Clístenes de Sición

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaClístenes de Sición
Biografía
Nacementoséculo VII a. C. Editar o valor em Wikidata
Sición, Grecia Editar o valor em Wikidata
Morteséculo VI a. C. Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeSición Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónpolítico Editar o valor em Wikidata
Período de tempoAntigüidade clásica Editar o valor em Wikidata
LinguaGrego antigo Editar o valor em Wikidata
Familia
FillosAgarista de Sicião (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata
PaiAristonymus (en) Traducir Editar o valor em Wikidata
Premios

Clístenes (en grego Κλεισθένης Kleisthénes) foi o tirano de Sición ao redor dos anos 600 e -570.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Fillo de Aristónimo, alcanzou o poder tras asasinar a un dos seus irmáns e depor a outro (Mirón e Isódamo), practicando unha tiranía máis radical que a dos seus antecesores. Segundo Heródoto, Clístenes proclamou desde o principio do seu goberno os seus sentimentos antidóricos e o seu odio cara á cidade de Argos, que antigamente dominara Sición, sentimento que se traduciu en tres medidas que supuxeron o golpe de graza á aristocracia doria:

  • Prohibición de recitar os textos homéricos, que celebraban aos heroes arxivos[1].
  • Prohibición do culto do heroe Adrasto e substitución do mesmo polo do seu rival Melanipo; tamén se favoreceron cultos populares e agrarios e introduciuse o culto de Dioniso.
  • Cambio dos nomes das tribos: as dorias recibiron apelativos vexatorios (Hiatai [porcos], Oneatai [asnos] e Choireatai [brutos]), mentres que a súa propia, a pre-doria e plebea, pasou a chamarse tribo dos Archealoi (xefes do pobo)[2].

Estas medidas populistas proporcionáronlle a adhesión incondicional das clases inferiores de raza predoria.

A súa política exterior foi moi activa. Ampliou o territorio da súa cidade coa conquista de Pelene e probabelmente tamén a de Cleonas. Axudou na guerra contra Cirra e destruíu esa cidade no ano -595. Opúxose con forza ás pretensións hexemónicas da súa odiada rival Argos, e participou na Primeira Guerra Sacra xunto con Alcmeón de Atenas e Euríloco de Tesalia. Coa súa vitoria, Clístenes logrou un escano para Sición no novo consello da Anfictionía de Delfos.

O prestixio de Clístenes quedou de manifesto no número de pretendentes que aspiraban á man da súa filla Agárista. Tras obter a vitoria na carreira de cuadrigas[3][4], organizou unha competición na que os principais candidatos foron Megacles, da familia dos Alcmeónidas, e Hipoclides. Como Hipoclides fixo o ridículo bailando en estado de embriaguez diante do tirano, finalmente Megacles foi elixido como esposo de Agárista.

Clístenes faleceu en torno ao ano -570, sendo sucedido por un tal Esquines, cuxo parentesco con Clístenes non está claro. Este Esquines foi expulsado en -556 por unha intervención espartana promovida polo éforo Quirón

Parentes de Clístenes de Sición foron Clístenes de Atenas e Agarista, a nai de Pericles.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. The Encyclopædia Britannica: A Dictionary of Arts, Sciences, and General Literature; the R.S. Peale Reprint, with New Maps and Original American Articles, Volume 12.
  2. Heródoto V,67-68.
  3. Diodoro Sículo, Biblioteca Histórica, Libro VIII, 19.1
  4. Heródoto 6 126.