Djembé

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Djembe tradicional

O djembé é un instrumento de percusión membranófono

O instrumento naceu no antigo Imperio Mandinga, aproximadamente entre as cidades de Bamako (Malí) e Kankan (Guinea), a partir de aí esparexeuse máis tarde ás actuais Senegal, Costa do Marfil e Burkina Faso, integrándose na música e tradicións da zona. Segundo a tradición levárona no século I d.C. os numu, ferreiros profesionais.

Como resultado das diferenzas na forma, a densidade da madeira, os gravados internos e a pel, pódense realizar unha ampla gama de tons co djembé. Así golpeando a membrana na zona central produce notas máis graves e mentres que de golpear no bordo os sons son máis agudos. Nun djembé ben afinado obtéñense sons graves, medios e agudos claramente diferenciados

Tradicionalmente os djembés teñen arredor de 30 cm de diámetro, cunha variación aproximadamente de entre dous e seis centímetros. Existen de dous tipos, os tradicionais, feitos artesanalmente con madeira, especialmente de lengue, iroko e mahogany pero tamén cedro, espiño e caoba. Para a pel úsase xeralmente a de cabra. Este tipo de djembés tradicionais afínanse utilizando un sistema de corda enteira e resistente que entretece co aro superior, onde está a membrana, e co inferior, onde se sostén. O outro tipo de djembé é o moderno, que se pode realizar de madeira ou de fibra e a membrana ser de pel natural ou sintética.

Hai unha gran variedade de ritmos tradicionais, salientando os ritmos de festas e rituais, cada familia de ritmos tócase para diferentes festividades e hai ritmos especiais que tan só se tocan en situacións extremas, como unha enfermidade grave ou serios problemas nunha familia. Non obstante na época contemporánea, o djembé emprégase en diferentes ámbitos musicais, desde a música tradicional africana ata grupos de reggae ou música electrónica.