Saltar ao contido

Cerceta do Baikal

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Cerceta do Baikal

Exemplar adulto
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Aves
Superorde: Galloanserae
Orde: Anseriformes
Familia: Anatidae
Subfamilia: Anatinae
Xénero: Anas
Especie: A. formosa
Nome binomial
'Anas formosa'
Georgi, 1775

A Cerceta do Baikal (Anas formosa ou Nettion formosum) é unha pequena anátida migratoria asiática. As probas moleculares realizadas á especie (Johnson & Sorenson, 1999) e os estudos de conduta (Johnson et al., 2000) suxiren que a cerceta do Baikal non ten parentes próximos entre os parrulos viventes, polo que debería ser clasificada dentro dun xénero zoolóxico distinto de Anas.

Descrición

[editar | editar a fonte]

As cercetas do Baikal son algo meirandes e de cola máis longa cá cerceta común. Miden entre 39 e 43 cm e longo, de 30 a 40 cm de alto e pesan uns 500 gramos. O macho na época de reprodución ten a cabeza cun deseño verde, amarelo e negro é unha liña vertical no lado do peito que o fan inconfundible. En plumaxe de eclipse imitan moito ás femias, pero teñen a plumaxe máis avermellada. As femias teñen tamén un debuxo característico na cabeza, cunha mancha redonda pequena pero prominente de cor branca nas meixelas e unha faixa escura detrás dos ollos. As observacións de femias con marcas en xeito de "bridas" na cara poderían corresponder en realidade a machos novos [2], que teñen unha plumaxe semellante á das femias e que se distinguen dos da cerceta común pola mancha abrancazada na cara.

Distribución

[editar | editar a fonte]

Crían nas zonas forestais siberianas dende a cunca do Ienisei ata a península de Kamchatka. Os principais puntos de invernada están no Xapón, Corea e norte e leste da China. Durante a época da muda das plumas, en xullo, algúns machos emigran as costas árticas, e outros complétana nos lugares de cría.

Alimentación

[editar | editar a fonte]

Aliméntanse de plantas e pequenos animais que filtran na auga.

Reprodución

[editar | editar a fonte]

Nos seus lugares de cría siberianos fan os niños en pantanos, prados asolagados e deltas de ríos. Despois do aparellamento, que ten lugar a mediados de maio, constrúen rapidamente os niños entre a vexetación das ribeiras, cavando un furado no chan que cobren con penuxe. Poñen, entre maio e xuño, de 6 a 10 ovos, que tardan uns 26 días en eclosionar. Os polos pesan ó naceren uns 30 g.

Ameazas e situación da especie

[editar | editar a fonte]

A destrución dos seus lugares de repouso invernal e a caza fixeron dela unha especie ameazada de extinción, e foi clasificada como "vulnerable" pola IUCN. Algúns libros recentes afirman, porén, que a especie está a vivir unha certa recuperación.[3]. Calcúlase que hai uns 300.000 exemplares en todo o mundo.

Estas aves son criadas en Europa dende 1840, cando chegaron os primeiros exemplares importados.

  1. BirdLife International (2012). "Anas formosa". Lista Vermella de especies ameazadas. Versión 2013.2 (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. Consultado o 26 November 2013. 
  2. Dunn, John L. and Alderfer, Jonathan, "National Geographic Field Guide to the Birds of North America, Fifth Edition" ISBN 0-7922-5314-0
  3. Dunn, John L. and Alderfer, Jonathan, "National Geographic Complete Birds of North America", ISBN 0-7922-5314-0

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • A cerceta do Baikal na "Lista vermella de especies ameazadas", da IUCN Inclúe un mapa de distribución e os datos que xustifican a súa clasificación como Vulnerable (inglés)
  • Johnson, Kevin P. & Sorenson, Michael D. (1999): Phylogeny and biogeography of dabbling ducks (genus Anas): a comparison of molecular and morphological evidence. Auk 116(3): 792–805. (inglés) PDF fulltext Arquivado 11 de marzo de 2007 en Wayback Machine.
  • Johnson, Kevin P. McKinney, Frank; Wilson, Robert & Sorenson, Michael D. (2000): The evolution of postcopulatory displays in dabbling ducks (Anatini): a phylogenetic perspective. Animal Behaviour 59(5): 953–963 PDF fulltext

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]