Saltar ao contido

Cupé

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Gala-Cupé de Leopoldo II.

Un cupé (do participio pasado francés coupé, do infinitivo couper, cortar) é un tipo de carrozaría de automóbil pechada (teito fixo permanentemente), de dous ou tres volumes e dúas portas laterais. Un cupé denomínase fastback ou tricorpo (notchback), segundo o ángulo que forma o vidro traseiro coa tapa do maleteiro ou do motor. Os cupés, xunto cos convertibles, forman o grupo dos automóbiles deportivos. A definición precisa varía dun fabricante a outro, e no tempo. Aínda que a maioría dos cupés son vehículos de dúas portas, existen algúns de catro portas (incluídos os Mercedes-Benz CLS e Rover P5 Cupé) chamados "cupé" polos fabricantes.

No século XIX un cupé era unha carruaxe pechada de catro rodas tirada por cabalos, o coupé ou corte aludía aos coches de catro prazas onde o habitáculo estaba recortado deixando dúas prazas abertas diante (para o condutor e un acompañante) e dúas prazas pechadas detrás para os pasaxeiros. Se o condutor non tiña teito sobre a súa cabeza, entón tratábase dun coupé de-ville. Comunmente, un cupé tiña unha fiestra de vidro fixo na parte dianteira do compartimento de pasaxeiros. O condutor estaba protexido da sucidade do camiño por un taboleiro de instrumentos de alta curvatura. Un landau é un coupé de-ville co teito abatible. Cando só o compartimento de pasaxeiros ten un teito pregable pero a parte do condutor permanece cuberta, o estilo é coñecido como un landaulet.

Durante o século XX, o termo cupé foi aplicado a varias cabinas pechadas (o asento traseiro se atopa máis adiante do habitual e o asento dianteiro máis atrás do habitual)[1] de automóbiles.

Actualmente a designación se refire a automóbiles de capota fixa xeralmente para dous ocupantes ou 2 + 2 e de dúas portas. Segundo a norma SAE J1100 a diferenciación entre un cupé e un sedán (berlina) de dúas portas está no menor espazo (volume) atrás do asento traseiro, menos de 930 litros. Segundo esta norma, os coupés Chevrolet Monte Carlo, Ferrari 612 Scaglietti e Mercedes-Benz Clase CL son todos sedáns de dúas portas. Visualmente unha das características comúns máis marcadas desta carrozaría é a suave inclinación da última columna da capota.

Esta designación é por veces adoptada pola mercadotecnia dos fabricantes para as variacións dos sedáns. Recentemente, algúns fabricantes produciron cupés de 4 portas, como o Mercedes-Benz CLS, o Volkswagen Passat CC e o Porsche Panamera.

A Norma Internacional ISO 3833-1977 define un cupé como unha carrocería pechada, polo xeral cun volume traseiro limitado, un teito fixo do cal unha parte pode abrirse, polo menos dous asentos en polo menos unha fila, dúas portas laterais e, posiblemente, unha porta traseira, e polo menos dúas fiestras laterais.[2]

Uso actual

[editar | editar a fonte]
BMW E46 cupé (2005).

Hoxe en día cupé converteuse nun termo de mercadotecnia para os fabricantes de automóbiles, máis que nun feito de deseño ou maquillaxe técnico do vehículo. Eles atribúen o termo a calquera vehículo con dous, tres, e agora ata catro portas, polo seu luxo ou pola aparencia deportiva. Isto débese a que os cupés en xeral son vistos como máis deportivos que os sedáns, polo que un coupé sería comercializado como un vehículo máis deportivo que o sedán de dúas portas.

Mentres que os antigos cupés eran "simplemente modificacións de dúas portas, dos sedán", hoxe en día algúns cupés teñen carrocería e estilo diferente dos seus homólogos de catro portas.[3] O AMC Matador cupé da década de 1970 tiña un deseño único non compartindo case nada coas versións de 4 portas.[4]

Incluso os coches de dúas portas cun asento traseiro que agora coñécense como "sedán" utilizan os termos "cupé" e "sedán" indistintamente. Os sedáns de dúas portas con asento dianteiro tipo banco elimináronse co Chevrolet Monte Carlo 1995-1999, que foi o último modelo en ofrecelo.

Con todo, os coches de 2 portas en xeral perderon popularidade, coa excepción dos convertibles e os roadster de 2 asentos. Dos sedáns, camionetas e SUV / familiares fanse menos modelos de 2 portas (especialmente aqueles con asentos traseiros) nos últimos anos xa que o custo dos vehículos de 4 portas reduciuse xunto coa enxeñaría para facilitar o acceso á zona dos asentos traseiros.

Galería de imaxes

[editar | editar a fonte]
  1. Clough, Albert L. (1913). A dictionary of automobile terms. The Horseless Age Company. p. 241. Consultado o 7 February 2011. 
  2. Technical Committee ISO/TC22, Road vehicles (1977-12-01) [1976]. Escrito en Geneva, Switzerland. ISO 3833-1977: Road vehicles – Types – Terms and definitions (ISO International Standard) (2ª ed.). Switzerland: International Organization for Standardization. p. 6. 
  3. Loh, Edward (2008). "Comparison: 2008 Honda Accord Coupe vs 2008 Mitsubishi Eclipse vs 2008 Nissan Altima Coupe (Front-wheel-drive coupe comparison)". Motor Trend. Arquivado dende o orixinal o 29 de xuño de 2011. Consultado o 7 February 2011. 
  4. Severson, Aaron (25 December 2009). "What's a Matador? AMC's Midsize Classic, Rebel, and Matador Coupe". ateupwithmotor.com. Consultado o 29 February 2012.