Cambio fonético

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O cambio fonético é un tipo de cambio lingüístico que se dá no nivel fonético-fonolóxico dunha lingua, consistente en altera-la articulación dun determinado fonema. Un cambio fonético pode ser puramente fonético se o inventario básico de fonemas da lingua queda inalterado e simplemente algúns fonemas reciben unha articulación diferente á usual antes do cambio, ou pode ser un cambio fonolóxico se o inventario básico de fonemas queda alterado, ben porque se perdan contrastes e polo tanto o número de fonemas se reduza ou aparezan contrastes relevantes novos, o cal aumenta o número de fonemas.

Tamén se usa a expresión cambio fonético para designar ó proceso polo cal unha lingua altera o seu sistema fonolóxico co tempo. Este fenómenoo forma parte do cambio lingüístico, o proceso universal e inevitable polo cal as linguas cambian no tempo e polo cal estadios da lingua de diferentes épocas poden chegar a perder intelixibilidade.

Os cambios espontáneos ou non sistemáticos prodúcense aleatoriamente e afectan a palabras particulares, en xeral considéranse suxeitos a accidentes históricos e modas varias. No proceso de cambio lingüístico constitúen só unha parte dos cambios fonéticos obervados. Doutra banda, os cambios condicionados ou sistemáticos prodúcense en determinados contextos fixos e non distribuídos ó azar. Teñen lugar como resultado da influencia doutros sons adxacentes.

Os cambios fonéticos poden deberse a indución, subtracción, adición ou transposición.

Indución[editar | editar a fonte]

A indución é debida á influencia doutros sons da cadea fonética ou morfolóxica. Poden adoptar varias formas, mais sempre responden a unha tendencia inconsciente a aforrar enerxía articulatoria.

Asimilación[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Asimilación.

É un proceso polo cal un fonema ou son adquire trazos fonéticos que o fan máis asemellado ou "asimilan" a un fonema ou grupo de fonemas adxacentes ou próximos. Entre as formas de asimilación están a sonorización, o enxordecemento, a nasalización, a labialización e a velarización.

Disimilación[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Disimilación.

Para a disimilación das consoantes aspiradas, véxase Lei de Grassmann

A disimilación débese á acción exercida por un son sobre outro da mesma palabra, co que posúe todos ou algúns elementos articulatorios comúns, que consiste en lle facer perder estes trazos comúns. Pode chegar incluso a facelos desaparecer, dándose entón unha subtracción.

Indución morfolóxica[editar | editar a fonte]

A indución morfolóxica pode deberse a alteracións de prefixos e de sílabas iniciais (de AUS- a es-, como AUSCŬLTĀRE > escoitar), a cruzamentos léxicos (RŪGĪRE > ruxir + RĬNGĔRE > renxer = runxir) ou a unha etimoloxía popular (DELPHĪNU > golfiño por influencia de "golfo").

Subtracción[editar | editar a fonte]

A subtracción é a perda dun dos sons da cadea fonética. Pode ser por aférese (ao inicio da palabra, como ATTŎNĬTU > tonto), por síncope (no medio, como LĒGALĬTĀTE > lealdade) ou por apócope (ao final, como CĔNTU > cento > cen). Amais, están os casos de haploloxía, cando se perde unha sílaba enteira, e monotongación.

Adición[editar | editar a fonte]

A adición é a aparición dun novo elemento na cadea fonética. Pode ser por prótese (ao inicio da palabra, como PALPĀRE > apalpar), epéntese (no medio, como STĒLLA > estrela) ou paragoxe (ao final), amais dos casos de anaptixe e ditongación (ŎRĪGAĪNU > ourego).

Transposición[editar | editar a fonte]

A transposición é o proceso de mudanza no lugar dun fonema ou grupo fonético na cadea sonora dunha palabra. Adoita deberse á necesidade de face-la pronunciación da palabra máis sinxela. Pode darse por metátese (unidades segmentais, como SŬPER > sobre) ou por hiperbibasmo (unidades suprasegmentais, mudando o punto de acentuación).

Se o son que se despraza mantén contacto co son que se agrupa etimoloxicamente é unha metátese de contacto. Se dous sons cambian os seus lugares respectivos é unha metátese dobre ou recíproca.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]


Este artigo tan só é un bosquexo
 Este artigo sobre lingüística é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.
 Existen igualmente outros artigos relacionados con este tema nos que tamén podes contribuír.