Saltar ao contido

Ducado Unido do Báltico

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:Xeografía políticaDucado Unido do Báltico
Vereinigtes Baltisches Herzogtum (de) Editar o valor en Wikidata

Localización
lang=gl Editar o valor en Wikidata Mapa
 56°56′56″N 24°06′23″L / 56.9489, 24.1064
CapitalRiga Editar o valor en Wikidata
Poboación
Lingua oficiallingua alemá Editar o valor en Wikidata
Datos históricos
Precedido por
Creación1918 Editar o valor en Wikidata
Disolución1918 Editar o valor en Wikidata
Sucedido porLatvian Socialist Soviet Republic (en) Traducir, Letonia, Commune of the Working People of Estonia (en) Traducir e Estonia Editar o valor en Wikidata
Organización política
Forma de gobernomonarquía Editar o valor en Wikidata

O proposto Ducado Unido do Báltico,[1] tamén coñecido como Gran Ducado de Livonia,[2] foi un estado proposto pola nobreza dos alemáns do Báltico e a nobreza rusa exiliada,[3] despois da Revolución Rusa de 1917 e a ocupación alemá dos gobernoratos de Curlandia, Livonia e Estonia pertencentes ao Imperio ruso.

A idea comprendía os territorios de Estonia e Letonia, e incluía a creación dun Ducado de Curlandia, así como un Ducado de Estonia e Livonia, que estarían en unión persoal coa Coroa de Prusia,[4] baixo os territorios ocupados polo Imperio alemán na Ober Ost (Rexión Oriental), antes do fin da primeira guerra mundial, cubrindo os territorios da Livonia Medieval.

Antecedentes

[editar | editar a fonte]

Durante a primeira guerra mundial, os exércitos alemáns ocuparan o gobernorato de Curlandia do Imperio ruso contra o outono de 1915. A fronte situouse ao longo dunha liña estendida entre Riga, Daugavpils e Baranovichi.

Tras a Revolución Rusa de 1917, en febreiro, Rusia creou o Gobernorato Autónomo de Estonia o 12 de abril de 1917, a partir do anterior Gobernorato de Estonia do Imperio ruso e a parte setentrional do Gobernorato de Livonia.

Despois da Revolución de Outubro, a elixida Asemblea Provincial de Estonia declarouse a si mesma como o poder soberano de Estonia o 28 de novembro de 1917, e entón, o 24 de febreiro de 1918, un día antes da chegada das tropas alemás, emitiuse a Declaración da Independencia de Estonia. Pola súa parte, os aliados occidentais recoñeceron a República de Estonia de facto en maio de 1918.[5]

O Consello Nacional de Letonia foi proclamado o 16 de novembro de 1917. O 30 de novembro do mesmo ano, o Consello declarou a autonomía da provincia letoa dentro das fronteiras etnográficas, e foi declarada unha República Letoa independente o 25 de xaneiro de 1918.[5]

Despois da Revolución rusa, tropas alemáns empezaran a avanzar desde Curlandia, e ao final de febreiro de 1918, o exército xermano administraba os territorios dos antigos gobernoratos rusos de Livonia e Estonia, que habían declarado a independencia. Co Tratado de Brest-Litovsk do 3 de marzo de 1918, a República Socialista Soviética de Rusia aceptaba a perda do Gobernorato de Curlandia, e por acordos concluídos en Berlín o 27 de agosto de 1918, a perda do Gobernorto Autónomo de Estonia e o Gobernorato de Livonia.[5]

Intentos de crear o Ducado Unido do Báltico

[editar | editar a fonte]
O duque Adolfo Frederico de Mecklemburgo en 1910

Como movemento político paralelo baixo a administración militar xermana, os alemáns do Báltico empezaron a formar consellos provinciais entre setembro de 1917 e marzo de 1918. O 12 de abril de 1918 unha Asemblea Provincial composta por 35 alemáns do Báltico, 13 estonios e 11 letóns, aprobou unha resolución solicitando ao emperador alemán Guillerme II o recoñecemento das provincias bálticas como unha monarquía e a convertelas nun protectorado alemán.[6]

O 8 de marzo e o 12 de abril de 1918, o Kurländische Landesrat e o Baltische Landesrat de Livland, Estland, Riga e Ösel, parlamentos locais dominados polos alemáns do Báltico, declaráronse a si mesmos estados independentes, coñecidos como Ducado de Curlandia e Ducado do Estado Báltico (Baltischer Staat) respectivamente.[7] Ambos os estados proclamaron publicamente estar en "unión persoal" co reino de Prusia, aínda que o goberno xermánico nunca respondeu a esta reclamación de recoñecemento.

Os territorios bálticos foron nominalmente recoñecidos como un estado soberano polo emperador Guillerme II soamente o 22 de setembro de 1918, medio ano despois de que a Rusia soviética abandonase formalmente toda autoridade sobre as súas anteriores provincias bálticas imperiais en favor de Alemaña, no Tratado de Brest-Litovsk. O 5 de novembro de 1918 formouse un Consello de Rexencia temporal (Regentschaftsrat) para o novo estado encabezado polo barón Adolf Pilar von Pilchau, en base conxunta dos dous consellos territoriais locais formados.

A capital do novo estado debía ser Riga, e debía ser unha confederación de sete cantóns: Kurland (Curlandia), Riga, Lettgallen (Letgalia), Südlivland (Livonia Meridional), Nordlivland (Livonia Setentrional), Ösel (Saaremaa) e Estland (Estonia). Os catro primeiros cantóns cubrían o territorio correspondente á actual Letonia, e os tres últimos á correspondente Estonia actual.

