Conversa:Rabixunco

Os contidos da páxina non están dispoñibles noutras linguas.
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Seguro que esta ave se chama en galego rabixunco? Ademais, non é unha ave que viva en Galicia, aínda que se poida ver por aquí ás veces, polo que o nome non creo que lle veña por vía popular. Non será unha tradución do nome castelán rabijunco? De ser así igual era preferible chamarlle faetón (vulgarizando o nome científico, o cal é práctica común) ou usar o nome científico. Creo que o nome aparece nalgunha lista de nomes utilizada por grupos ornitolóxicos, pero non me acaba de convencer.--Miguelferig (conversa) 5 de outubro de 2013 ás 14:59 (UTC)[responder]

Atopei este nome nos Nomes galegos para as aves ibéricas: lista completa e comentada, di: Phaethon aethereus: rabixunco é voz portuguesa e española para esta especie, sendo xa coñecida así desde a Era das Descubertas (Bemis, 1995). publicada na revista Chioglossa en 1999 por Miguel A. Conde Teira. Nesa lista de nomes e na Guía das aves de Galicia, de Penas Patiño, básase o artigo Lista de aves de Galicia. Se che parece ben a referencia achégoa ó artigo é que eu non controlo moito do tema. Saúdos, --Elisardojm (conversa) 9 de outubro de 2013 ás 17:48 (UTC)[responder]
Esa é unha boa referencia para o nome castelán e portugués, claro. Non sei se o nome galego que aparece nas guías é unha tradución dese nome castelán ou portugués (en portugués chámaselle normalmente rabo-de-palha, nome que aparece na Galipedia como rabodepalla na páxina fragatas). De todos modos para esas aves máis ben exóticas adoitan utilizarse traducións dos nomes internacionais (ou con frecuencia, como dixen, o nome latino vulgarizado, ou o científico), polo que nese sentido o nome estaría ben e sería bo engadir a referencia como suxires. De todos modos, que apareza nas guías tampouco é unha total garantía, pero son as referencias que hai. O autor tiña que poñerlle un nome e optou por ese. E non hai máis que ler a introdución da referencia que suxires, que se presenta como unha proposta. Os nomes fusionados ata hai pouco non estaban ben vistos nos animais (pativermella, biquiazul, peitibranco... rabixunco?). E despois atopas cousas como que nesa referencia fálase de flamingos e no DRAG aparece flamengos. Eu mesmo acabo de facer unha páxina sobre pelicanos na que tiven que facer cos nomes algo parecido (pero useino o menos posible, preferindo case sempre o nome científico). Quero dicir que se en América hai un só pelicano branco e hai outros grises e pardos non é un disparate chamarlle "pelicano branco americano" como lle chaman alí. En Europa hai outros pelicanos. A un chámanlle pelicano crespo e ao outro pelicano branco nesa referencia que mencionas. E ao pelicano branco "europeo" tampouco se lle pode chamar "europeo", porque tamén vive en África e Asia. Nesa páxina dos pelicanos menciono ao Phaethon, precisamente. Outro nome que me chamou a atención na Lista de aves de Galicia é o de realexo.--Miguelferig (conversa) 9 de outubro de 2013 ás 18:26 (UTC)[responder]
Atopei outra referencia para o nome, a lista das aves de Galicia (páxina 33) da Xunta de Galicia. Será mellor esta? Saúdos, --Elisardojm (conversa) 9 de outubro de 2013 ás 23:55 (UTC)[responder]
Si, esta referencia está ben, igual que o estaba a anterior, e penso que calquera das dúas ou ambas estaría ben poñelas. Está claro que ese é o nome que "decidiron" poñerlle e, por tanto, é o que hai que poñer. Non discuto que o nome estea referenciado; simplemente que non me parece acertado e parece evidente que rabixunco e realexo son calcos do castelán e portugués e, na miña opinión, soan un pouco raros en galego (cousa que non ocorre con outros nomes de aves). Pero na wikipedia non hai que propoñer novos termos para estas aves exóticas, senón usar os que xa teñen un certo uso (porque os "propuxeron" no seu momento outros). Que non me guste a min non quere dicir nada, xa que eu non son un experto nin decido nada. As aves autóctonas teñen xeralmente nomes galegos tradicionais que se poden usar e entre os que se pode elixir, pero as aves exóticas non o teñen e hai que propoñer un (en todos os idiomas se fixo igual). Neste caso non se pode dicir que sexa un nome moi internacional; é o nome castelán cambiando j por x.--Miguelferig (conversa) 10 de outubro de 2013 ás 17:00 (UTC)[responder]
Ah, xa, si, estou dacordo contigo, pensaba que te referías a que a referencia non era boa abondo. Eu penso que nestes casos o mellor sería deixar o nome científico como comentaches ti. Pois achego entón a referencia da Xunta que non di nada de que sexa unha proposta. Saúdos, --Elisardojm (conversa) 10 de outubro de 2013 ás 22:24 (UTC)[responder]
Por último, quero comentar tamén que, aínda que na referencia se di que os portugueses usaban o nome rabijunco para esta ave (seguramente tamándoo do castelán), eu procurei nos dicionarios portugueses en papel e na rede e neles o rabijunco é unha ave palmípede anátida (pato) sinónimo de arrabio, que se corresponde co pato Anas acuta (tamén chamado Dafila acuta), polo que non sería o Phaethon. De ser certo o que din todos estes dicionarios, habería que comprobar se os portugueses realmente lle chaman a esta ave rabijunco ou non, xa que parece que se usa para varas especies. Nalgunha páxina web atopei rabo-de-junco (non usado como nome preferente), pero non parece que sexa un nome moi usado en portugués e, como dixen, ten sinonimia cun pato, polo que é un nome ambiguo nese sentido. Tamén atopei rabijunco-riscado. E na páxina da wiki portuguesa ao Phaethon chámanlle rabo-de-palha e non mencionan rabijunco. A Lista de aves da Xunta menciona como bibliografía única para os nomes galegos a publicación de Conde Teira, polo que as dúas referencias na práctica son a mesma. Ao final, eu sigo preferindo usar o nome científico ou chamarlle faetón (sacado do nome científico e coincidente co francés e italiano, e ademais non é un calco directo do castelán).--Miguelferig (conversa) 1 de decembro de 2013 ás 12:57 (UTC)[responder]