de Havilland Canada DHC-6 Twin Otter

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

DHC-6 Twin Otter
WinAir De Havilland Canada DHC-6-300 Twin Otter Breidenstein.jpg
Tipoutilitario
Fabricantede Havilland Canada
Viking Air
Primeiro voo20 de maio de 1965
Introducido1966
Estadoen produción
Produción1965-1988 (Series 100-300)
2008-presente (Series 400)
Unidades construídas985 en decembro de 2019: 844 DHC, 141 Viking

O de Havilland Canada DHC-6 Twin Otter, no presente comercializado como Viking Air DHC-6 Twin Otter, é un avión utilitario canadense para 19 pasaxeiros e con capacidade STOL desenvolvido por de Havilland Canada e producido actualmente por Viking Air. O seu tren triciclo fixo, a capacidade STOL, os motores turbohélice e unha alta taxa de ascenso fixeron do DHC-6 un exitoso avión de proximidade, así como un bo avión de carga e de evacuación médica. Ademais, o Twin Otter é popular en operacións de paracaidismo, e é usado polo equipo de paracaidismo do Exército dos Estados Unidos e polo 98º Escuadrón de Adestramento de Voo da USAF.

Deseño e desenvolvemento[editar | editar a fonte]

O desenvolvemento do avión comezou en 1964, voando por primeira vez o 20 de maio de 1965. Xurdiu como un substituto bimotor do DHC-3 Otter dun só motor, mantendo as súas capacidades STOL. O seu deseño incluía flaps e aleróns no bordo de ataque de dobre rañura que actuaban ao unísono cos flaps para mellorar as características STOL. A dispoñibilidade do motor turbohélice de 410 kW Pratt & Whitney Canada PT6A-20 a principios dos 60 fixo o concepto dun bimotor máis factible. Un DHC-3 Otter co seu motor de pistón substituído por dous motores PT6A-4 xa voara en 1963[1] e fora estensamente modificado para investigar as capacidades STOL.[2] Para os operadores en zonas remotas a fiabilidade mellorada dos turbohélices e o mellor rendemento dunha configuración de dous motores o DHC-6 converteuse inmediatamente nunha popular alternativa ao avión de pistóns Otter, que levaba voando dende 1951.

Os primeiros seis avións producidos foron designados Series 1, indicando que eran prototipos. A serie inicial de produción estaba formada por avións da Series 100, con números de serie do 7 ao 115. En 1968 comezou a fabricarse a Series 200, a partir do exemplar con número de serie 116. Ao principio da fabricación da serie 200 realizáronse cambios que incluían unha mellora do rendemento STOL, un nariz máis longo que equipaba un compartimento de equipaxe maior (agás para avións equipados con frotadores), e a instalación dunha porta máis grande no compartimento de equipaxe traseiro. Todos os aparellos das series 1, 100 e 200 e as súas variantes (110, 210) levaban motores PT6A-20.

En 1969 introducíuse a Series 300, comezando co número de serie 231. Mellorouse tanto o rendemento do avión como a súa carga útil equipándoo cos motores máis potentes PT6A-27. Este era un motor de 510 kW que foi cualificado para 460 kW para ser usado na Series 300 Twin Otter. A serie 300 demostrou ser a variante máis exitosa do aparello, vendéndose 614 unidades coas súas subvariantes antes de que rematase a produción en Toronto por parte de de Havilland Canada no ano 1988.

Nova produción[editar | editar a fonte]

Primeiro voo do Twin Otter Series 400

Despois do fin da fabricación da serie 300, Viking Air de Victoria, Columbia Británica, mercou as ferramentas para producir pezas de reposto para todos os avións de de Havilland Canada fóra de produción. O 24 de febreiro de 2006 Viking mercou os certificados de tipo a Bombardier Aerospace de todos os avión fóra de produción de de Havilland Canada (do DHC-1 ao DHC-7).[3] A propiedade dos certificados dáballe os dereitos exclusivos de fabricación de novos avións.

O 17 de xullo de 2006, no Farnborough Airshow, Viking Air anunciou a súa intención de ofrecer unha serie 400 do Twin Otter. O 2 de abril de 2007 Viking anunciou que se tiña 27 pedidos e opcións reiniciaría a produción do Twin Otter con motores Pratt & Whitney Canada PT6A-34.[4] En novembro dese ano a compañía tiña 40 pedidos en firme e 10 opcións de compra e creouse unha liña de montaxe en Calgary, Alberta.[5] Zimex Aviation de Suíza recibiu o primeiro avión de produción, con número de serie 845, en xullo de 2010.[6]

A mediados de 2014 Viking levaba xa fabricados 55 aparellos na súa fábrica de Calgary. O ritmo de produción en 2014 era de 24 avións por ano. En abril de 2015 Viking anunciou unha redución no ritmo a 18 por ano.[7] O 17 de xuño de 2015 Viking asociouse coa firma chinesa Reignwood Aviation Group. O grupo mercaría 50 aparellos e tería a representación exclusiva da serie 400 en China.

Entre os grandes cambios introducidos na serie 400 inclúese unsistema de aviónica totalmente integrado Honeywell Primus Apex, eliminación do sistema eléctrico de CA, eliminación do sistema de copia de seguridade beta, modernización dos sistemas eléctrico e de luces, e o uso de materiais compostos para estruturas que non soportan cargas como as portas.[8]

En 2019 Viking comezou a realizar compoñentes de plástico no Twin Otter usando impresión 3D para reducir custos.[9]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Sullivan, Kenneth H., 1922- (1989). Power : the Pratt & Whitney Canada story. Toronto: CANAV Books. ISBN 0-921022-01-8. OCLC 18746719. 
  2. "De havilland | 1963 | 0071 | Flight Archive".
  3. "Viking aquires DeHavilland type certificates". web.archive.org. 2006-08-24. Consultado o 2020-12-15. 
  4. "Viking restarts Twin Otter production." flightglobal.com, 2 de abril de 2007
  5. Sarsfield, Kate. "Viking Twin Otter Series 400 certification approaches." Flightglobal, 3 de febreiro de 2010
  6. "The rebirth of a Canadian icon". Consultado o 2020-12-15. 
  7. Huber, Mark. "Viking Air Slashes Twin Otter Production, Lays Off 116". Aviation International News (en inglés). Consultado o 2020-12-15. 
  8. "Updated Twin Otter Takes Off". Flying (en inglés). Consultado o 2020-12-15. 
  9. Ballah, Brett (2019-08-28). "De Havilland owner believes renewed focus will increase Dash 8 market share". Western Aviation News (en inglés). Consultado o 2021-05-12.