Conversa:Escarapote

Os contidos da páxina non están dispoñibles noutras linguas.
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Dado que escarapote (e as súa variante minoritaria escarapota) é a denominación aplicada en numerosísimos lugares de Galicia a dúas epecies moi semellantes, Scorpaenus porcus e S. scrofa, así como a menos frecuente S. notata, da familia dos escorpénidos (Véxase Ríos Panisse, M. C. (1997): Nomenclatura de la flora y fauna marítimas de Galicia. I Invertebrados y peces. Verba, Anejo 7. Santiago de Compostela: Universidad de Santiago de Compostela. ISBN 84-7191-008-X, pp. 302-308.) parece inapropiado (por non dicir abusivo) aplicar este nome unicamente á especie S. scrofa´, impedindo a creación doutras páxinas dedicadas ás outras dúas especies do xénero (e mesmo doutras, non presentes nas augas galegas; incluso outras de xéneros moi semellantes).

X. L. Rodríguez Villanueva e Xavier Vázquez, na súa obra Peixes do mar de Galicia. (III) Peixes óseos (continuación), Vigo, Edicións Xerais de Galicia, 1995, ISBN 84-7507-870-2, pp. 250-255, resolven o problema identificando a:

  • Scorpaena porcus como escarapote
  • Scorpaena scrofa como escarapote da pedra
  • Scorpaena notata como escarapote do fango.

A min ocórrenseme tres solucións:

  1. Ampliar esta páxina, coas correccións oportunas, incluíndo ás outras dúas especies (ou aínda máis).
  2. Transformar esta páxina nunha páxina de homónimos, referíndoa a todas as especies de Scrorpaena sp que se inclúan (para o que habería que buscar un nome distrintivo para S. scrofa).
  3. Seguir o criterio de R. Villanueva e Vázquez (para o que habería que modificar o nome desta páxina).
    Esta última é a solución que me parece máis apropiada. --XoioÉche o que hai 16 de decembro de 2012 ás 21:50 (UTC)[responder]

Concordo Xoacas(ti si que es lindo, ho) 16 de decembro de 2012 ás 22:47 (UTC)[responder]

  • Escarapote de pedra (cast. cabracho) designa o Scorpeaena scrofa para Villanueva, Pescadegalicia.com e a Resolución de 25.05.2012 de denominacións comerciais de especies pesqueiras (que sería unha referencia oficial). Para Ríos Panisse é, simplemente, escarapote.
  • Escarapote de pintas (cast. rascacio) designa o S. porcus para Pescadegalicia e a Resolución. Para Villanueva e Ríos Panisse, simplemente escarapote.
  • O primeiro é o máis capturado en Galicia (250.000 toneladas en 2012 fronte a 185.000) e o máis valorado (4,62 euros kg fronte a 3,48).
  • Postos a dar un nome común a cada especie quedémonos, xa que logo, con estes dous: escarapote de pedra e escarapote de pintas.
  • Para outros escarapotes temos só as denominacións que dá a Resolución: escarapote rosado (S. elongata; cast. gallineta rosada) e escarapote de madeira (S. maderensis; cast. Rascacio de madera).
  • Quédanos o problema do S. notata (cast. escórpora), para o que temos os nomes comúns de escarapote do fango (Villanueva) e escarapote escorpión (Resolución). Xa que ata agora tomabamos esta como referencia, habería que escoller escarapote escorpión.
  • E, para rematar, deixar a forma escarapotes (preferiblmente, en plural) para unha páxina xenérica sobre o xénero que á vez serviría como páxina de homónimos. Desde aquí poderiamos ligar, tamén, a outros peixes que tamén se chaman escarapotes, segundo Ríos Panisse.

