Catedral de Beauvais

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Catedral de Beauvais
Beauvais Cathedral Exterior 1, Picardy, France - Diliff.jpg
Catedral de Beauvais
Datos xerais
PaísFlag of France.svg Francia
RexiónFlag of Picardie.svg Picardía
TipoCatedral
AdvocaciónSan Pedro
Coordenadas49°25′57″N 2°04′53″L / 49.4325, 2.0813888888889Coordenadas: 49°25′57″N 2°04′53″L / 49.4325, 2.0813888888889
Culto
CultoIgrexa Católica
Diocesediocese de Beauvais, Noyon e Senlis.
Arquitectura
Construción1272
Estilogótico
Páxina webwww.cathedrale-beauvais.fr
editar datos en Wikidata ]

A catedral de San Pedro de Beauvais (en lingua francesa: Cathédrale Saint-Pierre de Beauvais) é un templo católico situado na vila de Beauvais, ao norte de Francia, no vale de Thérain de Picardie, na encrucillada das estrada que levan a Amiens, Soissons e París. É a sé do bispado de Beauvais, Noyon e Senlis. É, nalgún aspectos, o logro máis audaz da arquitectura gótica. Construída sobre un templo carolinxio do século IX, a catedral está incompleta, xa que só se remataron o cruceiro, o coro e a ábsida, formado por sete capelas absidiais e xirola.

Historia e estilo[editar | editar a fonte]

O bispado de Beauvais foi fundado, segundo a lenda, por san Luciano, o seu primeiro bispo, no século III d.C. Ao longo dos seguintes séculos construíronse unha serie de igrexas sobre a tumba do santo, no lugar no que hoxe en día se atopa a catedral. Malia non estar rematada segue a ser un dos edificios góticos máis impresionantes do mundo. Os arquitectos de Beauvais transgrediron os límites da técnica levando a cabo un valente experimento usando novas técnicas de construción. O experimento fracasou cando o deseño superou a viabilidade técnica e incluso hoxe en día os especialistas seguen a loitar cos problemas de estabilidade da catedral.

A construción da catedral de Beauvais coincidiu co ascenso ao trono de Luís IX de Francia, e constitúe o comezo do gótico radiante (en francés, rayonnant). O temperamento do promotor, Milón de Nanteuil, non puido soportar con indiferenza as grandes catedrais que se levantaban en lugares como París, Amiens ou Reims e en 1225 decidiu comezar a erguer unha catedral que fose máis alta que as que se estaban a construír.

Os herdeiros de Milón, Renato e Thibaut de Nanteuil prosiguiron coa construción da obra, mais cando se acabou a súa dinastía os labores foron paralizados e todo o esforzo dedicouse a consolidar aquilo que os Nanteuil tiñan construído. A finais do século XIII, dous contrafortes da ábsida crebaron e caeron varias bóvedas do coro, pero case corenta anos máis tarde, “Reducida a un simple coro-ábsida de elevación prodixiosa”,[1] a igrexa foi reforzada por completo. A fins do século XV, o arquitecto máis famoso da época, Martin Chambiges, continuou a construción da obra e só a mediados do XVI decidiron levantar unha frecha-torre no cruceiro, unha vez máis demasiado alta para a súa completa estabilidade (153 metros), derrubándose en 1573. Ademais no interior perseguiuse unha altura de 48 metros, unha cifra impresionante para a época. Por mor das múltiples reestruturacións e restauracións que seguiron aos derrubamentos e aos subseguintes problemas estruturais, o gótico perdeu o pulo que tiña. Amiens e Beauvais supoñen o último chanzo da grande arquitectura gótica francesa, onde a verticalidade e a luz -grandes arelas do gótico- acadan o seu máximo esplendor. Como novidade, o muro exterior do triforio é calado polo que a nave central se ilumina tamén mediante o piso intermedio. As arcarías érguense mediante arcos extremadamente apuntados e o claristorio faise enormemente alto, co que a altura total da bóveda roza os 50 metros no caso de Beauvais.

Reloxo astronómico do século XIX, no interior da sé.

En Beauvais, ademais, podemos apreciar elementos do Gótico pleno (as bóvedas sexpartitas), do Gótico radiante (grandes vidreiras e rosetóns con trazaría en forma de roda), e do Gótico flamexante (a portada sur do cruceiro, onde as liñas ornamentais adquiren perfil de lapa). É polo tanto unha síntese das distintas etapas do Gótico, aínda que predomina o estilo radiante: nesta fase, a luz adquire o total protagonismo xa que se desmaterializa o muro en detrimento da altura para colocar vidreiras, mediante rosetóns ou grandes vans con trazarías.

