David Jenkins

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
David Jenkins
Nacemento29 de maio de 1912
Lugar de nacementoClydach Vale
Falecemento6 de marzo de 2002
Lugar de falecementoAberystwyth
NacionalidadeReino Unido e Gales
Alma máterUniversidade de Aberystwyth
Ocupaciónbibliotecario e historiador
PremiosComandante da Orde do Imperio Británico
editar datos en Wikidata ]

David Jenkins, nado en Blaenclydach o 29 de maio de 1912 e finado en Aberystwyth o 6 de marzo de 2002, foi un bibliotecario, editor e escritor galés, bibliotecario da Biblioteca Nacional de Gales de 1969 a 1979.[1]

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Jenkins naceu no sur de Gales, en Glamorgan, fillo dun mineiro que procedía do norte, e tras sufrir un ataque de pneumonía en 1921 comezou a pasar longas tempadas con familiares no norte, en Penrhyn-coch (en Trefeurig) ata se establecer alí definitivamente coa súa avoa. Graduouse en literatura galesa na Universidade de Aberystwyth en 1935. Traballou temporalmente na Biblioteca Nacional de Gales entre 1937 e 1939. Durante a segunda guerra mundial chegou ao rango de comandante, estivo na liberación de París e nas primeiras unidades que en Polonia e no norte de Alemaña entraron nos campos de concentración[2]. En 1946 volveu a Gales e ingresou na Biblioteca Nacional de Gales, no departamento de libros impresos, foi conservador axudante (1949-1957), conservador (1957-1962), conservador xefe (1962-1969) e finalmente bibliotecario (1969-1979). Foi tamén secretario da Welsh Bibliographical Society e editor do seu periódico, Journal of the Welsh Bibliographical Society entre 1964 e 1979. Presidente do Cyngor Llyfrau Cymru entre 1974 e 1980. Escribiu unha biografía de T. Gwynn Jones que publicou en Gwasg Gee en 1973, autor ao que volveu co volume Bro a Bywyd T. Gwynn Jones en 1984 cun carácter máis divulgativo e menos especializado. En 1992 publicou un estudo sobre a comunidade de Trefeurig, Bro Dafydd ap Gwilym e ao ano seguinte O Blas Gogerddan i Horeb (Taith Dwy Ganrif), un estudo sobre a capela baptista de Penrhyn-coch. En 2002 publicou a historia oficial da Biblioteca Nacional de Gales, A Refuge in Peace and War: The National Library of Wales to 1952 escrita ao longo de vinte anos.

Notas[editar | editar a fonte]