |