Caranza, Ferrol
Localización | ||||
---|---|---|---|---|
| ||||
Estado | España | |||
Comunidade autónoma | Galicia | |||
Provincia | Provincia da Coruña | |||
Concello | Ferrol | |||
Caranza é un distrito de Ferrol. Situado no alfoz da cidade, a rentes do mar, ten a súa orixe no ano 1970 cando o Ministerio da Vivenda franquista ordenou a súa construción coa idea de que servise de aloxamento ás familias expulsadas mediante expropiación do antigo barrio de Esteiro, que foi demolido en 1974 polos planos urbanísticos. O novo barrio foi inaugurado o 22 de agosto de 1972 coa práctica totalidade das edificacións finalizadas. A entrega das novas vivendas, xa rematadas, viuse sometida a un escandaloso atraso, obrigando á maior parte das familias (de orixe obreira e humilde) a malvivir en barracóns durante máis de tres anos. No ano 1977 nunha acción espontánea e non organizada as casas comezan a ser ocupadas pola forza, sen maior oposición por parte das autoridades.
Historia
[editar | editar a fonte]Caranza constituía parroquia de seu, e está documentada xa no século IX como Santa María de Carancia. En 1940, ao ser anexado o concello de Serantes polo de Ferrol, pasou a ser parroquia rural de Ferrol[1] e dende os anos setenta, coa construción do polígono residencial, en distrito da cidade.
O barrio, axiña convertido nun enclave-dormitorio para os obreiros da cidade, sufriu relativos abandonos por parte do poder municipal, configurándose cada vez máis a súa situación marxinal, e pasando a dotarse de moitas infraestruturas e actividades por iniciativa propia dos veciños, especialmente no ámbito deportivo. Iso tamén contribuíu a forxar parte da conciencia de barrio e do orgullo dos seus habitantes.
Na década de 1980 sufriu dun xeito especialmente intenso as consecuencias da crise naval, pasando a albergar unha boa parte dos novos parados ou afectados polas reconversións navais. A isto hai que sumarlle o impacto da heroína na súa mocidade, que o converteu durante boa parte dos anos oitenta nun dos lugares máis deprimidos, marxinados e violentos de Galiza, afectándolle tamén a consecuente caída demográfica conforme ían pasando os anos.[2]
Na década de 1990 o poder municipal levou a cabo unha serie de iniciativas, coa finalidade de mellorar as súas infraestruturas, en especial o transporte, e tamén o seu aspecto externo. Unidas á proximidade e posterior desenvolvemento do polígono comercial da Gándara, estas iniciativas normalizaron un tanto a relación do barrio co resto da cidade.
A comezos do século XXI construíronse un polideportivo, nomeado Xavier Gómez Noya,[3] unha nova igrexa[4] e un centro de día de maiores.
Educación
[editar | editar a fonte]No barrio hai un colexio público, o CEIP Ledicia (antes Manuel Masdías, situado entre As Casas do Paseo, As Grises e o Mercado Municipal de Caranza), dous colexios concertados e de ámbito relixioso, o Santa Xoana de Lestonac, da Compañía de María (nas Casas de Xava), e o La Salle Ferrol dos Colegios La Salle.[5] Tamén hai un instituto, o IES Carballo Calero, e un centro de formación, o Rodolfo Ucha Piñeiro.[6] Tamén se atopa aquí o Conservatorio de Música Xan Viaño. Antes había outro colexio, o Santa María de Caranza, agora centro de formación para adultos.
Seguridade
[editar | editar a fonte]O barrio de Caranza ten fama de ser un dos barrios menos seguros de toda Galiza pola grande concentración de colectivos marxinados pola sociedade (pobo xitano) e a gran presenza de drogas nos anos 80.
Actualmente, o barrio de Caranza volve a ser un barrio relativamente tranquilo, exceptuando situacións puntuais como unha alerta por bomba [7] ou batallas entre bandas conflictivas polo control do territorio. [8]
Deporte
[editar | editar a fonte]O club Sociedad Cultural Deportiva Recreativa Galicia de Caranza, nado a finais dos anos vinte do pasado século, é o referente deportivo e futbolístico do barrio, xogando en Terceira Rexional Galega.[9]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Caranza". IES Ricardo Carballo Calero.
- ↑ La generación perdida de Caranza
- ↑ El complejo de Caranza ya lleva el nombre de Javier Gómez Noya
- ↑ "Nueva iglesia para Caranza". Arquivado dende o orixinal o 01 de decembro de 2017. Consultado o 23 de novembro de 2017.
- ↑ "Historia do Colexio". Arquivado dende o orixinal o 01 de decembro de 2017. Consultado o 23 de novembro de 2017.
- ↑ "CIFP Rodolfo Ucha". Arquivado dende o orixinal o 25 de maio de 2013. Consultado o 26 de maio de 2013.
- ↑ "Una caja vacía en Batallones activa la alerta en Ferrol". La Voz de Galicia (en castelán). 2016-05-09. Consultado o 2023-12-11.
- ↑ "Robos y reyertas marcan en Ferrol los barrios más castigados por la droga". La Voz de Galicia (en castelán). 2022-09-04. Consultado o 2023-12-11.
- ↑ "Galicia de Caranza". Arquivado dende o orixinal o 01 de decembro de 2017. Consultado o 23 de novembro de 2017.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Graña Fernández, Xabier (2018-2019). El conflicto en la construcción espacial y social de una periferia urbana: el barrio de Caranza (PDF) (Tese) (en castelán). UNED.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Caranza na páxina do IES Carballo Calero
- Caranza sería el cuarto municipio de la zona pese a la caída poblacional
- Blog Urban Idade