Carta de poboamento

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Carta de poboamento, carta pobra, privilexio de poboación ou en latín, chartae populationis é o nome do documento polo que os reis cristiáns, señores laicos, eclesiásticos ou as ordes militares da Península Ibérica outorgaban unha serie de privilexios aos diferentes grupos de poboación co fin de conseguir a repoboación de determinadas áreas de interese económico ou estratéxico durante a reconquista. Constituíu a primeira manifestación de dereito local que apareceu durante dito proceso.

Orixe[editar | editar a fonte]

As cartas de poboamento xurdiron no contexto do proceso de reconquista cristiá da península e da posterior repoboación das zonas recuperadas militarmente. Con eles pretendíase asegurar as novas fronteiras, mediante o asentamento dunha poboación guerreira e campesiña; e a revitalización das terras conquistadas aos musulmáns, propiciando a creación de novas fontes de riqueza e o consecuente incremento dos recursos do tesouro real. Ademais, serviron aos reis como instrumento político de equilibrio fronte ao poder señorial, permitindo a xeración de núcleos urbanos formados por homes libres, que actuaban como terceira forza entre os señores e os monarcas.

Dado que a súa finalidade primordial era atraer colonos, estas cartas limitáronse, en xeral, a fixar as condicións legais para a ocupación do territorio e o asentamento nel, así como as relacións entre os colonos e o señor da terra. Algunhas tamén contiñan unha incipiente regulación legal da vida local. Empregáronse principalmente na repoboación das zonas do norte e centro da Península Ibérica, zonas en xeral deshabitadas ou con pouca poboación residente.

Ao final da reconquista cristiá, a actividade de repoboación decaeu. Por outra banda, o poder real buscou o seu fortalecemento mediante a unidade xurídica dos reinos e os dereitos locais que son substituídos por normas xerais. Aínda así, esta fórmula perdura ata o século XVII, nalgúns ámbitos e en circunstancias concretas.

Tipos[editar | editar a fonte]

O outorgante da carta pobra era o respectivo señor do territorio: rei, conde, señor ou bispo, que actuaba por iniciativa propia (ou como delegado do rei) ou, en ocasións, a petición dos mesmos súbditos. Neste último caso, estes acordos terían un certo carácter de pacto.

Dentro das cartas de poboamento pódense distinguir diversas modalidades, segundo a súa natureza e contido. Entre eles, pódense mencionar:

  • O contrato agrario-colectivo: que era de carácter privado e fixaba as normas que debían cumprir os poboadores que se instalarían na zona: límites, propiedade da terra, rendas, etc.
  • O contrato público agrario-colectivo ou carta de poboamento de carácter público: que estableceu un réxime xurídico-público, establecendo exencións ou privilexios de carácter económico, etc.

Algunhas cartas de poboamento chegaron a conter certas normas de dereito civil, penal e procesual.

Relación cos Foros[editar | editar a fonte]

As cartas de poboamento están estreitamente relacionadas coas cartas forais. Nalgúns casos, a principal diferenza entre cartas e os foros vén dada pola circunstancia da súa concesión. Así o expresan determinadas letras no seu texto: concesión do lugar ad populandum, fixación dos límites, especificación do número de poboadores e da súa procedencia. Outras, en cambio, non se diferencian moito dos foros polo seu contido. Por iso, certos historiadores do dereito non comparten esta terminoloxía e distinción, por considerar que todos os documentos que, dalgún xeito, regulaban a vida local, son foros.[1]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Carta Puebla". canalsocial.net. Archived from the original on 18 de xaneiro de 2014. Consultado o 2023. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]