Pacto de Barrantes

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Compromiso de Barrantes»)

O pacto de Barrantes ou compromiso de Barrantes fai referencia ó acordo concertado o 25 de setembro de 1930 entre varias figuras do galeguismo (Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, Ramón Otero Pedrayo) e do republicanismo da época (Santiago Casares Quiroga, Antón Villar Ponte, Manuel Portela Valladares) no pazo de Barrantes (Ribadumia, Pontevedra).

Historia e características[editar | editar a fonte]

O Pacto de Barrantes é, xunto co Pacto de Lestrobe, no que se acordou a constitución da Federación Republicana Gallega, en marzo de 1930, e co Banquete de Barxa un dos acontecementos que preludian o advento da Segunda República Española.

No documento asinado afirmábase que a causa fundamental dos problemas de Galicia radicaba no centralismo político e que a solución pasa pola súa plena autonomía política e administrativa. As forzas comprometidas no pacto fixaron obxectivos comúns, como a liquidación do caciquismo, a loita contra todo réxime político que non emane da soberanía popular, a consecución da autonomía, a cooficialidade do galego e castelán, a galeguización da universidade e o ensino en xeral, a liberación da terra e a dignificación social das clases traballadoras.

A través do Pacto consagrouse, segundo algúns historiadores, a unificación do republicanismo galego en torno á figura de Casares Quiroga. Outros consideran que o galeguismo do documento se amosa remiso a decantarse claramente polo réxime republicano e que significou unha volta atrás na afirmación republicana como condicionante da autonomía integral para Galicia.

Os subscritores do compromiso representaban dende unha boa parte da intelectualidade da época ata elites profesionais urbanas e vilegas, pasando por sectores políticos de ámbito local.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]