Catalán no Rosellón

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar para a navegação Saltar para a pesquisa
Territorio de lingua catalá en cor laranxa, falares de transición ou discutidos en amarelo e occitano en gris.

O Rosellón é unha rexión histórica, tradicionalmente, parte de Cataluña e de lingua catalá pero tras o Tratado dos Pireneos asinado en 1659 entre España e Francia separouse do resto de Cataluña para quedar baixo soberanía francesa, formou xunto coa comarca de lingua occitana de Fenolleda o departamento dos Pireneos Orientais. No Rosellón o catalán mantívose como a lingua da práctica totalidade de poboación mentres o francés non pasou de ser a lingua administrativa e do exército ata o comezo da Revolución Francesa cando comezou a ser aceptada polas clases dirixentes, con todo o primeiro chanzo de substitución lingüística entre a maioría da poboación principiou coa extensión da educación gratuíta e obrigatoria en 1881 e sobre todo a partir de 1930-1945.

Marco xurídico[editar | editar a fonte]

O Rosellón forma a maior parte do departamento dos Pireneos Orientais dentro da rexión Languedoc-Rosellón, rexión cunhas moi limitadas competencias dentro de Francia que é o marco lexislativo único, o francés é a única lingua oficial do Estado francés, o catalán como as outras linguas consideradas rexionais carecen dun marco xurídico de protección ou recoñecemento, Francia é un dos estados que non ratificou a Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias.

Toponimia[editar | editar a fonte]

En Francia son formas oficiais os nomes de departamento, arrondissement, de cantón e de municipio, e son en francés ou ben son formas deturpadas e afrancesadas da lingua do lugar, ás veces cosérvanse os topónimos da lingua local sen modificar (sobre todo dos municipios máis pequenos e daqueles que coinciden co francés), noutros casos son traducións ou formas orixinais francesas, e isto é tamén así no Rosellón: 27 concellos teñen o seu nome traducido ao francés, 21 están traducidos parcialmente, 2 recibiron un novo nome en francés diferente do catalán orixinal, 40 teñen nomes cataláns correctos, 57 levan o nome catalán case correctamente escrito e 71 aparece cunha forma catalá afrancesada. O Consello de Estado francés é o ente encargado de modificar as formas oficiais dos topónimos previa petición do órgano local de goberno. O resto dos topónimos carecen de forma oficial e aparecen no catastro ou mapas oficiais segundo a tradición, pódense corrixir a petición dos alcaldes ou dos gobernos municipais ou por propia iniciativa do Instituto Xeográfico Nacional.

Ensino[editar | editar a fonte]

A lei Deixonne de 1951 permitiu o ensino, sempre de xeito voluntario, das denominadas linguas e dialectos locais, en principio unha hora por semana e desde 1983 tres horas. No ano 1976 aparece a rede de escolas Bressoles, escolas comunitarias con ensino bilingüe. En 1990 unha escisión leva á aparición da asociación Arrels que xestiona unha escola en Perpiñán, nese ano aprobouse o CAPES de catalán (que capacita ao profesorado de ensino secundario). En 1996 na escola arrels e nas 5 bressolas estudaban 300 alumnos, no ano 2008 eran 8 bressolas e 1 arrels, en total contaban cuns 750 alumnos. Polo que fai ao ensino xeral público no ano 1998 un 19% dos alumnos de primaria e o 6% de primaria tiña algún tipo de ensino de catalán.

Na Universidade de Perpiñán existe desde 1982 un Departamento de Estudos Cataláns, inscrito desde 1987 no Instituto Franco-Catalán Transfronteirizo, ao que están adscritos 9 profesores e 1 lector (2007) e arredor de 200 alumnos inscríbense todos os anos en diplomas de catalán.

Medios de comunicación[editar | editar a fonte]

En Perpiñán a emisora local Ràdio Arrels, ligada á escola de igual nome, emite integramente en lingua catalá, hai diversos programas en catalán nas emisoras locais, pero con todo a maior parte das emisións son en francés. Na televisión a emisora pública France 3 emite un programa informativo semanal de sete minutos e outro cada tres semanas de quince minutos. A emisora publica local Perpignan TV realiza programas infantís, un curso de catalán e un magazine semanal en catalán.

Así e todo no Rosellón pódense ver as emisoras de radio e televisión catalás pero non hai frecuencias asignadas en catalán para a televisión dixital terrestre.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Iglésias, N. La llengua del Rosselló, qüestió d'Estat, Girona 1998
  • Larreuela, E. Situació de l'aprenentatge de la llengua catalana a les escoles de la Catalunya Nord en Articles nº 7, Barcelona 1996