Dereito de presentación

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

O Dereito de presentación era unha prerrogativa rexia concedida polo Papa a certas monarquías europeas do Antigo Réxime, sendo o máis destacado o caso dos Reis Católicos e os seus herdeiros na monarquía hispánica.

Historia e características[editar | editar a fonte]

Por este dereito, aínda que nominalmente seguía sendo a Santa Sé a que nomeaba aos bispos, de acordo co dereito canónico, eran os reis os que controlaban a súa designación, pois lles outorgaba o dereito a presentaren unha terna cos candidatos "idóneos", a xuízo da coroa, para que o Papa seleccionara de entre eles a quen debía ocupar a sede vacante.

De forma moito máis intensa, o Padroádego real outorgaba á coroa española o poder de controlar os nomeamentos no só dos bispos, senón tamén de todos os cargos ou dignidades eclesiásticas (cóengos, párrocos etc.). Presentábanse ternas elaboradas polo Real e Supremo Consello de Indias cando quedaba vacante un cargo no Novo Mundo, no caso dos bispos; ou ben os representantes do rei en América (habitualmente os vicerreis) presentaban os candidatos ao bispo para que este procedera ao nomeamento, no caso dos párrocos ou ds membros do cabido catedralicio de cada diocese. De maneira tal que a carreira de todos os eclesiásticos indianos quedou, en gran medida, en mans da Coroa.

A comezos do século XIX, a independencia hispanoamericana conduciu a cada unha das novas nacións a reclamar para si as prerrogativas do Concordato entre España e a Santa Sé e, co tempo, a distintas fórmulas de relación Igrexa-Estado.

O padroádego continuou vixente en España a pesar da Revolución liberal, garantizándose polo Concordato de 1851.

O papado, ante a política anticlerical da Segunda República, deuno por derrogado. Pero tras a Guerra Civil volveu recoñecer o dereito de presentación de bispos ao seu vencedor Francisco Franco, a pesar de non ser rei senón Xefe do Estado. O seu réxime foi, nos primeiros decenios (o denominado nacionalcatolicismo), fortemente apoiado pola Igrexa católica, que o consideraba un salvador providencial da persecución relixiosa no bando republicano durante a Guerra Civil, e a esta, unha nova cruzada.

A partir do Concilio Vaticano II produciuse un evidente distanciamento entre a Igrexa e o réxime de Franco, que chegou a ameazar coa expulsión a un bispo (Antonio Añoveros Ataún).

Desde 1975, o titular do dereito pasou a ser, xa como rei, Xoán Carlos I, pero este non chegou a utilizalo nunca.

A Constitución española de 1978 considera ao Estado como aconfesional, e o novo Concordato, ou máis ben os acordos de 1979, xa non recolle tal prerrogativa.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Bravo Lira, Bernardino (1993): Historia de las instituciones políticas en Chile e Hispanoamérica. Segunda Edición. Santiago de Chile: Editorial Andrés Bello. ISBN 956-13-1086-4