Dolmen da Casa dos Mouros

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Dolmen Casa dos Mouros»)
Dolmen da Casa dos Mouros
Ben de Interese Cultural
Localización
LocalidadeA Madroa (Candeán, Vigo)
Coordenadas42°14′40″N 8°40′26″O / 42.244491666667, -8.6737583333333Coordenadas: 42°14′40″N 8°40′26″O / 42.244491666667, -8.6737583333333

O dolmen da Casa dos Mouros[1] é un monumento megalítico situado no monte da Madroa, en Candeán, no concello de Vigo, moi próximo aos campos de adestramento do R.C. Celta e moi preto tamén do Parque Zoolóxico da Madroa.

Foi construído entre fins do V milenio a.C. e o fin do III milenio a.C. Son restos do neolítico, ligados á cultura megalítica que se desenvolveu en Galicia tres ou catro milenios antes do ano 0. Este dolmen catalógase como un dos mellor conservados e de maiores dimensións. É o monumento megalítico máis grande da zona e ten a consideración de Ben de Interese Cultural.

Descrición[editar | editar a fonte]

O topónimo A Casa dos Mouros, provén dun ser mitolóxico galego (o mouro), cuxa existencia está case sempre ligada aos dolmens e mámoas e a outros lugares históricos e lendarios de toda Galicia.

O dolmen está composto por cinco ortostatos (lousas verticais) que forman as paredes do monumento e a cuberta, que se atopa apoiada sobre unha das lousas. Estas pedras forman o polígono, pesan toneladas e chegan a roldar os 2 metros de altura. A cámara mide arredor de tres metros de longo por dous de ancho.

Historia[editar | editar a fonte]

Son os restos descubertos dunha tumba dun enterramento neolítico, xa que no seu orixe e no pasado, as pedras estaban cubertas por un pequeno montículo de terra, que é o que recibe o nome galego de “mámoa”. Aínda así, a voracidade dos buscadores de tesouros que chegaban ao lugar guiados polas historias e lendas que contaban a aparición de grandes riquezas, propiciou que as mámoas foran “profanadas” e saqueadas, levando consigo o pouco que atopaban de valor e esnaquizando as posíbeis evidencias de enterramento que puideran chegar ata os nosos días. Ademais, todos estes descubrimentos dan boa conta da ocupación humana destas zonas dende épocas remotas.

Actualidade[editar | editar a fonte]

En setembro de 1990, o concello de Vigo tivo que mercarlle a un particular a leira onde se sitúa o dolmen, dado que este pretendía construír unha casa nas inmediacións e na que ademais, existen outros monumentos megalíticos como túmulos que no pasado sufriron diversos ataques de vándalos. Despois de tantos anos en mans do concello, o lugar non se atopa debidamente acondicionado, a pesar de que é unha das maiores xoias históricas do municipio de Vigo.

En 2016 sufriu un acto de vandalismo,[2] sendo restaurado pouco despois.[3]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "A Casa dos Mouros - 276445". galicianomeada.xunta.gal. Consultado o 2023-10-06. 
  2. "Un dolmen de Vigo víctima del vandalismo" (en castelán). 9 de novembro de 2016. Arquivado dende o orixinal o 19 de agosto de 2019. Consultado o 29 de novembro de 2019. 
  3. "El Concello limpia en Candeán la mámoa "Casa dos Mouros" tras las pintadas de noviembre". Faro de Vigo (en castelán). 7 de abril de 2017. Consultado o 29 de novembro de 2019. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]