Conflito en Macedonia de 2001

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Zonas de conflito en Macedonia en 2001.

O conflito en Macedonia de 2001, tamén coñecido como a insurxencia na República de Macedonia, foi un conflito armado iniciado en xaneiro de 2001 cando o Exército de Liberación Nacional (ELN) albanés empezou a atacar ás forzas de seguridade macedonias. O conflito prolongouse até novembro do mesmo ano.

Desenvolvemento[editar | editar a fonte]

A principios de 2001, e principalmente na fronteira de Macedonia co Kosovo administrado pola ONU, os insurxentes actuaron cun patrón similar ao observado en Kosovo a finais de 1997 e até 1998, segundo o cal pouco a pouco fóronse facendo cargo dunha aldea tras outra.

Estas accións foron inicialmente pacíficas, aínda que a poboación non albanesa foi obrigada a abandonar esas zonas.[1] Porén, en xaneiro e febreiro de 2001 comezaron as accións de combate contra as autoridades lexítimas.

Mapa étnico da Macedonia, onde se representa en cor laranxa as rexións con poboación maioritariamente albanesa.

O goberno, nun primeiro momento, non fixo nada en contra da situación, porque se lle asegurou que o que estaba a pasar non ía dirixido contra Macedonia. Satisfeitas coa explicación, as autoridades esperaron durante case dous meses, e daquela a situación estaba xa case fóra de control, tanto que o goberno, soprendido, foi incapaz de prever as consecuencias.[1]

En xaneiro de 2001 xurdiu un grupo autodenominado Exército de Liberación Nacional (ELN), atribuíndose a responsabilidade polos ataques contra as forzas de policía. Os líderes deste ELN, incluíndo a Ali Ahmeti e a seu tío, Fazli Veliu, eran todos da Macedonia Occidental. Afirmaron que as súas forzas contaban con "entre varios centos e millleiros" de combatentes armados.

Porén, non recibiron o apoio de ningún dos dous principais partidos políticos albaneses. O goberno macedonio afirmou que os rebeldes eran en realidade membros da Exército de Liberación de Kosovo (UÇK), que se infiltraran no país. De feito, os combatentes do ELN consideraban a Kosovo como un "refuxio" onde poderían retirarse no caso de grandes accións de Macedonia na súa contra.[2]

Cando oito membros das forzas armadas de Macedonia foron asasinados en Vejce, os macedonios tomaron as rúas dalgunhas cidades, atacando e prendendo lume ás tendas propiedade de albaneses e ás mesquitas. Estes ataques tiveron lugar principalmente en Prilep, Skopje e Bitola.[3] Cidadáns macedonios en Prilep exixiron armas para atacar as vilas veciñas poboadas por albaneses despois de que dez macedonios e xitanos foran asasinados nunha emboscada.

Alto ao fogo e desarmamento[editar | editar a fonte]

Despois do acordo de Ohrid, os rebeldes acordaron o cesamento das accións armadas, en xuño, aínda que houbo outros acordos en agosto, antes de concluír nun definitivo en xaneiro de 2002. No marco do acordo de Ohrid, o goberno macedonio comprometeuse a mellorar os dereitos da poboación albanesa.

Estes dereitos inclúen facer da lingua albanesa a segunda lingua oficial, e o aumento da participación dos albaneses nas institucións gobernamentais, a policía e o exército.

A parte albanesa acordou renunciar a calquera demanda separatista e recoñecer plenamente todas as institucións de Macedonia. Ademais, segundo este acordo, o Exército de Liberación Nacional debía desarmarse e entregar as súas armas a unha forza da OTAN.

A operación Essential Harvest comezou o 27 de agosto. Nesta misión, de 30 días, participaron aproximadamente 3 500 soldados de Macedonia e da OTAN para desarmar ao Exército de Liberación Nacional e destruír as súas armas.

Apenas unhas horas despois de que a OTAN concluíra a operación, Ali Ahmeti, dixo nunha rolda de prensa que no bastión rebelde de Sipkovica estaba disolvéndose o Exército de Liberación Nacional e que era o momento da reconciliación étnica.

Pero varios meses despois do conflito, aínda persistían algunhas provocacións armadas. A máis grave ocorreu cando tres policías macedonios foron asasinados nunha emboscada tendida por homes armados de etnia albanesa o 12 de novembro de 2001.[4]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Macedonia, 2001 Arquivado 08 de febreiro de 2012 en Wayback Machine. (en inglés) Consultada o 112/12/2011.
  2. Macedonia, 2001 Arquivado 08 de febreiro de 2012 en Wayback Machine. (en inglés) Consultada o 12/12/2011.
  3. CNN.com Riot targets ethnic Albanians Arquivado 25 de marzo de 2010 en Wayback Machine., May 1, 2001. (en inglés) Consultada o 12/12/2011.
  4. "Macedonia police killed in ambush" BBC News, November 12, 2001 (en inglés) Consultada o 12/12/2011.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]