Dischord Records

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Dischord»)
Dischord Records
Fundado en1980
FundadorIan MacKaye e Jeff Nelson
Estadoactiva
DistribuidorasSouthern Records
Xénero(s)punk rock, post-hardcore, hardcore punk
OrixeEstados Unidos
LocalizaciónWashington, D.C.
http://www.dischord.com

Dischord Records é un selo discográfico independente con base en Washington, D.C., especializado en música punk rock da escena musical da zona. O selo é propiedade de Ian MacKaye e Jeff Nelson, que fundaron Dischord en 1980 para editar o EP Minor Disturbance de The Teen Idles. A etiqueta destaca por ter mantido a súa estrita ética "faino ti mesmo", producindo todos os álbums eles mesmos e vendéndoos a prezos baratos sen a axuda de grandes distribuidoras. Dischord continua editando gravacións de bandas de Washington, D.C., e documentando e apoiando a súa escena musical.

Dischord é un dos máis famosos selos discográficos independentes, xunto con Alternative Tentacles, SST Records e Touch & Go Records. Os seus primeiros lanzamentos estaban relativamente ben producidos en comparación con outras gravacións punk rock da época, e os traballos de Minor Threat son un bo exemplo diso.

Historia[editar | editar a fonte]

Despois de que a finais do verán de 1980 a banda Teen Idles se separase, os seus membros decidiron gravar un disco cos cartos aforrados tras os seus 35 concertos. Sabendo que ningunha discográfica editaría o seu traballo sabendo que o grupo xa non existía decidiron facelo eles mesmos. Un amigo, dono dunha tenda de discos, posuía un selo propio, Limp, e explicoulles a dous dos membros da banda, Ian MacKaye e Jeff Nelson, as bases para editar un disco. Tras estas leccións e despois de pensar un nome nacería Dischord Records. En decembro dese ano sería lanzado o EP Minor Disturbance de Teen Idles, a primeira referencia do seu catálogo.

No momento da súa fundación existía unha grande actividade na escena hardcore punk de Washington, D.C., e o selo foi unha peza moi importante na súa popularización. Ao pouco tempo Ian e Jeff formarían o grupo Minor Threat e o roadie de Teen Idles, Henry Rollins, montaría S.O.A., que editaría o EP No Policy converténdose así na segunda referencia de Dischord Records a principios de 1981. Cos cartos gañados pola publicación dos seus dous primeiros EPs, o selo comezou a lanzar sinxelos de Minor Threat e das tamén acabadas de formar Government Issue e Youth Brigade cara finais de ano.

En outubro de 1981 a sede do selo trasladouse a Arlington, Virginia, a unha casa que foi bautizada como "Dischord House". Nathan Strejcek, vocalista de Teen Idles non se mudaría ao novo local, e aos poucos a súa participación na discográfica foi sendo menor. Como todos os encargados do selo entaban involucrados en distintas bandas, o soto da casa converteuse nun local de ensaio, e a consecuencia diso tamén sería un lugar de encontro importante da comunidade punk da zona.

En xaneiro de 1983 Dischord lanzou o seu primeiro vinilo de 12", un recompilatorio titulado Flex Your Head composto por 32 temas de 11 bandas de Washington, D.C. Cara mediados dese ano o selo xa negociara a edición de traballos de Faith, Void, Scream e Marginal Man, ademais do EP de Monor Threst Out of Step, pero estaba pasando por problemas económicos. Cando dentro da discográfica barallaban os posibles pasos a seguir para saír das dificultades polas que atravesaban apareceu John Loder, dono dos Southern Studios de Londres.

Loder ofreceuse a lanzar o EP Out of Step en Europa, e como aquí a fabricación de álbums era máis barata e a súa compañía podía pagalos a crédito (Dischord adoitaba a facelo contra-reembolso) ofreceuse tamén a axudalos a distribuílo polos Estados Unidos. Nese momento a demanda de discos era moito maior do que os donos da Dischord agardaban, e no selo non tiñan os cartos suficientes para fabricalos, polo que aceptaron o ofrecemento de Loder. Así naceu a asociación con Southern, que dura ata o día de hoxe.

No peor momento dos seus problemas económicos debido á cuestión da distribución, a meirande parte das bandas orixinais da discográfica separáranse ou abandonaran Dischord. Houbo un momento de calma creativa, e o selo alonxouse da escena de Washington, D.C., a cal, a medida que medraba, ía desarticulándose e volvéndose máis violenta.

Cara 1985 unha nova fornada de bandas comezou a aparecer, entre elas estaban Rites of Spring, Soulside, Gray Matter, Beefeater, Mission Impossible, Fire Party, Dag Nasty e Embrace, que acabarían todas asinando con Dischord Records.

Bandas[editar | editar a fonte]

Bandas como Minor Threat, Government Issue, The Faith, Void, Iron Cross, Embrace, Rites of Spring, Nation of Ulysses, Scream, Gray Matter, Jawbox, Marginal Man, Shudder to Think, Dag Nasty, Lungfish e Fugazi editaron traballos con Dischord.

Entre as incorporacións do selo de finais dos anos 90 e dos anos 2000 están Q and Not U, Beauty Pill, Antelope, Faraquet, Black Eyes, The Aquarium, Title Tracks, Edie Sedgwick e Andalusians. Moitos destes artistas, entre os que destacan Q and Not U e Black Eyes, son influentes bandas post-hardcore.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]