Cruceiro de Piquetes

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Cruceiro de Piquetes.

Coordenadas: 42°06′8.55″N 8°46′11.36″O / 42.1023750, -8.7698222 O cruceiro de Piquetes é un cruceiro situado no lugar de Piquetes, na encrucillada do camiño Real Tui-Baiona co camiño de Cristillón que leva ao cemiterio de Mañufe. Antigamente foi lugar de culto e procesión da festividade de San Brais.[1] Esta partía da capela do Pazo de Moldes cara a este cruceiro onde daba volta e retornaba ao templo.[2] Non ten data de creación acreditada documentalmente, mais os estudos da súa fábrica polo arquitecto Antonio Soliño Troncoso a fan estimar sobre o século XVII.[2]

No estudo desta peza por Estanislao Fernández de la Cigoña Núñez, tampouco constata data de construción, mais coincide en que se trata dun cruceiro "primitivo".[3] Cumpre coa fisionomía típica do cruceiro: plataforma, base, fuste, capitel e cruz.[4]

Dimensións[editar | editar a fonte]

A plataforma mide 0,20 m de alto, 0,30 m o pedestal, e fuste e cruz suman 2,50 metros;[1] o que o sitúa por debaixo da media dos da comarca do Val Miñor situada entre 4 e 6 metros segundo José Espinosa Rodríguez.[5]

Arte[editar | editar a fonte]

A plataforma consta de tres banzos de pedra que nivelan a peza sobre o terreo. Eríxese sobre esta base o varal onde o traballo de cantería o tallou en tres terzos dunha soa peza: primeiro cuadrangular, logo octogonal e finalmente cilíndrico.[4][3]

O capitel liso forma parte da mesma peza do fuste.  Finalmente, a cruz presenta un cristo baixo cartel INRI,  na cara que mira ao oeste. No reverso unha virxe das Angustias coa cabeza do meniño Xesús á súa dereita con trazos bastante sinxelos.[4][3][2]

As tipoloxías das figuracións na cruz, moi pegadas aos paus e sen perspectivas, o baixo vulto, trazos apenas marcados e as dimensións e o tipo de capitel dan pé á datación sobre o século XVII de Soliño Troncoso e ao seu carácter primitivo segundo Fernández de la Cigoña Núñez.[3][2]

Para Soliño Troncoso, trátase dunha notable peza que representa "as máis xenuínas manifestacións da cultura popular do campesiñado galego".[2]

Conservación[editar | editar a fonte]

A peza atópase en bo estado para os especialistas citados, máis Soliño Troncoso advirte da situación caótica da contorna, que arrodea o monumento de postes e tendidos eléctricos. O cruceiro atópase catalogado pola Xunta de Galicia e máis nos documentos do futuro Plan Xeral de Ordenamento de Gondomar.[6][4][3][2][1]

Na actualidade o ben non cumpre a antiga función relixiosa pois a celebración de San Brais trasladouse ao contorno da Igrexa de Mañufe.[3][2]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 Soliño Troncoso, Manuel; Mosquera Veleiro, José Luis; Soliño Troncoso, Alfonso; Soliño Troncoso, Antonio (1995). Gondomar historia, arte y territorio (en Castelán). Ir Indo. p. 212-213. ISBN 84-7680-225-0. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 2,6 Soliño Troncoso, Antonio; Chamorro Sanromán, Juan (2018). Percorrido polo patrimonio cultural da vila e concello de Gondomar de Miñor. Instituto de Estudos Miñoranos. p. 109-110. ISBN 978-84-09-06595-0. 
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 Fernández de la Cigoña Núñez, Estanislao (2013). Cruces, cruceiros e petos do concello de Gondomar. Asociación Galega para a Cultura e a Ecoloxía (AGCE). pp. 59–60. ISBN 978-84-92867-09-7. 
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 Freiría, Eduardo. "Cruceiro de Piquetes". Patrimonio.net. Páxina colaborativa. Consultado o 15/06/2020. 
  5. Espinosa Rodríguez, José (1951). Casas y cosas del Valle Miñor (en Castelán). Vigo: Imprenta Gutenberg. p. 94. OCLC 432013119. 
  6. "Planeamento urbanístico Xunta de Galicia" (PDF). Xunta de Galicia. Consultado o 15/06/2020.