Dislalia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A dislalia (de dis, "dificultade", "anomalía", e do grego λαλεῖν, "falar") é un trastorno da articulación dos fonemas, consistente na incapacidade de pronunciar correctamente certos fonemas ou grupos de fonemas debido a problemas nos órgaos do aparello fono-articulatorio, non aos problemas do sistema nervioso central.

É un problema común e leve, habendo moita variedade segundo o fonema afectado. Os nomes concretos segundo o fonema problemático proveñen do alfabeto grego (sigmatismo, rotacismo, deltacismo...).

Tipos[editar | editar a fonte]

  • A dislalia evolutiva (ou fisiolóxica, ou do desenvolvemento) dáse a consecuencia dunha falta de desenvolvemento do aparello fonador. Non é patolóxica, xa que responde a unha maduración lenta.
  • A dislalia orgánica (ou disglosia) débese a unha alteración ou malformación anatómica dos órgaos periféricos do aparello fonador.
  • A dislalia funcional débese a un mal uso dos órgaos, sen lesión o malformación dos mesmos. Adoita afectar a fonemas coma o /r/, /k/, /l/, /s/, /z/, ou /ch/, derivando en substitucións, omisións e insercións.

En ocasións o neno é consciente do problema e intenta evitalo, pero non é quen de facer o movemento muscular desexado.

Etioloxía[editar | editar a fonte]

Pódese deber á predisposición xenética, á deprivación psicosocial (afectiva, social, cultural, educativa ou económica), ou ao retraso mental. Hai catro causas:

  • A permanencia de esquemas de aticulación infantil. Afecta ao plano semántico, e pode deberse á hiperprotección (causa funcional).
  • O déficit de percepción auditiva ou hipoacusia (causa orgánica).
  • A mobilidade deficiente dos músculos da lingua (causa funcional ou orgánica).
  • Os hábitos incorrectos de deglución (caisa funcional).

Idade de detección[editar | editar a fonte]

As dislalias deben ser estudadas en función da idade e do proceso de adquisición da linguaxe. A partir dos 48 meses xa se pode falar de dislalia, pois a maioría de nenos xa teñen unha correcta articulación dos fonemas.

Erros de articulación máis comúns[editar | editar a fonte]

  • A substitución dáse ante a dificultade de pronunciar un son, sendo mudado por outro. Pode darse ao principio, no medio ou a final de palabra. Ex.: ratotato.
  • A omisión ten lugar cando non se emite o fonema que dá problemas. Ex.: ratoato.
  • A inserción consiste na inclusión dunha vogal no medio dun grupo consonántico. Ex.: pratoparato, tresterés.
  • A distorsión é unha pronunciación similar á correcta, pero non exacta.
  • A inversión implica un cambio na orde das sílabas dunha palabra. Ex.: cocholate.

Bibliografía[editar | editar a fonte]