Dolores Lombardero
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 12 de novembro de 1912 Trabada, España |
Morte | 30 de maio de 2009 (96 anos) Mondoñedo, España |
Datos persoais | |
País de nacionalidade | España |
Educación | Universidade de Santiago de Compostela |
Actividade | |
Ocupación | farmacéutica |
Lingua | Lingua castelá |
Dolores Lombardero Martínez, nada no Bizarro, Trabada, Lugo o 12 de novembro de 1912 e finada en Mondoñedo o 30 de maio de 2009, foi unha farmacéutica galega.[1]
Seu pai foi Manuel Lombardero Castro, do Bizarro e a súa nai, Enriqueta Martínez Rodríguez, era da Pontenova. Tivo tres irmáns: Felisa, José e Ramona[2].
A pesar de nacer no concello de Trabada, filla de pais labregos, viviu na cidade de Mondoñedo desde nena, ao trasladarse a ela para vivir canda uns seus tíos. Era sobriña do capitán de infantaría Secundino Martínez Lavandeira.[3]
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Ingresou no Instituto Nacional de 2ª Enseñanza de Lugo en xuño de 1925 e en 1926 trasladou o seu expediente a Santiago de Compostela, onde acada o título de Bacharelato en 1928.
Estudou Farmacia na Universidade de Santiago de Compostela entre 1928 e 1932, e acadou o seu título de licenciada o 25 de outubro de 1932. En 1933 mercou unha farmacia en Mondoñedo, pero para poder tomar posesión dela tivo que contar cun permiso paterno, ao ser menor de idade segundo a lexislación da época. Estivo á fronte dela (xa bautizada como Farmacia Lombardero) ata a súa xubilación.
Foi secretaria da asociación mindoniense Mujeres al Servicio de España, organización creada durante a guerra civil española para atender os feridos de guerra, realizar traballos de costura e bordado e a recadación das chamadas subscricións patrióticas.[4]
Ata a súa xubilación ocupou tamén o posto de inspectora farmacéutica municipal, desde o cal se encargaba das análises das bebidas alcohólicas producidas no municipio (especialmente do control do alcohol metílico), así como da análise de augas e comestibles elaborados (pan, doces, embutidos...). Foi tamén analista da Seguridade Social en Mondoñedo[2].
Vida persoal
[editar | editar a fonte]Casou co médico Jesús Rivas Arias, co que tivo seis fillos que seguiron as carreiras dos pais : Jesús, María Dolores, Pedro, María Remedios e María Enriqueta exerceron a Medicina, mentres que María Jesús e María Dolores foron tamén farmacéuticas[2].
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Fernández (2021)
- ↑ 2,0 2,1 2,2 Fernández García, María Isabel (2016). "Científicas lucenses do século XIX e comezo do XX: as primeiras universitarias de Ciencias de Lugo". Lucensia: miscelánea de cultura e investigación 27 (53): 31–64. ISSN 1130-6831.
- ↑ [n.a] (20 outubro 1932). "Galicia al día". Vida gallega : ilustración regional: 49.
- ↑ García Doural, Andrés. "Mujeres al servicio de España". Miscelánea mindoniense. Consultado o 24 febreiro 2018.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Pintos Barral, Xoana (2015). As mulleres nos estudos na Universidade de Santiago: 1910-1960. Universidade de Santiago de Compostela.
- Pintos Barral, Xoana (2021). Tiven a chave, a bicicleta e os catro libros. Editorial Galaxia.
- Fernández García, Isabel (2021). Pioneiras de Ciencias de Lugo . Editorial: Asociación Colectivo Egeria ISBN: 978-84-09-31713-4
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- "Obituario" en El Progreso, 3 de xuño de 2009 (en castelán)