Crónica de una muerte anunciada

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Crónica de una muerte anunciada
Autor/aGabriel García Márquez
OrixeColombia
LinguaCastelán
Xénero(s)Novela
Data de pub.1981
FormatoRústica
Páxinas106 páxinas
ISBN987-1138-01-6
Precedido porTodos los cuentos
Seguido porTextos costeños
editar datos en Wikidata ]

Crónica de una muerte anunciada é unha novela curta de Gabriel García Márquez publicada en 1981, traducida ao galego en 2022[1]. Está enmarcada dentro do denominado "boom" da novela hispanoamericana, e exhibe certos trazos do realismo máxico propio da época do relato hispanoamericano.

Estrutura[editar | editar a fonte]

Desde o punto de vista externo, a novela estrutúrase en 5 partes ou secuencias narrativas de extensión homoxénea. Internamente, o narrador xoga con diversos planos temporais e cun panorama extenso dos personaxes que entrevistou. Estas entradas son necesarias para reconstruír o seu incompleto recordo do sucedido.

Estamos ante unha estrutura sustentada en avances e retrocesos, recorrencias e superposicións provocadas pola necesidade do narrador de enlazar a súa propia memoria coa doutras testemuñas, que aportan puntos de vista complementarios. Nesta montaxe, cada unha das 5 partes xira sobre un eixe vertebrador ó que acompañan outros datos circunstanciais.

  1. Santiago Nasar e o seu contorno;
  2. Bayardo San Román;
  3. Os irmáns Vicario;
  4. A autopsia, o enterro e as posibles consecuencias;
  5. O itinerario do crime.

A trama ten ademais dous dispositivos de peche. Por un lado o reencontro e a reconciliación de Ánxela Vicario e Bayardo San Román; por outro lado, a morte de Santiago Nasar, que foi denunciada ao comezo da novela, o que nos permite falar dunha estrutura pechada.

Narración[editar | editar a fonte]

Entre os elementos do universo literario da novela, o narrador é un dos máis complexos e interesantes. O propio García Márquez alterna a súa condición de cronista co seu papel de testemuña e copartícipe dos feitos, polo cal combina primeira e terceira persoa narrativas.

O narrador-cronista ten que reconstruír as partes da historia, para el esquecidas ou descoñecidas, por iso a súa voz da paso a outras voces doutros personaxes-testemuñas.

As manifestacións das testemuñas adoitan aparecer no discurso mediante breves frases significativas e puntuais dunha conversa co cronista, que adoitan ser plasmadas en estilo directo. Ademais destas voces e da súa memoria, o narrador-cronista sérvese de correspondencia da súa nai, dun informe xurídico e dun informe da autopsia.

Polo que respecta ós modos narrativos, a novela presenta unha imbricación continua de narración e descrición. O diálogo ten menor presenza e cando aparece faino de maneira moi fragmentada.

Temporalización[editar | editar a fonte]

Hai un amplo espazo de tempo cronolóxico entre os feitos que ocorreron e o momento no que son narrados. A historia da voda e do crime non chegan ás 24 horas mais as súas consecuencias posteriores van moito máis alá, ata 27 anos. Este período de tempo orixina os continuos avances e retrocesos da narración mediante o emprego de prolepse e analepse. A novela conclúe coa descrición final da morte do protagonista que foi anunciada ao comezo da mesma.

Espazo[editar | editar a fonte]

Aínda que na novela aparecen espazos xeográficos de Colombia como Manaure ou La Guajira, nunca se menciona o nome da pequena vila onde suceden os feitos. O espazo é importante pola participación común dos seus habitantes implicados ben como colectivo ou como individuos máis afectados polo feitos.

Hai lugares específicos dentro da vila que adquiren maior transcendencia polo seu carácter metonímico, como a cada de Santiago Nasar, que se converte nunha especie de labirinto polas portas. A quinta do viúvo de Xius simboliza a ambición de Bayardo San Román; a tenda de Clotilde Amenta é un centro estacionario no itinerario da vinganza dos irmáns Vicario e a praza é o espazo de celebración do crime.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  1. Rey, María; Liñares Giraut, X. Amancio. "Crónica dunha morte anunciada". bibliotraducion.uvigo.es. Consultado o 2023-10-29.