Caranza, Ferrol

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Coordenadas: 43°28′47″N 8°12′11″O / 43.47975, -8.20309

Igrexa de Caranza, Ferrol

Caranza é un distrito de Ferrol. Situado no alfoz da cidade, a rentes do mar, ten a súa orixe no ano 1970 cando o Ministerio da Vivenda franquista ordenou a súa construción coa idea de que servise de aloxamento ás familias expulsadas mediante expropiación do antigo barrio de Esteiro, que foi demolido en 1974 polos planos urbanísticos. O novo barrio foi inaugurado o 22 de agosto de 1972 coa práctica totalidade das edificacións finalizadas. A entrega das novas vivendas, xa rematadas, viuse sometida a un escandaloso atraso, obrigando á maior parte das familias (de orixe obreira e humilde) a malvivir en barracóns durante máis de tres anos. No ano 1977 nunha acción espontánea e non organizada as casas comezan a ser ocupadas pola forza, sen maior oposición por parte das autoridades.

Historia[editar | editar a fonte]

Caranza constituía parroquia de seu, e está documentada xa no século IX como Santa María de Carancia. En 1940, ao ser anexado o concello de Serantes polo de Ferrol, pasou a ser parroquia rural de Ferrol[1] e dende os anos setenta, coa construción do polígono residencial, en distrito da cidade.

O barrio, axiña convertido nun enclave-dormitorio para os obreiros da cidade, sufriu relativos abandonos por parte do poder municipal, configurándose cada vez máis a súa situación marxinal, e pasando a dotarse de moitas infraestruturas e actividades por iniciativa propia dos veciños, especialmente no ámbito deportivo. Iso tamén contribuíu a forxar parte da conciencia de barrio e do orgullo dos seus habitantes.

Na década de 1980 sufriu dun xeito especialmente intenso as consecuencias da crise naval, pasando a albergar unha boa parte dos novos parados ou afectados polas reconversións navais. A isto hai que sumarlle o impacto da heroína na súa mocidade, que o converteu durante boa parte dos anos oitenta nun dos lugares máis deprimidos, marxinados e violentos de Galiza, afectándolle tamén a consecuente caída demográfica conforme ían pasando os anos.[2]

Carril bici en Caranza

Na década de 1990 o poder municipal levou a cabo unha serie de iniciativas, coa finalidade de mellorar as súas infraestruturas, en especial o transporte, e tamén o seu aspecto externo. Unidas á proximidade e posterior desenvolvemento do polígono comercial da Gándara, estas iniciativas normalizaron un tanto a relación do barrio co resto da cidade.

A comezos do século XXI construíronse un polideportivo, nomeado Xavier Gómez Noya,[3] unha nova igrexa[4] e un centro de día de maiores.

Educación[editar | editar a fonte]

No barrio hai un colexio público, o CEIP Manuel Masdías (entre As Casas do Paseo, As Grises e o Mercado Municipal de Caranza), dous colexios concertados e de ámbito relixioso, o Santa Xoana de Lestonac, da Compañía de María (nas Casas de Xava), e o La Salle Ferrol dos Colegios La Salle.[5] Tamén hai un instituto, o IES Carballo Calero, e un centro de formación, o Rodolfo Ucha Piñeiro.[6] Tamén se atopa aquí o Conservatorio de Música Xan Viaño. Antes había outro colexio, o Santa María de Caranza.

Deporte[editar | editar a fonte]

O club Sociedad Cultural Deportiva Recreativa Galicia de Caranza, nado a finais dos anos vinte do pasado século, é o referente deportivo e futbolístico do barrio, xogando en Terceira Rexional Galega.[7]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Caranza". IES Ricardo Carballo Calero. 
  2. La generación perdida de Caranza
  3. El complejo de Caranza ya lleva el nombre de Javier Gómez Noya
  4. "Nueva iglesia para Caranza". Arquivado dende o orixinal o 01 de decembro de 2017. Consultado o 23 de novembro de 2017. 
  5. "Historia do Colexio". Arquivado dende o orixinal o 01 de decembro de 2017. Consultado o 23 de novembro de 2017. 
  6. "CIFP Rodolfo Ucha". Arquivado dende o orixinal o 25 de maio de 2013. Consultado o 26 de maio de 2013. 
  7. "Galicia de Caranza". Arquivado dende o orixinal o 01 de decembro de 2017. Consultado o 23 de novembro de 2017. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]