Saltar ao contido

Calcolítico na Península Ibérica

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Calcolítico na Península Ibérica
Historia Prehistoria da Península Ibérica
Categoría Historia da Península Ibérica
Prehistoria
Paleolítico na Península Ibérica
Mesolítico na Península Ibérica
Neolítico na Península Ibérica
Calcolítico na Península Ibérica
Idade de Bronce na Península Ibérica
Idade de Ferro na Península Ibérica

O Calcolítico na Península Ibérica singulariza esta fase da Prehistoria (tamén denominada Idade do Cobre ou Eneolítico) nun ámbito xeográfico concreto, o peninsular. Este momento correspóndese cun claro incremento na complexidade social que mostraba o período precedente, o Neolítico, anunciando os posteriores cambios que se produciron durante a Idade de Bronce e de Ferro. Hai investigadores que o subdividen en Calcolítico Inicial, Pleno e Final.

Ídolo oculado (chamado "Ídolo de Estremadura"). Obra de arte esquemático esculpida en alabastro no val do Guadalquivir durante o Calcolítico (terceiro milenio a. C.).

Os grupos arqueolóxicos máis significativos foron os do castro de Leceia, en Barcarena (Oeiras, distrito de Lisboa), de finais do Neolítico até a Idade do Cobre, descuberto a finais do XIX polo pai da estratigrafía e arqueoloxía portuguesa, Carlos Ribeiro, e escavado a principios do século XX (1914) por José Leite de Vasconcelos, naturalista e arqueólogo, e o máis recente Vila Nova, en Vila Nova de São Pedro (Azambuja, distrito de Lisboa) (Portugal), e Los Millares, en Almería (España). Durante o III milenio a. C. o territorio peninsular distou moito de ser culturalmente uniforme. Así, pódese dividir a Península Ibérica en, cando menos, tres grandes áreas que presentan unhas certas características propias: sueste, suroeste e interior (que incluiría o norte de Portugal).[1] Hoxe en día, parece claro que estes foron o resultado de procesos autóctonos, xerados a partir do substrato de poboación neolítico indíxena.

Contextualizando o Calcolítico

[editar | editar a fonte]

Aínda que o Calcolítico (do grego chalkós, cobre) debe o seu nome e sempre se identificou co uso dos primeiros metais por parte da humanidade, hai asociados moitos outros procesos de cambio que son mesmo máis importantes que a propia metalurxia:

  1. Aumento demográfico e protourbanización dos poboados, que son máis amplos e con mellores infraestruturas.
  2. Crecemento da produción de alimentos debido á intensificación da actividade agrícola e á explotación dos produtos derivados da gandaría.
  3. Cambios sociais que conduciron á creación de xerarquías embrionarias que desembocaron nunha sociedade de xefaturas (centralización política).

O metal debeu ser un elemento máis entre as numerosas innovacións que se produciron durante o III milenio a. C. na Península.[2]

Estas transformacións detéctanse inicialmente nos grupos do mediodía peninsular, pero é difícil establecer unha orde de prioridade sobre onde apareceron por primeira vez. Posteriormente, estas comunidades incorporaron o vaso campaniforme, que, tradicionalmente, foi utilizado para marcar un antes e un despois nas periodizacións (por exemplo, no sueste: Precampaniforme ou Millares I e Campaniforme ou Millares II). Actualmente, e sen negar a importancia do campaniforme como fósil director do Calcolítico final, algúns investigadores mostran reticencias á hora de establecer esta diferenciación en dous momentos entre os que non se observa ningunha ruptura. Por iso, empézase a prescindir desta secuenciación e a considerar o campaniforme como unha simple adición artefactual, unha moda.[2]

  1. "Copia archivada" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 6 de marzo de 2016. Consultado o 20 de xuño de 2011. 
  2. 2,0 2,1 Delibes, Germán; Fernández-Miranda, Manuel (1993). Los orígenes de la civilización. El Calcolítico en el Viejo Mundo. Madrid (primera ed.) (Editorial Síntesis). p. 156. ISBN 84-7738-181-X. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]