É unha opinión. Pedro --Lameiro (conversa) 17 de decembro de 2012 ás 18:12 (UTC)[responder]

Tes bastante razón, Pedro. Pero o malo é que na "lista" de denominacións comerciais de especies pesqueiras (e de acuicultura admitidas en España), para todas as Scorpaena ssp (en castelán cabrachos, escarapotas, rascacios, escórporas ou cabras) dá, para Galicia, só escarapotes.
Unha posíbel solución sería facer, como dis, unha páxina escarapotes e meter alí todas as especies de Scorpaena (e quizais algunha máis doutros xéneros afíns), e despois crear páxinas para as principais especies (fundamentalmente as que viven ou se venden en Galicia), con cualificativos distintivos, buscándoos na literatura ictiolóxica galega ou, de non os haber, adaptando os nomes científicos. Pero, para iso, habería tamén que cambiar o título deste artigo. Daviña. --XoioÉche o que hai 17 de decembro de 2012 ás 22:25 (UTC)[responder]
Só un detalle, pero cóllase isto con pinzas polo meu limitado coñecemento sobre a nomenclatura científica. Polo que eu entendo de que a Galipedia non é unha fonte primaria, non se pode "adaptar os nomes científicos" ó galego. Segundo a norma de nomes de artigos, as especies que non teñan nome común en galego teñen que levar o título coa denominación científica. Aínda que a anterior só é unha convención de nomes interna da Galipedia, esa parte hai que seguila obrigatoriamente xa que se non estaríamos a "inventar nomes" e iso sería ser fonte primaria cousa que vai en contra da política da Galipedia. En resumo, que dou máis voltas ca un sarillo, quero dicir que nos casos nos que non haxa literatura galega sobre unha especie, a única posibilidade é poñer de título o nome científico. Saúdos, --Elisardojm (conversa) 15 de xaneiro de 2013 ás 13:57 (UTC)[responder]

Concordo contigo, Elisardo, nunha das cousas que dis; na outra discordo.

  • Concordo en que se unha especie biolóxica non ten nome galego coñecido, a súa páxina se titule co nome científico.
  • Discordo en que, por non ser a Galipedia unha fonte primaria (que estatutariamente non o é), non se podan adaptar os nomes científicos, en xeral. Unha cousa son as especies; outra, os taxons superiores (que son todos os demais, menos os xéneros que, obrigatoriamente, deben escribirse en latín científico. A min téñeseme chamado a atención (e con toda a razón) por titular un taxon en latín, en vez de facelo en galego, como é norma usual aquí. Pero, poñamos por caso, no caso dos filos (Phyla) Choanozoa ou Entoprocta, por exemplo, que imos facer? Deixalos así, en latín, en contra das normas internas da Galipedia, porque non están recollidos en ningunha das (desgrazadamente aínda pucas) fontes válidas admitidas, ou adaptalos, segundo as normas para a adaptación de cultismos de orixe grecolatina, que as hai, en coanozoos e endoproctos?. --XoioÉche o que hai 22 de xaneiro de 2013 ás 13:34 (UTC)[responder]
Ves, aí xa me pillas en renuncio porque os meus coñecementos xa non chegan a tanto. A dúbida que me salta á cachola ó ler o teu comentario é, esas normas de adaptación de cultimos, non permitirían tamén xerar nomes comúns para as especies biolóxicas?, ou esas normas só se aplican ós filos e taxóns superiores? Porque si se poden aplicar ás especies entón teríamos un problema, xa que por esa norma teríamos que traducir a nomes comúns tódolos nomes de artigos que estén co nome científico...
Se esa norma só é válida para taxóns superiores supoño que sendo unha norma ben coñecida e de uso común, dentro do seu eido claro, entón nós tamén poderemos usala, digo eu... Saúdos, --Elisardojm (conversa) 22 de xaneiro de 2013 ás 14:35 (UTC)[responder]

Ligazóns externas modificadas (maio 2019)[editar a fonte]

Ola compañeiros editores,

Acabo de modificar 1 ligazóns externas en Escarapote. Por favor tomádevos un momento para revisar a miña edición. Se tedes calquera pregunta, ou precisades que o bot ignore ben estas ligazóns ou ben a páxina por completo, por favor visitade este FAQ para máis información. Fixen os seguintes cambios:

Por favor revisade o FAQ para máis información sobre como corrixir erros do bot.

Saúdos.—InternetArchiveBot (Informar de erros) 22 de maio de 2019 ás 18:41 (UTC)[responder]