Saltar ao contido

Códice de Roda

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Códice de Roda, dol. 1r.

O Códice de Roda ou Códice de Meyá é un manuscrito medieval que representa unha fonte primaria única para os detalles do Reino de Navarra dos séculos IX e comezos do X e dos principados veciños.[1]

Características

[editar | editar a fonte]

Pénsase que o códice data de finais do século X, aínda que hai engadidos do século XI, e foi compilado en Navarra, quizais en Nájera, escrito en minúscula visigótica por varias mans diferentes con notas marxinais cursivas. Ten 205 mm × 285 mm e contén 232 folios.[1] O manuscrito parece que se depositou en Nájera no século XII, e posteriormente no arquivo da catedral de Roda de Isábena a finais do século XVII. No século seguinte, foi adquirido polo prior de Santa María de Meyá, pasando a mans privadas, tras o cal só quedaron á disposición da comunidade erudita copias e manuscritos derivados ata o redescubrimento do manuscrito orixinal en 1928.[2]

O códice inclúe copias de coñecidos textos antigos e medievais, así como material único. Os dous primeiros terzos da compilación reproducen unha única obra, Historiarum adversus paganos libri septem de Paulo Orosio. Tamén destacan a Historia de regibus Gothorum, Vandalorum et Suevorum de Isidoro de Sevilla, a Chronica prophetica,[3] a Historia de Melchisedech,[4] a Storia de Mahometh, o Tultusceptru do libro Domni Metobii e unha xenealoxía de Xesús. Os elementos únicos inclúen unha lista de gobernantes árabes e dos reis cristiáns; unha crónica do Reino de Navarra; a Crónica de Afonso III; unha necroloxía dos bispos de Pamplona; e a De laude Pampilone epistola. Tamén inclúe un canto en homenaxe a unha senón descoñecida Leodegundia Ordóñez, raíña de Navarra.[2][1]

A pesar desta diversidade de material, o manuscrito é quizais máis coñecido polas súas xenealoxías das dinastías que gobernaban a ámbolos lados dos Pireneos.[5][2]  As xenealoxías do Códice Roda xogaron un papel fundamental na interpretación do escaso rexistro histórico sobrevivente destas dinastías. Os relatos familiares abarcan ata cinco xeracións, rematando na primeira metade do século X. Entre eles están os gobernantes de Pamplona, os condados de Aragón, Sobrarbe, Ribagorza, Pallars, Tolosa e o ducado da Gascuña. Recentemente suxeriuse que estas xenealoxías, que lembran a obra de Ibn Hazm, foron elaboradas nun contexto ibérico musulmán no val do Ebro e pasaron a Navarra no momento en que se redactou o códice.[5][2]

  1. 1,0 1,1 1,2 García Villada, Zacarías (1928). "El códice de Roda recuperado". Revista de Filología Española 15: 113–130. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 Lacarra, José María (1945). "Textos navarros del Códice de Roda" (PDF). Estudios de Edad Media de la Corona de Aragón 1: 194–283. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 03 de marzo de 2016. Consultado o 04 de decembro de 2023. 
  3. Wreglesworth, John (2010). Crónica profetica. Encyclopedia of the Medieval Chronicle. p. 400. ISBN 90-04-18464-3. 
  4. Gil Fernández, Juan (1971). "Textos olvidados del Códice de Roda". Habis 2: 165–178. 
  5. 5,0 5,1 Lacarra, José María (1992). "Las Genealogías del Códice de Roda". Medievalia 10: 213–216.