Campo de concentración de Camposancos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 41°53′17″N 8°51′10″O / 41.8881, -8.8529

Colexio en ruínas, en 2011.

O campo de concentración de Camposancos foi un dos campos de concentración do Franquismo, e acolleu prisioneiros políticos e combatentes do Exército Popular da República.[1][2] Situado na parroquia de Camposancos (A Guarda), estivo activo entre 1938 e 1941.

Historia[editar | editar a fonte]

O edificio, que tempo atrás fora un colexio xesuíta e posteriormente unha das primeiras universidades desa mesma compañía, foi reconvertido en prisión polo bando sublevado na Guerra Civil xa en xullo de 1936. Nestes primeiros meses de conflito producíronse un número indeterminado de execucións extraxudiciais de detidos.​[3] Existe constancia documental do seu uso uso como campo de concentración en outubro de 1937, e en novembro de 1939 volveu a pasar a depender da Dirección Xeral de Prisións. Chegou a albergar a máis de 2000 presos.[4]

O 28 de outubro de 1937, tal e como deixou constancia por escrito o alcalde e arquiveiro de Baiona, fondeou nesta localidade galega o vapor Arichachu con 3.167 homes, 140 mulleres e algúns nenos capturados en Asturias, que foron conducidos en camións a Camposancos. Neste recinto de concentración, coñecido en Galicia como «a porta do inferno», faleceron polo menos 74 reclusos por golpes ou enfermidades provocadas polo pouco espazo e a falta de hixiene e atención médica.[5]

Clasificación dun prisioneiro.

Tamén alí tiveron lugar consellos de guerra sumarísimos, tendo documentado o investigador Marcelino Laruelo, 31 deles. A duración media era dunha hora, pero ao ser xuízos colectivos o tempo dedicado a cada acusado era de apenas cinco minutos. O tribunal comezou a actuar o 4 de xuño de 1938, celebrando tres consellos de guerra nos que se xulgou a vinte homes en cada un deles.​ Durante todo ese período ditáronse 222 penas de morte (executándose 156), 143 cadeas perpetuas, 118 condenas a 20 anos de reclusión, 51 a 5 anos e 9 a 12 anos.[6]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Alonso, Sara (4/9/2012). "Camposancos pierde su memoria". El País. 
  2. Listaxe de persoas de orixe castelá-manchega fusiladas no campo de concentración
  3. Hernández de Miguel 2019, p. 219.
  4. Hernández de Miguel, Carlos. "Campo de concentración de Camposancos". loscamposdeconcentraciondefranco.es (en castelán). Consultado o 15 de abril de 2021. 
  5. Hernández de Miguel 2019, pp. 213-214.
  6. Suárez Martínez 2003, pp. 103-116.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]