Saltar ao contido

Dolores Trabado

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaDolores Trabado
Biografía
Nacemento(es) Dolores Trabado López Editar o valor em Wikidata
1 de xullo de 1903 Editar o valor em Wikidata
Vilaluz, España Editar o valor em Wikidata
Morte15 de setembro de 1996 Editar o valor em Wikidata (93 anos)
Pontevedra, España Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
Outros nomesLola de la Cruz Roja Editar o valor em Wikidata
País de nacionalidadeEspaña Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónempresaria , taxista Editar o valor em Wikidata

Dolores Trabado López, nada en Vilaluz (O Castro, Cervantes) o 1 de xullo de 1903 e finada en Pontevedra o 15 de setembro de 1996, tamén coñecida como a «Lola de la Cruz Roja», foi unha empresaria e taxista galega, considerada unha das pioneiras en exercer esta profesión no Estado e a primeira en Galicia.[1] Unha rúa de Pontevedra leva o seu nome.[2]

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Dolores Trabado López naceu en Vilaluz, no concello lucense de Cervantes, o 1 de xullo de 1903 sendo a máis pequena de catorce irmáns. Con tres anos, padeceu escrófula.[3] Catro anos despois tiveron que a operar do fémur por un accidente que sufrira cun apeiro de labranza.[1][3] Tempo despois, rematou perdendo a perna, o que a obrigou a usar prótese.[4]

Quedou orfa moi nova e foi acollida polo seu irmán Manuel, que era carabineiro, mudándose a Sevilla e posteriormente a Tui e Pontevedra. Alí o seu irmán cambiou a súa profesión pola de practicante e comezou a traballar na Casa de Socorro (Cruz Vermella) e no Sanatorio Marescot.[4]

Comezou a conducir aos dezaoito anos sen carné.[4] Foi pioneira na condución co seu taxi, converténdose en taxista durante a Segunda República española.[1] Creou unha empresa de transporte nos baixos da súa vivenda, abrindo o primeiro garaxe.

O 31 de agosto de 1923 obtivo a súa primeira licenza de conducir oficial, sendo a primeira muller de Pontevedra en facelo, nun tempo no que na provincia de Pontevedra só había 1417 persoas con este permiso.[1][4][5] Foi nese ano onde obtivo a súa primeira licenza oficial como taxista. Co seu taxi trasladaba un gran número de persoas tanto en desprazamentos na cidade de Pontevedra como a outras localidades de España ou Portugal.[4]

Realizaba tamén traballos para a Cruz Vermella, que non dispuña de ambulancia polo que era coñecida como a "taxista de la Cruz Roja".[4] Co seu vehículo, transportou enfermos, feridos ou parturientes, que en moitas ocasións lle pediron ser a madriña do bebé, polo que Trabado tivo moitos afillados.[1]

O 8 de marzo de 1939, El Pueblo Gallego publicou o chamamento do Goberno Civil no que se lle concedía a licenza de taxi a Trabado.[1]

Foi un personaxe coñecido en Pontevedra até os anos sesenta. En 1961, a publicación El Taxi Español publicou que Trabado era a primeira taxista de España, feito que foi desmentido por Piedad Álvarez, que acudiu á redacción do diario Proa para afirmar que ela foi a primeira muller en realizar esta profesión.[1][6]

Adoptou a súa sobriña neta, Mercedes Trabado Trabado, xa que os seus pais vivían na emigración.[4] Até os anos oitenta, Trabado conservou o seu carné de conducir. Cando xa non podía conducir dedicouse a administrar os seus investimentos en pisos e propiedades que tiña alugadas. Faleceu en Pontevedra o 15 de setembro de 1996 con noventa e tres anos despois duns anos nos que debido a unha demencia senil precisou de coidados nunha residencia.

Recoñecementos[editar | editar a fonte]

Foi unha muller pioneira no ámbito da condución en España, considerada como unha das primeiras taxistas españolas.[1] A súa figura foi recuperada a través dunha reportaxe no Diario de Pontevedra e do traballo Do gris ao Violeta, promovido polo Concello de Pontevedra.[5]

En novembro de 2022 o Concello de Pontevedra deulle o nome de Dolores Trabado a unha das súas rúas, inaugurándoa xunto ás da mestra republicana Ernestina Otero e á sandadora do século XVI acusada de bruxaría, Vasquida García.[3][7]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 1,7 "Las mujeres pioneras del taxi". 2018-11-23. Consultado o 2024-06-01. 
  2. Lois, Elisa (2017-12-23). "Pontevedresas para un callejero paritario". El País (en castelán). ISSN 1134-6582. Consultado o 2024-06-01. 
  3. 3,0 3,1 3,2 Pontevedra, Diario de (2022-11-06). "Inauguradas las calles Vasquida García, Dolores Trabado y Ernestina Otero" (en castelán). Consultado o 2024-06-01. 
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 4,5 4,6 Pontevedra, Diario de (2019-03-03). "Dolores Trabado, la reina del asfalto". Consultado o 2024-06-01. 
  5. 5,0 5,1 "Dolores Trabado". Consultado o 2024-06-01. 
  6. Álvarez, Pilar (2012-11-19). "Visibles al volante, invisibles ante la ley". El País (en castelán). ISSN 1134-6582. Consultado o 2024-06-01. 
  7. "Vasquida García, Dolores Trabado y Ernestina Otero ocuparán su lugar en el espacio público de Tafisa" (en castelán). 2022-05-29. Consultado o 2024-06-01.