Carolina (nome)
Carolina[1][2] é un nome propio feminino galego. Procede do xermánico Karl (home nas linguas nórdicas), latinizado como Carolus que tamén dá orixe á variante masculina Carlos. Nun principio significaba home libre mais despois pasou a designar o cargo de mestre ou mordomo do pazo entre os reis francos. Cando o poder destes mordomos medrou, Karl pasou a ser un título e, finalmente, chegou a ser nome propio.[3] En galego tamén ten as variantes Carlota e Carla, e o hipocorístico Carola.[2]
En xaneiro de 2023 existían 3.264 mulleres en Galicia co nome Carolina, cunha media de idade de 33,2 anos,[4] 2.424 co nome Carlota, cunha media de idade de 18,3 anos,[5] 5.713 co nome Carla, cunha media de idade de 17,6 anos[6] e 38 co nome Carola, cunha media de idade de 23,8 anos.[7]
Etimoloxía
[editar | editar a fonte]Karl é o hipocorístico de varios nomes cuxo primeiro elemento era karl —como Karlman (Carlomán)—, proveniente do antigo alto alemán cháral (‘home’, ‘amante’), que sobrevive no alemán moderno kerl (‘individuo’). Porén, co prefixo hus (house = ‘casa’) formaba Huscarl (‘home da casa’, é dicir, ‘servente’ ou ‘escravo’). Algúns estudosos defenden a súa vinculación co grego γηραλέος gueraléos (‘vello’), defendendo o significado de ‘home maduro’, ‘home experto’.
Carolina é un diminutivo de Carola, á súa volta, unha variante de Carla; que deriva do latín medieval Carolus (Carlos). O nome fíxose popular por ser o nome de varias raíñas, princesas e nobres. O nome tamén o levan dous estados dos Estados Unidos de América: Carolina do Norte e Carolina do Sur, que tomaron o nome de Carlos I de Inglaterra.
Onomástica
[editar | editar a fonte]O nome non ten santa patroa, mais si conta con algunha beata así chamada: Karolina Gerhardinger, fundadora da Escola das Irmás de Nosa Señora, lembrada o 9 de maio[8], e Karolina Kózkówna, virxe e mártir de Wał-Ruda, chamada "a Maria Goretti polaca", conmemorada o 18 de novembro[9].
Coma alternativa, a onomástica pódese festexar o mesmo día ca o nome Carlos (4 de novembro en memoria de san Carlos Borromeo).
O nome en Galicia
[editar | editar a fonte]Carolina non é un dos nomes máis comúns en Galicia. Porén é de salientar que unha das cantigas populares de Galicia (e tamén norte de Portugal) máis famosas leve este nome: A Carolina.
Variantes noutras linguas
[editar | editar a fonte]- Caroline (inglés, francés, alemán, neerlandés, romanés, noruegués, dinamarqués)
- Carolina (español, italiano, galego, catalán, portugués, francés, sueco, búlgaro)
- Karolina (polaco)
- Каролина (ruso, ucraíno)
- Carla (neerlandés, inglés, alemán, francés, italiano, portugués, galego, español)
- Carol (inglés, portugués)
- Carolyn (inglés)
- Coraline (latín)
- Καρολίνα (Carolina ou Karolina) (grego)
- Karol (eslavo)
- Karolina (eslavo, polaco, checo, sueco)
- Karoliina (finlandés, estoniano)
- Carola (galego, alemán, sueco)
- Carlynn Carolynn ou Carry (italiano)
- Karleen (alemán)
- Karlina (alemán)
- Carlota (español, portugués, galego, catalán)
- Carlotta (italiano)
- Carly (inglés)
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Xunta de Galicia (ed.). "Ímoslle chamar..." (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 04 de marzo de 2018. Consultado o 13 de xuño de 2017.
- ↑ 2,0 2,1 Boullón Agrelo, Ana Isabel (coord.): Guía de nomes galegos A Coruña: Real Academia Galega.
- ↑ "Ímoslle chamar da [[Xunta de Galicia]] a través de www.lingua.gal" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 04 de marzo de 2018. Consultado o 15 de setembro de 2015.
- ↑ Nome Carolina na Web do Intituto Galego de Estatística
- ↑ Nome Carlota na Web do Intituto Galego de Estatística
- ↑ Nome Carla na Web do Intituto Galego de Estatística
- ↑ Nome Carola na Web do Intituto Galego de Estatística
- ↑ "Beata Maria Teresa di Gesù (Carolina Gerhardinger)". Santi, beati e testimoni. Consultado o 15 outubro 2014.
- ↑ "Beata Carolina Kozka". Santi, beati e testimoni. Consultado o 15 outubro 2014.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Outros artigos
[editar | editar a fonte]- Carlos (variante masculina do nome)
- A Carolina, cantiga popular galegoportuguesa.
- Lista de nomes femininos en galego
- Lista de nomes femininos galegos máis comúns