Exterior da catedral[editar | editar a fonte]

Planta da catedral; a sección máis clara amosa a nave (xamais construída).

San Pedro de Beauvais érguese sobre o chan até os 48 metros. O edificio é impoñente malia o seu estado inconcluso. Falta a nave que debía completar a obra cara o oeste. O transepto mide 58 dun extremo a outro e a distancia dende o fondo da ábsida até a fachada que pecha o espazo no que debería arrincar a nave mide aproximadamente 58 metros. A bóveda descarga sobre unha serie de colosais contrafortes ao más puro estilo gótico: esveltos, rematados con agullas e decorados con gárgolas que representan a criaturas infernais. Aínda que a catedral pertence en esencia ao gótico radiante, as agullas que rematan os contrafortes son máis propias do gótico flamexante, como tamén o son as fachadas do transepto, das que falaremos máis tarde.

O espazo que debería encher a nave está ocupado por unha obra anterior: a Basse Oeuvre, unha igrexa anterior ao inicio da construción da catedral que en principio debía ser substituída por esta. Porén, ao terse abandonado a construción, a catedral quedou acaroada a esta antiga igrexa románica e agora ambas as dúas construcións forman un todo.

Entre os contrafortes poden apreciarse as grandes vidreiras propias do estilo radiante, que deixan paso á luz creando xogos de cores no interior.

A construción serodia do cruceiro supuxo un deses cambios de estilo tan comúns neste tipo de construcións: San Pedro de Beauvais inaugurara o Gótico radiante, mais no momento da construción das fachadas triunfaba o Gótico flamexante. Neste estilo, as formas xa de por si barrocas do Gótico radiante complícanse aínda máis. A pedra retórtase creando formas caprichosas que lembran a lapas, cun pulo do estético sobre o estrutural. Un dos elementos que sufriu un maior cambio é o rosetón. No flamexante, aumentan de tamaño e adquiren formas moito máis complicadas. A primeira consecuencia deste cambio é estrutural: os rosetóns non son elementos de sustento efectivos, polo que o aumento do seu tamaño implica unha maior inestabilidade.

Fachada sur.

Neste estilo enmárcanse as fachadas do transepto. Ditas fachadas foron construídas por Martin Chambiges no século XVI. Dende entón, a fachada sur serviu de pórtico principal á catedral. As portas de madeira deste pórtico mostran escenas da vida de San Pedro e San Paulo e enmárcanse xa na Renacenza.

En 1605 foi construída unha parede que pechaba a catedral no espazo onde debería arrancar a nave. Este muro, en inicio provisional, foi o cerramento da catedral até o día de hoxe.

Porén, a catedral de Beauvais non sempre tivo o seu aspecto actual: unha gran frecha foi construída sobre o cruceiro. Esta torre erguíase até os 153 metros, a mesma altura que a Gran Pirámide, converténdose no momento de ser rematada (1567) na segunda estrutura máis alta do mundo. Porén derrubouse o día da Ascensión de 1573, poucos minutos despois de que os fieis e os cregos abandonasen o templo en procesión. Fora deseñada polo arquitecto Jean Vast e a súa construción iniciouse en 1566.

Cifras[editar | editar a fonte]

  • Lonxitude interior do transepto: 58,6 m.
  • Lonxitude do coro: 47 m.
  • Altura exterior: 67 m (as torres de Notre-Dame de París acadan os 69 metros, as torres de Santiago de Compostela os 80 metros).
  • Altura da fachada meridional: 64,4 m.
  • Altura do coro: 48 m (récord mundial nunha catedral gótica; comparándoa con outras: Palma de Mallorca 44 m, Amiens 42,3 m; Metz 41,41 m; Reims 38 m; Bourges 37,5 m).
  • Diámetro dos rosetóns norte e sur: 11 m.
  • Altura dos tres niveis do coro:
    • Arcada: 21,2 m.
    • Triforio: 4 m.
    • Claristorio: 17 m.
  • Altura da frecha (derrubada en 1573): 151,6 m.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. J.PIJOAN; Summa artis, tomo XI, p. 140; Ed. Espasa-Calpe; Sétima Edición.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]