O primeiro xefe de estado do Ducado Unido do Báltico debería ter sido o duque Adolfo Frederico de Mecklemburgo, non como un monarca soberano, senón como un subordinado do Káiser alemán, en forma similar a outros duques e grandes duques do Imperio alemán. Pero Adolfo Frederico nunca asumiu o cargo. O Consello de Rexencia elixido consistente en catro alemáns do Báltico, tres estonios e tres letóns, funcionou até o 28 de novembro de 1918, sen ningún recoñecemento internacional, excepto o de Alemaña.

En outubro de 1918, o Chanceler alemán, o príncipe Maximiliano de Baden, propuxo substituír a autoridade militar no Báltico por unha autoridade civil. A nova política foi fixada nun telegrama do Ministerio de Exteriores alemán á administración militar do Báltico: O goberno do Reich é unánime ao respecto do cambio fundamental na nosa política cara aos países bálticos, é dicir, en primeira instancia a política debe facerse cos pobos bálticos.[5]

Letonia independente

[editar | editar a fonte]

O 18 de novembro de 1918, Letonia proclamou a independencia. En Estonia, a administración militar alemá transmitiu o poder ao Goberno de Estonia encabezado por Konstantin Päts. O 7 de decembro de 1918, en Letonia, os alemáns entregaron formalmente a autoridade ao goberno nacional letón encabezado por Kārlis Ulmanis.[5]

Formouse o Baltische Landeswehr (Exército Báltico) por parte do goberno do Ducado Unido do Báltico como a súa forza de defensa nacional. Ao tomar o mando do Baltische Landeswehr, o maior Alfred Fletcher, respaldado polos terratenentes bálticos de orixe alemá, comezou a substitución das tropas letoas locais por alemáns bálticos e outros alemáns étnicos (Reichsdeutsche). Simultaneamente, oficiais alemáns tomaron a maioría das posicións de comando. No seu libro Vanguard of Nazism: The Free Corps Movement in Postwar Germany, 1918-1923, o autor Robert G. L. Waite sinala: "A mediados de febreiro de 1919, os letóns étnicos compoñían menos dun quinto do seu propio exército". Os británicos retrocederon despois de recoñecer a gravidad militar da situación, e unidades do Exército Branco ruso e do Freikorps avanzaron e capturaron Riga o 22 de maio de 1919.

Despois da captura de Riga, os Freikorps foron acusados de matar a 300 letóns en Jelgava, 200 en Tukums, 125 en Daugavgrīva e máis de 3 000 en Riga. Despois de tomar parte na captura de Riga, en xuño de 1919, o xeneral von der Goltz ordenou ás súas tropas non avanzar cara ao leste contra o Exército Vermello, como esperaban os aliados, senón cara ao norte, contra os estonios. O 19 de xuño de 1919 a División de Ferro e unidades do Landeswehr lanzaron un ataque para capturar zonas en torno a Cēsis (Wenden); o Baltische Landeswehr continuou o seu avance contra a costa estonia preparatoria para un pulo contra Petrogrado. Porén, o Baltische Landeswehr foi derrotado pola 3ª División Estonia (liderada por Ernst Põdder) e a Brigada Norte Letoa na batalla de Cesis, 19-23 de xuño de 1919.


Na mañá do 23 de xuño de 1919, os alemáns empezaron unha retirada xeral cara a Riga. Os Aliados de novo insistiron en que os alemáns retiraran as súas tropas restantes de Letonia, e interviñeron para impoñer un alto ao fogo entre os estonios e os Freikorps cando os primeiros estaban a punto de marchar cara a Riga. Mentres, unha misión aliada baixo o mando do xeneral Sir Hubert de la Poer Gough chegou ao Báltico para obrigar aos alemáns a abandonar a rexión e organizar os exércitos locais dos estados Bálticos.

Consecuencias

[editar | editar a fonte]

A derrota de Alemaña na primeira guerra mundial en novembro de 1918, seguida da derrota en 1919 do Baltische Landeswehr e unidades Freikorps alemás do xeneral Rüdiger von der Goltz en Letonia por parte da 3ª División Estonia e a Brigada Norte Letoa, traduciuse na irrelevancia do Ducado Unido do Báltico.

Para asegurar o retorno ao control letón, o Baltische Landeswehr foi posto baixo autoridade británica. Despois de tomar a comandancia do Baltische Landeswehr a mediados de xullo de 1919, o tenente coronel Harold Alexander (o futuro Alexandre de Tunisia), gradualmente descartou os elementos alemáns (bálticos) do exército. As nacións bálticas de Estonia e Letonia entón foron fundadas como repúblicas.

  1. "...later an alternative proposal was advanced for a United Baltic Duchy under Duke Adolf Friedrich of Mecklenburg" p. 48 The Baltic States: The Years of Independence By Georg von Rauch ISBN 0-9039-8300-1.
  2. This "Landesrat" on 12 April 1918, decided to beg the King of Prussia and German Kaiser to accept the throne of the Grand Duchy of Livonia Bilmanis, Alfreds (1945). Baltic Essays. The Latvian Legation. 
  3. Roeder, Philip (2007). Where Nation-states Come from. Princeton University Press. p. 119. ISBN 978-0-6911-3467-3. 
  4. Royal Institute of International Affairs Information Dept (1938). The Baltic States. Oxford University Press. 
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 The Baltic States and Weimar Ostpolitik By John Hiden.
  6. Griff nach der Weltmacht By Fritz Fischer.
  7. Thomas, Nigel (2012-03-20). The German Army in World War I (1): 1914–15 (en inglés). Bloomsbury Publishing. ISBN 978-1-78096-552-9. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]