Comisión Negociadora da Oposición
A Comisión Negociadora da Oposición foi unha plataforma constituída en 1976 por nove representantes dos partidos políticos e comunidades autónomas para negociar co Goberno de Adolfo Suárez os pasos a dar para a transición democrática.
O 29 de novembro de 1976, nunha entrevista entre o presidente do Goberno Adolfo Suárez e o presidente do Equipo Demócrata Cristiano del Estado Español, José María Gil-Robles, acordan a constitución dunha comisión negociadora entre representantes da oposición e o goberno do Estado para sentar os principios sobre os que deseñar o proceso da transición española e a legalización dos partidos políticos co propósito de garantir as liberdades públicas e unhas eleccións xerais libres (que se celebrarán o 15 de xuño de 1977). A esta reunión con Suárez asistiron tamén Joaquín Ruiz-Giménez (de Izquierda Democrática), Juan Ajuriaguerra (do Partido Nacionalista Vasco), Antón Cañellas (da Unión Democrática de Cataluña), Vicente Ruiz Monrábal (da Unión Democrática del País Valenciano) e Fernando García Agudín (do Partido Popular Galego) [1].
Anteriormente a esta data Suárez xa mantivera numerosas conversacións con distintos líderes políticos, do mesmo xeito que tamén o fixeron os representantes da oposición, entre si, para perfilar unha Comisión reducida que puidese presentarse ó Goberno cun mandato conxunto e consensuado da Oposición. O 1 de decembro, 70 dirixentes políticos doutros tantos partidos e organizacións decidiron a composición desta Comisión reducida, nomeando a dez representantes.
Constitución da Comisión Negociadora
[editar | editar a fonte]O 10 de decembro, no despacho de Joaquín Satrústegui, formalizouse a denominada Comisión Negociadora da Oposición, constituída por el mesmo (en representación dos liberais), Antón Cañellas (polo Equipo Demócrata Cristián), Francisco Fernández Ordóñez (pola Federación de Partidos Socialdemócratas), Felipe González e Enrique Tierno Galván (polo Partido Socialista Obrero Español e o Partido Socialista Popular), Santiago Carrillo (polo Partido Comunista) e mais Jordi Pujol (representando a Cataluña), Ramón Jáuregui (País Vasco) e Valentín Paz Andrade (Galicia). Polo número de membros, a prensa rebautizouna como Comisión dos 9.
Aínda que estaba previsto completar esta lista cun representante dos sindicatos (CCOO, UXT e USO), ó final decidiuse non incluír ás forzas sindicais como integrantes formais, se ben estarán presentes nas xuntanzas da Comisión nas que se trataran problemas no seu ámbito. Acordouse que a negociación sindical se levara a parte e co ministro de Relacións Sindicais, Enrique de la Mata.
A Comisión naceu coa obxección inicial do goberno de Suárez á presenza dos comunistas nas conversacións entre o Goberno e a Oposición, aínda que non rexeitaba que formasen parte da Comisión. Xa nesas primeiras reunións, coñecida esta postura do Goberno, a presenza dos comunistas foi obxecto de debate, pero os partidos de esquerda insistiron en incluílos [2], e o PCE, ademais, designou a Carrillo como o seu representante. Aínda así, e para eliminar puntos conflitivos, Carrillo renunciou a estar presente e foi substituído por Simón Sanchez Montero. A detención dos dous o 22 de decembro provocou unha dura resposta por parte dos restantes membros da Comisión, pero tras ser liberados o 30 de decembro Carrillo se incorporou sen problemas ás reunións da Comisión.
Para facilitar os contactos coa Comisión co Goberno, Suárez propuxo o nomeamento dun grupo máis reducido, que ó final se constitúe por Felipe González, Cañellas, Jaúregui e Satrústeguí, a denominada Comisión dos 4. Pero en realidade as negociacións fanse realmente mediante os chamados emisarios (ou, popularmente, carteiros) que son os que levan os acordos a Suarez. Os primeiros en cumprir este papel foron Tierno e Jordi Pujol, que se reúnen con Suarez o 23 de decembro, data na que oficialmente se inaugura o diálogo entre o Goberno e a Oposición.
As primeiras propostas que a Comisión presentou ante o Goberno estiveron dirixidas a asegurar as garantías democráticas do proceso electoral e a representación dos partidos no Congreso e no Senado.
Poden resumirse nos seguintes sete puntos:
- Recoñecemento de tódolos partidos políticos e organizacións sindicais.
- Recoñecemento, protección e garantía das liberdades políticas e sindicais.
- Urxente disolución do aparato político do Movemento e efectiva neutralidade política da Administración Pública.
- A verdadeira amnistía política que o país necesita.
- Utilización equitativa dos medios de comunicación propiedade do Estado, hoxe monopolizados polo Goberno.
- Negociación das normas de procedemento ó que debe axustarse o proceso electoral.
- Recoñecemento da necesidade de institucionalizar politicamente tódolos países e rexións integrantes do Estado español.
Paz-Andrade declarou daquela que pensaba centrar o seu labor mediador na defensa da recuperación da personalidade histórica e autónoma de Galicia, especialmente na loita contra a marxinación social e económica á que fora sometido o país galego [3].
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Fundado en xullo de 1976 trala unión da Unión Democrática de Galicia, liderada por Xaime Illa Couto, e da Izquierda Democrática Galega, de Fernando García Agudín. Desapareceu en 1979.
- ↑ "Después de todo, parte de la utilidad de esta Comisión es conseguir que entren en ella los comunistas; los demás ya nos hemos visto antes con el Gobierno", declarou un socialista asistente a esa reunión (Cambio 16 262, 29.12.1976).
- ↑ Cambio 16 262, 19.12.1976.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- "Diez personas formarán la comisión negociadora de la oposición con el Gobierno", en Informaciones, 2.12.1976.
- "Suárez no se sentará con los comunistas", en Diario 16, 3.12.1976.
- "La oposición negocia", en Cambio 16, nº 261, 6-12.12.1976.
- "Gobierno-Oposición: A quien madruga...", en Cambio 16 nº 262, 19.12.1976.
- "Se reunió la Comisión de los Nueve. Mostró su preocupación por la detención de uno de los miembros", en Arriba, 29.12.1976.
- Historia de la transición. Diario 16, Información y Prensa S. A., outubro 1983-abril 1984.
Os artigos publicados en Informaciones, Diario 16 e Arriba foron consultados no Archivo hemerográfico do Prof. Juan J. Linz: La Transición española en la prensa (1973–1987) [1].